Xoves 28 Marzo 2024

Mabel Loza: “Perdendo a muller, perdemos o 50% do valor que pode ter un proxecto”

A investigadora reflexiona sobre o papel da educación e a importancia dos referentes para acadar a igualdade no ciclo de charlas "Ciencia en Feminino"

“Eu non tiña vocación científica, non sabía nin que existía a investigación na universidade e nada do que fixen entraba nos meus cálculos. Pero si sabía que desfrutaba ao estudar as materias de ciencias, e así foi aparecendo o que me gustaba facer”. Así resume a súa extensa carreira Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Neste centro, dirixe do grupo de investigación BioFarma, unha referencia estatal no eido da creación de fármacos, e en 2019 foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger, que outorga a Xunta de Galicia como recoñecemento a carreira científica de mulleres.

Unha carreira na que, segundo comenta a investigadora, “segue sendo particular a forma na que está a muller”, e certos prexuízos aínda se resisten a desaparecer. Con todo, e mirándoo en perspectiva, “nos últimos 20 anos houbo un cambio espectacular da consideración femenina neste campo”. Fundamentalmente, no que atinxe ao recoñecemento social das científicas, e no que os medios de comunicación terían tido moito que dicir, levando ao debate público a figuras femininas e subliñando a cuestión da igualdade: “Iso tamén é educación, que entra nas familias”.

Publicidade

A educación, o camiño para a igualdade

Para Loza, a cuestión educativa é un piar fundamental para que todos e todas vexan que poden aspirar, en igualdade, a facer o que lles gusta: “Eu son dunha familia modesta, pero que valoraba moitísimo a educación e que, sobre todo, non tiña unha visión machista. A min sorprendíame despois que calquera chegase a pensar que eu e o meu curmán non puidésemos facer exactamente as mesmas cousas”, relata.

Así, e segundo a científica, a escola tamén ter que ser quen de ir espertando as curiosidade das nenas por achegarse a calquera carreira, incluídas as disciplinas STEM: “Ti non podes obrigar a niguén, pero polo menos, que non te corte o medo ao descoñecido. Actualmente, as mulleres matemáticas ou enxeñeiras están facendo un papel fenomenal, e creo que visibilizar iso é moi importante. As nenas teñen que ter referentes”. Unha necesidade de referentes, tamén, no que respecta ao liderado —que segue a ser maioritariamente masculino— ou na falta de equipos mixtos, onde a creatividade e as sinerxias se ven resentidas: “Perdendo a muller perdemos o 50% do valor que pode ter un proxecto”, explica.

Unha muller, o xerme do grupo BioFarma

Alén da experiencia que supuxo na súa carreira as estancias que realizou no Centro Médico Monte Sinaí de Nova York, Loza destaca a figura de Maribel Cadavid. A primeira catedrática de farmacoloxía de España e coa que a investigadora comezou a colaborar no grupo BioFarma: “O feito de ter unha muller coa que empecei a traballar marcoume moito. Quizais o xerme científico da multicolaboración aprendino do meu xefe de Nova Yok, pero a visión da realidade desde a perspectiva dunha muller facendo ciencia en Galicia obtívena de Maribel”. De Cadavid, Loza destaca a cultura de sacrificio e de loita pola súa carreira, que posibelmente xogou un papel moi influínte no seu percorrido científico, ao evidenciar que ela, igualmente muller, podía ter tamén un grupo de investigación e continualo.

De aí nace BioFarma, un grupo aplicado á descuberta de fármacos. Del, o que Loza máis destaca é ter chegado con fármacos a humanos en ensaios clínicos un total de 16 veces: “Iso parecía imposible en España. Había moi poucas compañías farmaceuticas que podían continuar coa investigación ata os doentes, non había fondos para facelo, e en Galicia non había tradición farmacéutica. E telo conseguido, a través da colaboración co mundo, é o que máis nos ilusiona”, admite.

O programa CáncerInnova

Nesta liña de colaboración xorde tamén un dos últimos programas do grupo: CáncerInnova. Unha aposta arriscada, ao partir dunha ciencia disruptiva, pero que, se funciona, podería supor un antes e un despois para determinados tipos de cancro que non teñen, polo de agora, unha boa solución. E pese as probabilidades de que non poida chegar a probarse en doentes, Loza defende a súa necesidade: “Se non se asumen os riscos, sempre acabamos facendo medicamentos parecidos aos anteriores. E o cancro non está curado, non nos fagamos ilusións. Cada vez temos mellores ferramentas, pero seguimos matando moscas a canonazos. E para saltar a a outras hipóteses terapéuticas disruptivas, hai que arriscar”.

Guiados pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC), as patoloxías que seleccionaron para o programa foron aquelas que tiñan maiores necesidades de poder acceder a fármacos. Por exemplo, os casos de glioblastoma —un tumor cerebral—, determinadas leucemias en nenos, o cancro de páncreas, algúns de pulmón ou as metástases tumorais con células senescentes. No caso destas últimas, é un proxecto galego o que se está a encargar se comprobar se “nas propias biopsias dos pacientes, xa se podería ver se o fármaco en probas é quen de matar a esas celulas senescentes. Se saíse positivo, a forma de chegar sería moi rápida”.

Facer que a ciencia chegue

Porén, “non estamos ben concienciados en que a ciencia soa non chega ao doente”, lamenta Loza. Para que iso suceda, é necesaria a ponte que fan as ciencias aplicadas para que a boa ciencia non se perda. “En España, en xeral, non se está aplicando nin o 70% das oportunidades científicas que poderiamos ter. E é unha ciencia boísima. Pero non hai cultura non só de financiala, senón tampouco de aplicala, que xa require outro coñecemento”.

Nese sentido, a científica tamén sinala a necesidadade de achegar a sociedade a eses proxectos que se aplican, e que entenda o seu porqué: “Iso dálle un valor á ciencia, aos ensaios clínicos, e dálle ata unha esperanza”. E tamén axuda a priorizar porque, na medida en que se difunde mellor e se coñece máis, a poboación tamén é quen de sinalar cales son as súas necesidades. “Por exemplo: Galicia é unha comunidade envellecida. Pois ten unhas prioridades concretas. Prioridades para as que lle hai que dar o poder á sociedade para axudar a definilas”.

Saber comunicarse coa sociedade

Para outorgalle esa capacidade, Loza entende como necesarias as iniciativas de divulgación científica e comunicación coa sociedade dos proxectos que levan a cabo. “É moi importante, porque a sociedade ten que esixirnos resultados. Hai moitos fondos públicos aquí. Entón, temos que producir o que a poboación necesita, porque somos parte dela, e a comunicación é clave para que todos vaiamos a unha e definamos as prioridades xuntos”. Neste sentido, valora como positiva a certa democratización da ciencia que ten suposto a pandemia: “Eu son unha doente máis. E se non o son, xa o serei mañá. É importante que teñamos conciencia de todo iso, e non pecharnos nas nosas torres de marfil a facer os nosos proxectos. Claro que existe esa ciencia básica, pero na que estamos nós hai que abrila á sociedade”

Nese camiño para abrir o coñecemento científico á sociedade enmarcouse así esta primeira charla do ciclo “Ciencia en Feminino”, organizado por GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que se prolongará durante os seguintes xoves do mes de marzo. A proxima cita será o día 10 ás 19:00h, cunha mesa redonda sobre a “Fuga de talentos e a conciliación”, na que participarán Isabel Suárez FernándezAlba Vieites PradoLorena Boquete Vilariño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra
00:57:23

“En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”

A primeira actividade do ciclo 'Ciencia en feminino' analiza as vocacións científicas e como mantelas pese aos obstáculos por ser muller
00:57:23

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. As vocacións científicas

A bióloga Alicia L. Bruzos, a enxeñeira espacial Uxía García Luis e a paleontóloga Blanca Moncunill Solé falan da súa experiencia como mulleres de ciencia