Venres 19 Abril 2024

Un manuscrito inédito en galego dos Séculos Escuros

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado publicou este ano o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, publicado por Edicións Laiovento, no que dá a coñecer a edición e estudo dun manuscrito inédito, escrito en galego, que se encadra dentro do período coñecido como dos Séculos Escuros.

A obra publicada.
A obra publicada.

A escaseza de textos escritos en galego do século XVIII acrecentan a valía destas Cincuenta décimas e obrigan a matizar afirmacións sobre o anecdótico uso do galego escrito nesta altura. “Á vista delas, semella máis ben que neste tempo existe unha escrita en galego, aínda que moitos deses textos non chegan a imprimirse. De aí a importancia da publicación deste manuscrito”, subliña Fernández Salgado, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina.

Publicidade

“A súa extensión, datación, redacción íntegra en galego e un rexistro lingüístico coidado converten as Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas nun texto de referencia obrigada na Historia da lingua e literatura galegas”, recalca contundente o autor na introdución da obra.

‘A obra é un texto de referencia na Historia da lingua e da literatura galegas’

O manuscrito que se edita atópase nun pequeno caderno de catro follas sen numerar e custódiase no arquivo da Fundación Penzol. “Eu estaba traballando nos arquivos da fundación nunha investigación que nada tiña que ver con isto e revisando unha caixa con documentos pendentes de catalogar atopei estas follas e, por suposto, ao estar en galego, chamaron a miña atención”, explica Fernández Salgado, ao que engade que “estes documentos poderían pertencer ao fondo de Xosé María Álvarez Blázquez”.

Á importancia da datación e da extensión do manuscrito, o autor do libro engádelle outros aspectos. Por unha banda, non só está redactado totalmente en galego, “outros textos da época poden presentar partes en castelán”, senón que as décimas presentan calidade lingüística, “nelas emprégase un rexistro lingüístico culto, mentres que outros escritos da época son textos populares, que imitan o falar do pobo”, recalca Fernández Salgado.

Fernández Salgado.
Fernández Salgado.

Co fin de achegar as décimas a varios tipos de destinatarios, tanto a investigadores como a lectores medios, o libro inclúe dúas edicións do manuscrito: unha case paleográfica, e outra co texto actualizado graficamente e con abondosas notas que facilitan a comprensión dunha obra centrada sobre todo na censura contra o Cura de Fruime, focalizada sobre todo nos Petitorios, que se viñan publicando dende 1745 co fin de recadar bens para o culto da Virxe das Dores, da que Zernadas era gran devoto. “Polo que parece o autor das décimas estaría ofendido pola crítica ou censura que o cura lle debía ter feito nalgún deles”, explica o autor.

Ademais, o volume inclúe tamén capítulos á parte de comentarios e conxecturas sobre a datación e autoría do texto e un completo e rigoroso estudo lingüístico, tanto gráfico, como gramatical e léxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático