Martes 16 Abril 2024

Outubro, o mes no que se desbordou a segunda onda da pandemia

A transmisión do coronavirus nas pasadas semanas provoca o falecemento nun só día de 21 persoas en Galicia, unha das peores cifras desde marzo

Boa parte de Europa asómase a unhas semanas críticas fronte á segunda onda da pandemia da Covid-19. A finais do verán, a pesar do lento aumento de casos, parecía pouco probable que se chegase ás medidas de confinamento domiciliario xa avanzadas por algúns países. Por agora, en España non se tomou esta decisión, a pesar de que as cifras de casos, a ocupación nos hospitais e os falecementos está a acadar valores cada vez máis preocupantes. Galicia, cunha incidencia tamén crecente nas últimas semanas, rexistrou este luns unha das peores cifras de óbitos da pandemia, con 21 mortes engadidas á serie, o que eleva a cifra total a 944. Desde o 8 de agosto, cando se produciu o primeiro óbito despois de case dous meses, faleceron en Galicia 325 persoas, máis da metade das mortes rexistradas entre mediados de marzo e comezos de xuño.

 

As razóns deste aumento da propagación seguen sendo, en parte, unha incógnita, por mor do descoñecemento que aínda hai sobre o SARS-CoV-2, aínda que xa existen certezas que levan a pensar que, ademais da propagación directa de persoa a persoa, factores como os aerosois e a estacionalidade (a máis frío, menos sol e máis actividade en interiores, máis risco) están a acelerar a propagación do coronavirus nas últimas semanas.

Publicidade

O que pasou desde comezos de outubro

España foi un dos países europeos nos que a segunda onda da pandemia se incrementou antes. En Galicia o aumento volveu ser máis tardío, como acontecera en marzo, e de novo en menor medida. Así se pode constatar segundo varios dos indicadores que amosan a evolución da crise. A incidencia acumulada a comezos do mes de outubro era mesmo menor que a rexistrada a comezos de setembro.

Isto tamén é visible na ocupación dos hospitais, que comezou a medrar a mediados de agosto. Porén, posteriormente, entre mediados de setembro e comezos de outubro, a cifra foi estable, mesmo con tendencia á baixa no total de ingresos, aínda que a ocupación nas UCI ía medrando pouco a pouco.

O mesmo amosa a gráfica da Consellería de Sanidade. Despois dun aumento de casos a partir de mediados de agosto, a cifra de positivos estabilízase entre os 200-300 casos diagnosticados diariamente mediante proba PCR. Mesmo hai un breve descenso a finais de setembro. Pero pouco despois, os casos dispáranse ata a situación actual.

Fonte: Sergas.
Fonte: Sergas.

O maior número de casos detectados está vinculado, en parte, ao aumento na realización de probas PCR, que supera as 9.000 diarias nos últimos días. Con todo, tamén está a medrar a positividade das probas (porcentaxe de positivos respecto do total). A liña segue unha traxectoria semellante á dos casos detectados nos últimos dous meses. Despois dun aumento durante agosto e a primeira parte de setembro, prodúcese un lixeiro descenso antes do empeoramento de outubro. A positividade en Galicia rolda nos últimos días o 8-9%, por riba do valor desexable que marca a OMS, (menos do 5%).

Fonte: Sergas.
Fonte: Sergas.

En todas as áreas sanitarias, agás Ourense, a evolución era favorable a finais do mes de setembro, atendendo á cifra de casos activos, que estaba a descender ou a manterse estable nesas datas. Porén, é a partir do 8 de outubro cando se observa un notable aumento de casos. A área de Vigo, que viña dunha incidencia máis baixa, experimenta unha grande subida. Do mesmo xeito, Ferrol, cunha poboación menor, acada cifras semellantes á da área sanitaria de Pontevedra ou Lugo. E a provincia de Ourense, despois de chegar a incidencias moi elevadas a mediados de outubro, que levaron a decretar os primeiros peches perimetrais de concellos en Galicia, está rexistrando menos positivos. Con todo, a preocupación e xeral nas sete cidades polo maior movemento de persoas, tal e como amosou a decisión de Sanidade de restrinxir a mobilidade nelas e prohibir a reunión de persoas non conviventes.

Casos por concellos

O mapa dos niveis de alerta que achega o Sergas expón tamén o empeoramento de outubro na escala municipal. O primeiro día no que se achegaron os datos, había 11 concellos con máis de 21 casos ou unha incidencia superior a 112 positivos/100.000 habitantes na última semana. Este martes son 49. Outros 20 están no nivel 2 (entre 14 e 21 casos) e 50 máis no nivel (entre 7 e 14). O resto, 194 concellos, rexistran menos de sete casos na última semana.

Á espera de novas decisións

Este martes pola tarde, o presidente da Xunta de Galicia preside a reunión do comité clínico que analizará a situación epidemiolóxica e, en consecuencia, manterá ou tomará novas medidas para conter a transmisión do SARS-CoV-2 en Galicia. O peche perimetral das cidades e noutros concellos, que en principio ten vixencia ata o venres 6, revisarase neste encontro, así como as restricións respecto a reunións e a capacidade nos locais comerciais e eventos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña