Sábado 20 Abril 2024

María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos

A científica nacida en Oleiros, experta na teoría de grupos, faleceu no 2014 e hoxe ten o seu recoñecemento en Galicia

En 1924 nacía en Oleiros (A Coruña) a gran matemática galega María Wonenburger, falecida en 2014 aos 86 anos de idade. Investigadora de éxito nos Estados Unidos e Canadá, en España foille negado o recoñecemento durante décadas. De feito, doutorouse pola prestixiosa Universidade de Yale, a oitava do ránking mundial, pero á súa volta a España en 1960 a administración de Franco non lle recoñeceu o título. Entre outras cuestións, era muller. E foi obrigada a doutorarse por segunda vez en Madrid.

María Wonenburger, na homenaxe recibida no 2011 no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.
María Wonenburger, na homenaxe recibida no 2011 no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.

A anécdota do dobre doutorado é unha máis na apaixonante vida de Wonenburger, nacida en Oleiros en 1927. O seu apelido debíallo a un tataravó alsaciano. E a súa familia, cunha empresa de fundición, quixo que fose enxeñeira. Pero se licenciou en 1950 na primeira promoción de Matemáticas da Universidade Central de Madrid.

Publicidade

Foi a primeira española en conseguir unha bolsa Fulbright

Tres anos máis tarde Wonenburger foi nunha das primeiras mulleres -a primeira española- en lograr unha bolsa Fulbright dos EUA, que lle permitiu estudar na devandita Universidade de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais.

De volta en España, o seu doutorado por Yale non lle valeu de nada. Xa tiña un nome en América, pero aquí non era ninguén. Isto foi unha constante en toda a súa carreira. Moitos matemáticos, confundidos polo seu apelido, mesmo ignoraban que era coruñesa.

Universidade de Indiana

Wonenburger traballou durante tres anos como investigadora no  CSIC, pero regresou a América en 1960. Na Queen University de Ontario (Canadá) dirixiu a tese de Robert Moody, que desenvolvería a chamada teoría de álxebras de Kac-Moody, aínda que Wonenburger foi a súa inspiradora. A matemática obtivo logo unha praza, dende 1967, na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983, cando pola enfermidade da súa nai regresou á Coruña.

O seu impresionante curriculum pasou sempre inadvertido. Viviu unha vida modesta e sen recoñecementos en Galicia. A súa paixón era “xogar cos números e pensar”, dicía. Era unha investigadora “de mente abstracta” e tamén unha ‘persoa feliz’, como sempre subliñaba.

Definíase como unha mente abstracta, de xogar cos números e pensar

Xa moi maior, foi descuberta polos seus concidadáns. En 2010 foi a primeira científica investida doutora honoris causa pola universidade da Coruña. E a Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou en 2007 o Premio María Wonenburger para recoñecer aquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e a tecnoloxía.

Faleceu o 14 de xuño de 2014. E a noticia correu discreta, como foi toda a súa vida. Tamén feliz, segundo as súas palabras. María Wonenburger foi unha loitadora nun tempo moi difícil e unha auténtica figura das matemáticas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña