Martes 23 Abril 2024

O médico que escribía aos mariñeiros galegos: medio século do primeiro breviario para xente do mar

O tudense Darío Álvarez Blázquez publicou nos anos sesenta un libro con consellos para as tripulacións dos barcos de Pescanova

Na década dos sesenta, Darío Álvarez Blázquez —un popular médico vigués— escribiu un manual para axudar os pescadores que facían pesca de altura en longas viaxes a identificar as enfermidades que padecían: Carta dun médico aos pescadores. Breviario de urxencia médica. En ningún caso trátase de doenzas estrañas. Refírese a enfermidades como a meninxite, a inflamación das amígdalas, as dores musculares, a artrite, a urticaria, o herpes zóster ou mesmo as queimazóns.

Darío Álvarez Blázquez era un médico de cabeceira e formaba parte dun grupo de intelectuais que participaron na creación dalgunhas industriais viguesas —así o relata o seu neto, Darío Ávarez Basso—. Entre outros, era moi amigo de Valentín Paz Andrade, un dos impulsores de Pescanova. Nun inicio tratábase dun libro dirixido aos traballadores desta pesqueira viguesa —a primeira do mundo que foi a capturar o peixe en mares lonxanos—, da que el era médico asesor. “Intentaba cubrir unha necesidade que se foi facendo, día a día, máis urxente a medida que aumentaba a súa flota e, con ela, a poboación mariñeira”, conta no prólogo á segunda edición (1966). Tras recibir reiterados encargos externos á compañía e esgotar a primeira edición gratuíta, Álvarez Blázquez ampliou o texto nunha nova tirada xa con distribución comercial, posto que Pescanova non podía facerse cargo dos custos de produción outra vez.

Publicidade

Portada do libro Carta dun médico aos pescadores. Breviario de urxencia médica.

A vocación do libro era a de converterse nun libro de consulta. Por iso, está estruturado en capítulos, coma calquera manual, para facer máis funcional o seu uso. A división está feita en base á clase de doenza: enfermidades da cabeza; enfermidades de peito; enfermidades do ventre; enfermidades dos osos, articulacións e músculos; febres; hemorraxias; enfermidades da pel; enfermidades dos nervios; catarros; alerxias; traumatismos, queimaduras e shock; reanimación e socorrismo, e picaduras de insectos e animais pezoñosos. Vai facendo referencia a todas as partes do corpo, “con debuxos moi modernos, quizais influenciados por [Urbano] Lugrís”, describe o seu neto. Estas imaxes ilustran o coñecemento do texto para que este sexa máis accesible.

Fai un achegamento “moi coloquial e moi accesible para un neófito”, en palabras do seu neto, e explica cales son as causas das enfermidades, os síntomas e os medicamentos idóneos para o seu tratamento, que ademais compila nun índice situado ao final do libro. “No mundo do mar tiñan unha forma de ver o sufrimento físico diferente. Tiñan unha maior resiliencia e o límite da dor máis alto. Isto podía implicar complicacións entre a comunicación entre o médico e o paciente”, explica Álvarez Basso e continúa: “Cando se publicou, non se facían apenas análises e moitos diagnósticos dábanse entre a comunicación médico-paciente”.

O éxito do manual constátao o mesmo Álvarez Blázquez no citado prólogo desa segunda edición: “Un capitán fíxome saber entusiasmado que ‘polo libro fora diagnosticado un cólico nefrítico con éxito e que o seu diagnóstico confirmouse radiograficamente cando tocaron porto!’. Outro díxome que ‘non lle fallaba ningunha febre'”.

Enfermidades comúns e indicacións prácticas

As enfermidades das que fala Darío Álvarez Blázquez son ben coñecidas por todo o mundo. De cada unha explica síntomas e causas e indica cal é o tratamento. Ás veces, non se trata só da administración de medicamentos, tamén de actuar ante a doenza. É o caso das dores e lesións de costela, causadas nos barcos por esforzos ou golpes: “Se o golpe foi intenso ou o é a dor, hai que poñer esparadrapos na forma na que lles indico no debuxo. Precísase inmobilizar as costelas no posible, na zona afectada, e como este é o tratamento máximo nunca farán dano e actuarán sempre correctamente”. O mesmo sucede no capítulo sobre a reanimación e o socorrismo, no que describe como executar unha masaxe cardíaca ou a respiración boca a boca.

Ilustracións incluídas en Carta dun Médico aos pescadores.

As indicacións son inmediatamente prácticas. Chama a atención que non escribe en segunda persoa —dirixíndose ao doente—, senón que fala do paciente en terceira persoa e así da as instrucións. Diríxese á tripulación que acompaña ao doente e, por tanto, é habitual referirse ás formas na que este ten de comunicar o seu malestar. No capítulo sobre as enfermidades da cabeza, di sobre a astenia: “O enfermo sinala xustamente á metade da cabeza, coma se dixéramos no medio dos “sesos”, e non sabe dicir ben a que hora é máis intenso; ás veces, esperta xa con el, tamén como no caso do fígado, pero non lle cede polo día. E sobre todo, durme mal ou soña moito”. Das anxinas ou inflamación das amígdalas, no capítulo das enfermidades de pescozo, pide para a comprobación deprimir a lingua co mango dunha culler grande, pero aclara: “Non é fácil xeralmente porque o enfermo resístese sen querer”.

Retrato de Darío Álvarez Blázquez.

Do estómago di que é “un órgano moi importante para os mariñeiros”: “Non sei ben aínda o que pode ocorrer, pero vexo cada día máis evidentemente, desde que tantos veñen a min a través de Pescanova, que é a víscera clave do sufrimento dos homes do mar”. Continúa o seu relato expresando dúbidas e crenzas, como o feito de que “quizá houbera que adscribir esta rara abundancia de enfermidades gastro-duodenais ao moderno concepto do ‘estrés psíquico’, é dicir, da tensión emotiva á que se atopa suxeito o home do mar, nun case constante risco vital”. Isto comentárao nun congreso, no que algúns compañeiros obxectaron a súa afirmación dicindo que os pescadores bebían moito. “En fin… non sei o que haberá de certo ou de lenda nisto das libacións dos homes do mar na actualidade”, conclúe antes de indicar como tratar as distintas doenzas relacionadas co estómago.

O manual, pese a que prevalece a función médica, contén en máis dunha ocasión xuízos e reflexións do propio Álvarez Blázquez. “Quedamos en que case non hai pulmonías ou neumonías das antigas, pero en cambio hai neumonitis das modernas. Vexan vostedes o que cambiou o nome. Non me gusta moito o cambio, é dicir, a palabra buscada, pero era preciso para diferencialas”, expresa. Despois, explica esa diferenza: “As antigas neumonías estaban producidas por bacterias e as modernas neumonites estano por virus”. Do corazón, por exemplo, rexeita aquilo que unha vez alguén dixo de que “o corazón non doe”: “Non vira na miña vida unha frase tan desgraciada que tivera un éxito tan feliz”. O estilo, sen dúbida, non é o que calquera esperaría dun libro de instrucións, pero denota a intención de Álvarez Blázquez —ao que chamaban “o médico dos pobres”— de salvar a barreira da distancia co lector.

Un dicionario inédito

Álvarez Blázquez máis o seu fillo confeccionaron un dicionario dirixido aos médicos foráneos coas expresións coloquiais en galego que empregaban os pescadores. O fin era adecualas a unha linguaxe científica. Ese dicionario gárdao a súa familia coma un tesouro, pero nunca se chegou a publicar. O fillo de Álvarez Blázquez era médico na Casa do Mar, un centro de atención aos pescadores que pertencía ás confradías pesqueiras. Pouco a pouco, vía como chegaban médicos de fóra de Galicia que non falaban a nosa lingua e descoñecían as expresións que empregaban os doentes.

“Moitos dos termos que empregaban os mariñeiros non podían ser comprendidos por estes profesionais”, explica o neto de Álvarez Blázquez e fillo deste outro profesional. Por exemplo, para localizar Darío Álvarez fillo se o paciente tivera un ataque ao corazón cando este lle decía que sentía algo no corazón, preguntáballe: “Pícalle ou ráscalle?”. “Era unha diferenza sorprendente, pero falaba de se a dor era máis profunda ou menos”, explica o Darío Álvarez máis novo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano
00:02:51

As mariscadoras pensan en abandonar o mar: o marisco non medra ou morre

As rías experimentan unha caída da produción derivada da sobreexplotación e o cambio climático. Nas últimas semanas a situación agravouse polas riadas

A borrasca Domingos bate o récord de altura significante de onda de Portos do Estado

A boia de Estaca de Bares na Coruña rexistrou 13,95 metros (Hs) o sábado 4 de novembro, o que representa a media da terceira parte das ondas máis altas