Venres 19 Abril 2024

Néboa mental, unha das secuelas máis daniñas da covid persistente

Arredor de 17 millóns de personas padecen ou padeceron 'long covid' en Europa, segundo cifrou este martes a OMS

A pandemia afástase pero os efectos do chamado long covid resisten con distintos disfraces. A covid persistente ou prolongada afectou a uns 17 millóns de europeos desde marzo do 2020, de acordo aos datos facilitados este martes pola Organización Mundial da Saúde (OMS) no Comité para Europa de Tel Aviv. O risco en mulleres duplica ao dos homes, a medio e longo prazo, a partir dos tres meses desde a infección inicial, sinala a OMS.

Un dos efectos máis sibilinos e complexos da covid persistente é a néboa cerebral. Crea unha cortina no cerebro que fai dunha tarefa sinxela como escribir ou lembrar a lista da compra unha tarefa complexa que o que a padece non logra procesar. É, coinciden os expertos, un dos rastros da covid “máis destrutivos e incapacitantes pero tamén está entre os máis incomprendidos”, como recollía esta semana o divulgador Ed Young en The Atlantic.

Publicidade

Con toda a prudencia e se non xorden novas variantes outonais, as autoridades sanitarias apontoan a idea de que a pandemia que nos azouta desde o 2020 está a remitir ao crecer a inmunidade de grupo e descender de forma sostida os indicadores de mortalidade, ocupación hospitalaria e incidencia. Con todo, hai unha porcentaxe non ben cuantificada de persoas —do 10% ao 20%— que meses, mesmo anos despois, arrastran as consecuencias dun virus impredicible que deixa un carrusel de patoloxías sen tratamento específico nin probas de diagnóstico precisas.

Ata 200 síntomas

“Da covid contabilizáronse ata 200 síntomas”, sinala Sonia Villapol, neurocientífica galega, que está entre as mellores especialistas en covid persistente na actualidade no curta pero intensa e dolorosa historia desta doenza pandémica.

Explica que tras superar a infección por SARS-CoV-2, e ás veces cunha incidencia tenue ou moderada sobre o sistema respiratorio, poden quedar un conxunto aparentemente dispar de secuelas neurolóxicas que se agrupan como néboa cerebral. Dores de cabeza anormais e variables en duración, localización e intensidade, esquecementos frecuentes, moito máis que as habituais distraccións, sentido do olfacto errático ou aínda a medio gas, e trastornos do sono e outros menos frecuentes pero plausibles como mareos, desmaios, aumento da frecuencia cardíaca ou fatiga crónica moi acusada.

Poden quedar secuelas neurolóxicas dispares que se agrupan como néboa cerebral

Adoita mellorar co paso do tempo pero non sempre. Se esta néboa cerebral perdura —como adoita— no tempo pode derivar nun severo prexuízo para o sistema nervioso, o que repercute excesivamente na calidade de vida que a arrastran e multiplica a súa afectación na vida persoal e na laboral, pola complexidade do diagnóstico dunha enfermidade da que pouco se sabe.

Os estudos realizados ata a data apuntan a que a covid persistente é máis daniña en persoas que xa presentaban un dano neurolóxico como o alzhéimer, pero non só para este colectivo nin moito menos. A néboa cerebral ou confusión mental pódese instalar coa mesma facilidade nunha persoa nova que pasase a covid sen grandes sobresaltos.

Sen tratamentos

“A día de hoxe aínda non temos ningún tratamento ou fármaco aprobado para tratar a covid persistente e os pacientes vanse automedicando para paliar os síntomas”, sinala Villapol, profesora asistente no Instituto de Investigación Metodista de Houston, que se inclina por unha futura terapia combinada de antivirais e inmunomoduladores para mellorar a resposta do sistema inmunitario e apela a unha resposta conxunta e coordinada da comunidade científica internacional para avanzar nos ensaios.

Do que se pode saber, sábeo case todo Lucía Estrada, a portavoz do colectivo de persoas afectadas polo long covid ou en Galicia. Unha das alertas físicas que pode sinalar un caso de covid persistente é a baixada nos niveis de cortisol.

A OMS tamén avanzou este martes a creación de Long Covid Europe, que agrupa a 19 entidades de pacientes con sede nalgún dos 53 Estados da rexión europea. No que respecta a España, 57 sociedades científicas constituíron este mes de setembro a Rede Española de Investigación en COVID Persistente (REiCOP), que busca incrementar o coñecemento sobre esta enfermidade e “devolver aos pacientes a súa situación de saúde previa”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Sonia Villapol demostra que os probióticos axudan a recuperarse do dano cerebral

A neurocientífica publica un estudo que proba como as cepas de 'Lactobacillus' contribúen a reducir a inflamación no cerebro despois dunha lesión

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Villapol: “Un fámarco contra a covid pode reducir á metade a lesión cerebral”

Un novo estudo en ratos demostra que o tratamento é máis efectivo en machos que en femias

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento