Explicación: Palomar 12 non naceu aquí. As estrelas do cúmulo globular, o primeiro que se identificou no Palomar Sky Survey (“Sondaxe do Ceo Palomar”), son máis novas cás dos outros cúmulos globulares de estrelas que vagan polo halo da nosa Galaxia Vía Láctea. A posición de Palomar 12 na nosa galaxia e o movemento que se lle mediu suxiren que o seu fogar foi noutrora a galaxia elíptica anana Sagittarius, unha pequena satélite da Vía Láctea. Perturbada polas mareas gravitatorias durante os encontros achegados, a galaxia satélite perdeu as súas estrelas en favor da maior Vía Láctea. A captura gravitatoria de Palomar 12, agora parte do halo da Vía Láctea, probablemente tivo lugar hai uns 1,7 mil millóns de anos. Palomar 12, tal e como se olla por tras das estrelas con puntas en primeiro plano nesta definida imaxe do Hubble, abarca case 60 anos luz. Atópase a uns 60.000 anos luz de distancia, cara a constelación Capricornus.