Venres 19 Abril 2024

Os montes comunais de Galicia comezaron a xestionarse na Idade Media

Unha investigación de Sputnik Labrego afonda na historia dos Montes Veciñais en Man Común das aldeas de Casaio e Lardeira, en Ourense

Galicia é unha das rexións europeas onde os espazos comunais son maioritarios. Segundo o proxecto Life In Common Land, financiado pola Comisión Europea, a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponde aos chamados Montes Veciñais en Man Común (MVMC). Porén, descoñécese gran parte da súa historia. Cando naceron estes espazos como “montes veciñais”? Como foi o seu desenvolvemento nos distintos períodos históricos? Como se vencellan coas transformacións políticas, económicas e sociais? Estas foron algunhas das cuestións que se trataron de responder nun novo estudo, froito das investigacións da Asociación Científica Sputnik Labrego en colaboración co proxecto Mulime de investigación para Comunidades de Montes Veciñais en Man Común nas aldeas de Casaio e Lardeira (Carballeda de Valdeorras, Ourense).

O artigo, publicado na revista Historia Agraria, presenta os resultados dunha investigación cuxo obxectivo é analizar a historia dos espazos comunais e mancomunais destas dúas localidades dende unha perspectiva multidisciplinar. Unha metodoloxía que implica o estudo da documentación escrita de época medieval e moderna, mais tamén incorpora a arqueoloxía e as entrevistas etnográficas como forma de achegarse á historia destes importantes espazos.

Publicidade

Os inicios na Idade Media

Deste xeito, unha das conclusións máis importantes do traballo é que a orixe do que coñecemos polos actuais espazos de xestión comunal e mancomunal nestas aldeas pode remontarse, polo menos, a Idade Media, posiblemente aos séculos IX ou X, se ben poderían ser anteriores. Porén, a primeira evidencia dunha potencial xestión comunal do territorio daríase na metade do século XII, momento no que se documenta unha doazón de terras ao mosteiro de San Pedro de Montes confirmada polo concilio de Casoyo et de Casayo, que mostraría a presenza dunha institución local que tería competencias na xestión de territorio.

DCIM\104MEDIA\DJI_0674.JPG

Estes espazos de orixe medieval serían obxecto de disputas ao longo do tempo, con momentos de forte tensión nos séculos XVII e XVIII, nos que se rexistran máis dunha ducia de conflitos polos espazos comunais. Neste sentido, a arqueoloxía pode asemade achegar unha información moi importante, xa que a maioría das estruturas vencelladas coa xestión dos espazos comunais e mancomunais poderían datarse inicialmente neste período.

Segundo a Asociación Sputnik Labrego, este traballo, produto dun proxecto europeo desenvolvido na Universidade de Xénova e en colaboración coa Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira é unha importante achega á historia da comarca de Valdeorras e á historia dos montes comunais que continuará en futuras investigacións, dada a importancia que teñen estes espazos para as comunidades locais.


Referencia: Como son obligados de inmemorial tiempo a esta parte: una historia de larga duración de los comunales en las aldeas de Casaio y Ladeira (siglos X-XVIII) (Publicado en Historia Agraria)

1 comentario

  1. Paréceme un dos grandes misterios da terra galega, alégrome moito que por fin estamos obtendo datos máis concretos sobre a orixe dos montes comunais, recordo mestres de historia que gustáballes dicir que este modelo do dereito xermánico xurdira durante tempos suevos pero eran afirmacións baleiras que polo menos espertaron o meu interese neste tema de peso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha semente de uva demostra a presenza de vides en Valencia do Sil no século IV

Os resultados da investigación serán expostos nun seminario organizado en Santiago de Compostela o próximo 24 de novembro

As pinturas prehistóricas de Pala de Cabras, un enigma por resolver

O equipo de Sputnik Labrego enfronta o reto de documentar e explicar o maior conxunto de arte esquemática do país

Valencia do Sil, un novo xacemento de referencia en Valdeorras

O proxecto Sputnik Labrego presenta a memoria do sitio, que apunta a unha ocupación de entre 150 e 200 persoas a mediados do século IV

Os segredos que aínda garda a “Cidade da Selva” de Casaio

O proxecto Sputnik Labrego comeza unha nova campaña en Valdeorras para documentar o desmantelamento do campamento antifranquista