Xoves 25 Abril 2024

Os científicos, tamén en guerra contra Trump

Primeiro foi a Marcha das Mulleres. Agora son os científicos os que se organizan para manifestarse contra as decisións de Donald Trump a través da iniciativa March For Science. A marcha, que aínda non ten data concreta, celebrarase en Washington e pretende reunir a científicos de todas as ideoloxías. Tamén haberá varias marchas satélites no resto de estados e noutros países para aqueles que non poidan asistir á de Washington.

En pouco máis dunha semana de mandato, o novo inquilino da Casa Branca puxo na súa contra á comunidade científica estadounidense. Os recortes anunciados pola nova administración e a postura de Trump ante o cambio climático son só algúns dos motivos para a mobilización.

Publicidade

Os responsables da March for Science non pretenden que sexa unha acción partidista, aínda que os seus organizadores aseguran que o obxectivo é que as súas protestas teñan impacto nos responsables políticos. “Isto debe preocupar a calquera que valore a investigación empírica e a ciencia”, aseguran na súa web.

Varios grupos en defensa do medio ambiente tamén se manifestarán en abril

Ademais, varios grupos en defensa do medio ambiente convocaron as súas propias manifestacións para o mes de abril en protesta polos plans da administración Trump de abandonar as políticas ambientais iniciadas por Obama e permitir a construción de oleodutos en lugares protexidos, como é o caso de Standing Rock, en Dakota.

O recente veto do Goberno aos inmigrantes tamén foi obxecto de crítica polos científicos. Na súa web apunta a que a marcha ten que contar con apoios de xente de todos os países, estratos e colectivos, porque “un grupo diverso de científicos produce unha investigación máis diversa, o que amplía as fortalezas e enriquece a investigación científica, ademais do noso coñecemento do mundo”.

Por iso comprométense a centralizar e a expresar a súa solidariedade con todos os membros da comunidade científica sexa cal for a súa raza, a súa relixión ou a súa preferencia sexual. “Debemos traballar en facer que a ciencia estea dispoñible para calquera e alentar a que a xente poida seguir coas súas carreiras científicas”, aseguran os responsables da marcha.

Varios organismos recibiron orde de limitar a súa información na web

Varios organismos estatais recibiron a orde de limitar a súa comunicación vía web cos usuarios, como a NASA, a Axencia de Protección Ambiental e os Parques Nacionais.

Un exemplo disto foi a conta de Twitter do Badlands National Park, que a semana pasada comezou a publicar mensaxes achegando datos sobre os problemas causados polo cambio climático. Precisamente, durante a campaña Trump declarouse en varias ocasións en contra da existencia do cambio climático, cualificándoo mesmo dun “invento dos chineses“.

O Servizo Nacional dos Parques Nacionais apurou a borrar eses tweets alegando que foran publicados por un antigo empregado que aínda tiña acceso ás contas. Aseguraron ademais que, desde esa rede social, só se daría información sobre os parques e a seguridade do público a condición de que non estivesen relacionadas coa política nacional.

Estas decisións xeraron a aparición de contas alternativas en redes sociais de organismos estatais que defenden que os cidadáns teñen dereito á información, tomando prestados os logotipos dos organismos reais. O que non se puido comprobar é se as contas están a ser manexadas por empregados públicos destas axencias ofrecendo información alternativa á que lles está permitido polas canles oficiais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas