Venres 29 Marzo 2024

Manuel E. Garci: “Temos que coidar as nosas rías, porque son case únicas”

O biólogo mariño, gran coñecedor dos fondos mariños da ría de Vigo, pechou o ciclo 'Vigo Científico', organizado por GCiencia e Consorcio da Zona Franca

A entrevista co biólogo mariño Manuel Enrique García Blanco, Garci, pechou este martes o ciclo de encontros ‘Vigo Científico’, organizados por GCiencia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Durante unha hora de conversa, presentada polo delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, Garci amosou ao público algunhas das imaxes dos fondos mariños da ría de Vigo e a súa contorna, dos que é gran coñecedor despois de máis de 30 anos de traballo e exploración.

O biólogo, autor de numerosas investigacións e traballos de investigación sobre esta costa, destacou os ecosistemas “excepcionais” que se poden albiscar “ao lado da casa”. Explicou que, por mor do fenómeno do afloramento costeiro, frecuente nas costas occidentais dos continentes, e que achegan ao litoral augas cargadas de nutrientes, prodúcese unha “explosión de vida” cada primavera.

Publicidade

Conciencia para a protección da ría

Neste sentido, Garci apelou á conciencia cidadá para protexer este espazo. Lamentou que, de forma parella ao desenvolvemento económico do litoral, se foi producindo unha “perda de biodiversidade moi lenta, pero constante”, que acaba tendo máis impacto do que teñen catástrofes puntuais, como verteduras de petróleo.

Manuel E. Garci e o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades.
Manuel E. Garci e o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades.

“Temos a bendición de ter uns ecosistemas como as rías, que son realmente potentes, e temos que coidalos porque son case únicos. Do mesmo xeito que os países árabes non botan area sobre os pozos petrolíferos, nos non podemos botar area sen máis sobre os nosos fondos mariños”, comparou. Fixo este símil en referencia aos constantes recheos na ría que, sen ter en conta criterios ecolóxicos, se desenvolveron durante décadas. “Os recheos non impactan só na zona que se fan, senón que a area que a auga arrastra provoca que se cubran de fango áreas moito maiores, nas que se perde moita vida”.

Tamén instou a unha protección efectiva da ría. “Temos varios espazos con distintos niveis de figuras protexidas, pero para a ría isto apenas está significando nada, porque por exemplo segue permitíndose a pesca, sen exclusión, nas augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, xunto ás Cíes”, expuxo. Neste sentido, Garci lembrou que está en marcha un documental, da man de José Irisarri e Pablo Martínez, para impulsar que se estableza unha zona de protección á pesca no arquipélago.

A cadea da vida: Pradeiras mariñas, cnidarios, moluscos, crustáceos e baleas

Durante a súa intervención, Garci amosou algúns dos exemplos máis relevantes da biodiversidade do litoral. Entre outras áreas, amosou a vida que se desenvolve entre as pradeiras de zostera, formada por unhas plantas reconvertidas á vida mariña que actúan como fixadoras de carbono e, ao mesmo tempo, acubillan peixes signátidos, moluscos ou crustáceos, con especies tan importantes comercialmente como a centola, o polbo ou o choco, que realizan aquí as súas postas. Por isto, apelou á precaución na actividade pesqueira para impedir as agresións a estas pradeiras, que perderon unha parte importante da súa extensión por algunhas prácticas agresivas. E explicou, ademais, porque se produce neste tempo a veda biolóxica do polbo, xa que é o momento do ano no que se está a producir a cría.

Amosou tamén algunhas especies de cnidarios, entre os que hai medusas, pólipos, corais ou anémonas, que viven nos fondos das rías e enriquecen en gran medida os seus ecosistemas. A gran achega de plancto nos momentos nos que maior actividade biolóxica hai na ría provoca que estes ricos fondos se poidan observar a menos de 30 metros de profundidade. Entre outras especies, Garci amosou o avistamento dun posible exemplar de Elisella paraplexauroides, unha gorgonia que só aparece no Mediterráneo, e cuxo avistamento na ría de Vigo podería ser o primeiro en Galicia.

Todo este escenario, explicou Garci, xera unha “sopa biolóxica” da que se aproveitan todos os elos do ecosistema. Desde os microorganismos máis cativos ata a pesca e o marisqueo, chegando ao cumio da cadea trófica nas grandes baleas azuis, os animais máis grandes do mundo, que nos últimos anos están achegándose de novo á costa galega.

O encontro con Manuel E. Garci pechou, deste xeito, un ciclo de entrevistas que desde o mes de marzo reuniu a algúns dos principais referentes científicos da cidade. Tamén participaron a inmunóloga África González, catedrática da Universidade de Vigo, o enxeñeiro Fernando Aguado, responsable da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da mesma universidade ou a astrofísica Begoña Vila, que traballa actualmente no deseño do telescopio James Webb da NASA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas