Xoves 18 Abril 2024

O outono comeza este sábado ás 8.50 horas

Este sábado 23 ás 8.50 horas dará comezo o outono no hemisferio boreal, estación que se vai prolongar ata as 4.27 horas do 22 de decembro. O paso do verán ao outono prodúcese cando o Sol chega ao punto Libra da eclíptica, un dos dous puntos de intersección deste plano co ecuador celeste. De xeito semellante a cando comeza a primavera, estamos nas datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración. De aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano. Entre os fenómenos astronómicos máis salientables desta nova estación atópase a eclipse parcial de Lúa do 28 de outubro que poderá contemplarse entre as 21.25 e as 22.52 horas, “aínda que terá unha baixa magnitude”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.

A choiva de estrelas das Xemínidas, unha das máis importantes do ano, acadará o seu máximo o 14 de decembro. Este ano estará favorecida pola ausencia da Lúa e agárdase que se poidan observar uns 150 meteoros por hora dende lugares con moi baixa contaminación luminosa. Outras choivas de estrelas desta época como as Dracónidas, as Oriónidas, ou as Leónidas pero terán moita menos intensidade.

Publicidade

En canto a cometas, unha vez pasado o máximo brillo do Nishimura, haberá ocasión de seguir con prismáticos o 103P/Hartley que pasará o día 12 de outubro pola súa posición máis preto do Sol (perihelio), estando daquela proxectado na constelación dos Xemelgos. Días despois, na contorna das constelacións do León e a Cabeleira de Berenice, verase o cometa 2P/Encke, tamén con prismáticos, neste caso antes do amencer. “Os planetas Saturno e Xúpiter estarán visibles nas noites de todo o outono, en tanto que Venus vai ser o luceiro do alba, e Mercurio poderá contemplarse ao amencer ata finais de outubro, e logo pasará a ser observado logo do solpor”, continúa o profesor Docobo.

Chuvia 

No eido da meteoroloxía, remata un verán pouco chuvioso aínda que con máis precipitación que o ano pasado, especialmente en setembro. En total, medíronse 204,8 litros/m2 distribuídos do seguinte xeito: últimos dez días de xuño, 0,7 l/m2 nun día; mes de xullo, 39,7 l/m2 en dez días; mes de agosto, 39,3 l/m2 en nove días; e 125,1 l/m2 nos primeiros 22 días de setembro. “Aparte diso, choveu de xeito inapreciable (menos de 0,1 l/m2) un día a finais de xuño, outro en xullo, tres en agosto, e un en setembro”, engade Docobo.

“O feito de que a meirande parte da precipitación deste verán fora nocturna provocou a sensación de que a estación fora moito máis seca do sucedido en realidade”, engade. Neste mesmo século houbo veráns de moita maior seca, como aquel de 2016 con só 72,4 l/m2, e sobre todo o de 2010 con 54,8 l/m2.

No que vai de ano, a choiva recollida no pluviómetro na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, ascende a 1.008 litros/m2, superando claramente os 670 l/m2 rexistrados en 2022 ao final do verán. Aínda así, no que resta de ano terían que caer outros 800 l/m2 para chegar á media anual da cidade de Santiago de Compostela, que ronda os 1.800 l/m2.

Temperaturas 

Foron sete os días nos que a temperatura superou os 30º durante o verán en Compostela, ningún deles en xullo: 36,2 o 8 de agosto; 35,5, 23 de agosto; 35,4, 22 de agosto; 31,6, 24 de xuño; 30,8, o 23 de xuño e o 21 de agosto; e 30,5, 7 de agosto. A temperatura máxima en xullo foi de 28,2 (o día 26), e no que vai de setembro, 29,8 (o 14). En canto ás temperaturas mínimas, a máis baixa de todo o verán correspondeu aos  10,1 rexistrados o 16 de xullo, sendo a mínima máis elevada a da noite do 23 de agosto cando non baixou dos 21,8.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Coidar a saúde e o medio ambiente: dúas razóns para incluír pescado azul na nosa dieta

A nivel mundial, el consumo anual per cápita de peixe nos últimos 50 años case se duplicou, cun crecemento exponencial en países como China