Xoves 25 Abril 2024

A man humana tras o avance da invasión da ameixa asiática

Aínda que é a Vespa velutina quen ocupa máis portadas, hai outra especie invasora asiática que preocupa igualmente aos investigadores. Vese menos, xa que vive e avanza pola auga, pero a Corbicula fluminea ocupou en silencio os ríos galegos ata convertese xa nun problema ecolóxico serio para a biodiversidade dos cursos fluviais. Un estudo científico realizado por investigadores da Universidade de Vigo e da República de Uruguay, e que dirixe o científico galego Noé Ferreira-Rodríguez, pon de manifesto as eivas na xestión do problema e a necesidade de medidas máis efectivas para atallalo.

Citouse en Galicia por primeira vez en 1989, no esteiro do río Miño

A primeira cita sobre a presenza desta ameixa na Península Ibérica prodúcese no río Texo (Portugal) nos anos 80. Porén, a orixe pode estar moito máis atrás. “A comunidade de pescadores locais do río Texo recoñeceu o seu uso como isco a comezos dos 50, 30 anos antes do primeiro rexistro científico da especie en Europa”, explica Noé Ferreira. Aquí estivo unha das primeiras oportunidades perdidas para atallar o problema antes de que se espallara pola Península.

Publicidade

A ameixa asiática en Galicia

A presenza da ameixa asiática en Galicia coñécese dende 1989 no esteiro do río Miño. Sobre a posible vía de chegada hai máis dunha hipótese. Críase ao principio que entraran mesturadas con ameixas comerciais, aínda que non hai evidencias que apoien esta teoría. Por outra banda, novos estudos xenéticos realizados por científicos portugueses suxeriron que a entrada a Galicia debeuse a partir “dun único evento con exemplares chegados dende o Texo”, sinala Ferreira-Rodríguez.

Unha vez aquí, a dispersión foi rápida e, por agora, “imparable”, en palabras dos investigadores. “No 2014 detectamos a presenza da especie no río Sil, 197 quilómetros augas arriba dende a desembocadura do Miño. Isto supón que a especie foi quen de colonizar un tramo de 9 quilómetros de río cada ano a pesar das grandes barreiras que existen ao longo de toda a conca como son os embalses”, explica o investigador da UVigo. Este avance debeuse, sobre todo, á acción do home mediante actividades como a pesca recreativa, pero cabe a posibilidade da súa dispersión adherida ás patas e plumas de aves acuáticas, xa que as crías desta ameixa poden fixarse a elas mediante un filamento mucoso.

Se non se toman medidas, “será cuestión de tempo que estea en todos os ríos galegos”, advirte o investigador

Hoxe en día, a Corbicula fluminea aparece citada, segundo indica Noé Ferreira-Rodríguez, nas lagoas de Centeáns en Porriño, os ríos Ulla, Tambre, Deva, Sil, Mero e Tea, e tamén hai rexistros na lagoa de Antela e o regato de Pontiñas, en Lalín. Porén, a principal bacía do país, a do Miño-Sil, é “o caso máis dramático na actualidade”.

E que se está facendo?

A ameixa asiática ten unha peculiaridade engadida que dificulta o seu control: é hermafrodita, polo que abonda un só exemplar para fundar unha nova poboación. Por tanto, “é preciso facer todo o posible para evitar novas introducións, e é preciso facelo agora; senón, será cuestión de tempo que a especie estea presente en todos os ríos da comunidade”, advirte o investigador galego.

Quen estea utilizando hoxe a Corbicula fluminea como isco está incumprindo a lei, xa que a especie aparece no catálogo español de Especies Exóticas Invasoras, unha normativa reforzada tamén polos regulamentos europeos.

E aínda así, con todo, o problema persiste. “Temos unha lexislación cada vez máis restritiva neste sentido, pero na práctica non se produciu unha redución no número de novas especies exóticas chegadas aos ríos de Galicia nin unha redución no número de masas de auga invadidas pola ameixa asiática”.

E o problema, en vez de frearse, amplíase a outros animais: “Tras a prohibición de importar especies catalogadas como invasoras, a industria de animais ornamentais comezou a importar novas especies non incluídas no catálogo“, expón Noé Ferreira. Así, comezaron a aparecer tartarugas do xénero Graptemys ou  Sternotherus trala prohibición do sapoconcho americano (Trachemys scripta), que xa están presentes en Galicia.

Traballo de campo no estudo da ameixa asiática. Foto: Suso de Teis.
Traballo de campo no estudo da ameixa asiática. Foto: Suso de Teis.

Con todo, o investigador deixa tamén unha ventá aberta ao optimismo. “O aumento da vixilancia, coa creación do Seprona e a presenza dos axentes de Medio Ambiente, resultou efectiva á hora de detectar novas invasións biolóxicas. E ademais, os plans de educación ambiental desenvolvidos por algunhas ONGs contribuíron a detectar á ameixa asiática en novas masas de auga “.

A isto hai que engadir a colaboración dos pescadores profesionais, “cun gran coñecemento do medio que representarían unha peza chave na aplicación dun sistema de detección temperá de especies exóticas e que permitiría por en práctica accións de erradicación económicas e eficaces antes de que estas especies desenvolvan o seu potencial invasor”.

Así, o traballo conclúe que “os instrumentos lexislativos por si mesmos non poden evitar a introdución de novas especies nin a dispersión das existentes, polo tanto, un aumento da vixilancia, o desenvolvemento de plans de educación ambiental polas ONGs e a capacidade de involucrar aos diferentes usuarios na aplicación real dos instrumentos lexislativos influenciará en gran medida canto nos gastamos na xestión de especies invasoras e o seu resultado”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea