Poderiamos pensar que se trata dun fragmento inédito da Odisea do Espazo de Stanley Kubrick ou mesmo da Árbore da Vida de Terrence Malick ou a máis recente Interstellar de Christopher Nolan. Pero non. Este fermoso vídeo son imaxes reais da NASA dos dez últimos minutos da nave Orión reingresando na Terra. A axencia espacial estadounidense difundiu este vídeo gravado durante o regreso da nave a través da atmosfera terrestre, durante a súa proba de voo do pasado 5 de decembro.
O vídeo comeza 10 minutos antes da amaraxe de Orión no Océano Pacífico, xusto cando empeza a experimentar a atmosfera da Terra, e viaxa a máis de 30.000 quilómetros por hora. A calor da fricción causada polo rozamento da atmosfera contra o escudo térmico de Orión prodúcese menos de dous minutos máis tarde. Finalmente, o vídeo prosegue mostrando o despregamento dos paracaídas de Orión e o mergullo final no mar.