Martes 16 Abril 2024

Minia Manteiga: “Darei todo o que poida para achegar a Astrofísica á sociedade”

A primeira catedrática desta disciplina en Galicia é tamén a primeira muller na sección de Matemáticas, Físicas e Ciencias da Computación da RAGC

Na semana que culmina co 8 de marzo, a Real Academia Galega de Ciencias, unha entidade case vedada durante moitos anos ás científicas, deu un novo cara á igualdade paso o pasado mércores coa entrada como académica de número de Minia Manteiga Outeiro (Negreira, 1963). Esta profesora da Universidade da Coruña é, ademais da primeira catedrática de Astrofísica de Galicia, a primeira muller na historia da institución que forma parte da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.

Minia, que compartiu un emotivo acto de ingreso coa familia, amigos e compañeiros de profesión, falou no seu discurso do ambicioso proxecto Gaia, no que toma parte xunto a un equipo da Facultade de Informática da Coruña. Están agora mesmo nun momento de bastante carga de traballo, de cara a presentar o terceiro conxunto de datos do maior mapa da Vía Láctea que se fixo nunca, e que verá a luz a finais de 2021.

Publicidade

– Foi unha boa semana, non si?

– Unha vez pasou todo xa estou algo máis tranquila, pero teño que dicir que foron momentos fermosos. A acollida foi moi boa, cariñosa, e os académicos e académicas interesáronse moito polo traballo que facemos no noso equipo. O acto saíu estupendamente, e intentei tamén facer un discurso divulgativo, para explicarlle á xente que asistiu en que consiste o que facemos, chegando a todo tipo de públicos.

Acordouse de cando se deitaba na herba a mirar o ceo?

É un detalle do que se lembran moitas veces cando me entrevistan, e si que é certo que moitas vocacións xorden así, na infancia, con recordos que teñen algo de poético. Pero despois diso hai moito traballo, non é só divagar e mirar as estrelas (risas). Requírese moito esforzo, despois desa primeira mirada, para acabar entendendo que as estrelas son un motor termonuclear enorme, cun funcionamento moi complexo.

– É a primeira muller en entrar na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da RAGC.

– Cando me chamou José Rivas, que fora profesor meu na Facultade de Física, sorprendeume moito. Non contaba con isto. Hai xente moi boa traballando nesta disciplina, tanto en Física como en Matemáticas e Computación, en proxectos moi punteiros. Pero por suposto, é unha honra e acepteino con moita alegría. Darei todo o que poida para axudar a divulgar a Astrofísica á sociedade, porque é unha ciencia que tende pontes, que une diversas fontes de coñecemento, e iso intentarei reflectilo aínda máis a partir de agora, como académica.

A astrofísica Minia Manteiga ingresa na Academia Galega de Ciencias

Nesta semana na que se fala moito de igualdade, como está o asunto na súa disciplina?

– Eu creo que nas ciencias experimentais segue habendo un balance desigual, sobre todo en postos de relevancia, e hai algunhas situacións que non se poden seguir mantendo. Pero desde logo, estamos mellorando, e en España estase facendo un esforzo proactivo que xa está dando resultados.

Pero tamén vivín algunha situación curiosa hai bastantes anos. Cando estiven en Groningen, nos Países Baixos, nun centro de investigación moi relevante, as únicas mulleres eramos a secretaria e mais eu, e había quen se sorprendía ao verme no medio de tantos homes.

“Hai anos, nun centro de investigación en Groningen, as únicas mulleres eramos a secretaria e mais eu”

Hoxe estase esixindo que nos tribunais e noutros órganos de decisión haxa paridade, e isto está sendo bo. Supón un traballo extra para as que estamos nestes postos abrindo camiño, pero é preciso facelo. Temos a responsabilidade de animar ás mozas a que paso a paso, cumprindo pequenos obxectivos e dando o mellor de si mesmas, se hai vocación e o intentan, poden estar en igualdade de condicións.

– En que punto está o traballo para Gaia desde A Coruña?

– Agora mesmo estamos preparando o terceiro arquivo de datos, que está previsto presentar a finais de 2021. Vai ser a primeira vez que se publicará información completa de todos os instrumentos de Gaia. O segundo dos arquivos só incluía datos de posicións e movementos e sobre os brillos das estrelas en dúas cores. Pero agora imos ter información sobre os espectros das estrelas, cun detalle moito maior. Con estes datos tamén se poderán determinar mellor algunhas propiedades físicas das estrelas, como a temperatura, o tamaño ou a idade.

E desde o equipo da Coruña estamos agora cunha carga importante de presión, porque cos datos que nos remiten temos que probar os algoritmos que analizan a luz das estrelas, para ver se funcionan mellor ou peor, e que información podemos obter con eles.

Momento do recoñecemento de Minia Manteiga como académica. Foto: RAGC.
Momento do recoñecemento de Minia Manteiga como académica. Foto: RAGC.

– A Vía Láctea en seis dimensións: que significa isto?

– Poderían ser seis, pero van ser máis. É unha forma de espertar a curiosidade da xente. Normalmente para localizar calquera obxecto no espazo falamos de tres dimensións, polas coordenadas. Pero Gaia vai achegar máis detalles, porque permite tamén coñecer como se moven as estrelas. O segundo dos arquivos de datos xa daba información de velocidades e posicións, pero o terceiro daranos máis aínda, sobre o movemento, a masa, a idade, o tamaño…

– Como está a astrofísica e a astronomía en Galicia?

– Hai varios grupos que están facendo un traballo moi interesante. Desde Santiago, o equipo de Astronomía dos profesores Docobo e Ling leva moitos anos investigando, e tamén desde o eido da divulgación fan un esforzo enorme. Desde o campo da Física de Partículas, no IGFAE están involucrados en proxectos internacionais para a detección de raios cósmicos. E desde Vigo, Ana Ulla está afondando noutro asunto que preocupa moito nos últimos anos, o da contaminación luminosa.

Nós desde A Coruña unimos a Astrofísica coa informática e as enormes posibilidades que ofrece o Big Data, que vén sendo unha das razóns polas que estamos dentro de Gaia. Grazas a isto estamos tendo a oportunidade de que os estudantes máis novos poidan participar nun proxecto de gran nivel, e iso dá opcións de que empecen con moi bo pé as súas carreiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente
00:58:19

Victoria Lareu: “O maior hándicap da muller no traballo é ser nai”

A catedrática de Medicina Legal da USC participa na terceira sesión do ciclo 'Ciencia en feminino'

“A ciencia exoplanetaria axuda a comprender o excepcional que é a vida na Terra”

A astrofísica galega Minia Manteiga comparte cartel con Mariano Barbacid nun encontro no CERN de investigadores europeos

O próximo mapa da Vía Láctea será 50 veces maior ao publicado en xuño

A misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas...