Venres 29 Marzo 2024

Galicia vivirá máis 'lumes de copa', os incendios máis agresivos

Caracterizados pola intensidade dunhas lapas capaces de ir saltando de árbore en árbore para rapidamente afectar a grandes extensións de terreo, os chamados ‘lumes de copa‘ constitúen un tipo de incendio forestal marcado polo seu “alto impacto ecolóxico e económico”, como salienta o investigador José María Fernández, que centrou nesta clase de lumes a súa tese de doutoramento, defendida na Escola de Enxeñaría Forestal. Ademais de propor unha serie de medidas que permitirían unha mellor prevención fronte a este tipo de incendios, o estudo de Fernández permitiu tamén identificar os puntos nos que este tipo de lumes son máis probables, como as masas de piñeiro silvestre, as zonas de maior altitude e diferentes puntos do interior de Galicia, onde “baixo un escenario de cambio climático”, como sinala Fernández, “é previsible” que estes lumes “ocorran cunha maior incidencia nun futuro”.
gal1
“Este tipo de lume dáse cando temos un incendio na superficie do bosque que chega a unha intensidade suficiente como para prender na copa dunha árbore”, relata este investigador, que no marco do programa de tecnoloxía medioambiental da Universidade, desenvolveu a súa investigación no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, baixo a dirección de José Antonio Vega. Deste xeito, unha vez o lume que se iniciou nos matos ou na follaxe prende unha primeira copa, “se se dan as condicións de vento precisas, propágase de árbore en árbore, queimándoas na súa totalidade e chegando a afectar a grandes extensións de terreo”. Trátase pois dun tipo de lume forestal que se caracteriza “polo seu maior impacto económico, por supor un maior risco para os núcleos de poboación, pola dificultade da súa extinción, debido ao seu comportamento extremo e en ocasións errático, e polo seu altísimo impacto ecolóxico”, como sinala Fernández que, non obstante, recoñece que a pesares disto, esta tipoloxía de incendios forestais non esta aínda o suficientemente estudada.

A provincia de Ourense e o sur de Lugo serán as zonas máis afectadas

Os piñeirais existentes nas zonas de montaña de Ourense e do sur de Lugo como os puntos de Galicia máis propensos a sufrir un tipo de incendios, que é previsible sexan cada vez máis frecuentes, “debido ao cambio climático, máis notable no interior de Galicia”. Neste senso, este investigador incide en que, en comparación coas zonas costeiras do país, o interior atopábase xa nunha “situación de partida máis desfavorable, pola influencia mediterránea do seu clima”, mais, a “tendencia ascendente” das temperaturas” rexistrada nos últimos anos fan que “os índice de risco de incendio vanse ir agravando no interior de Galicia co paso do tempo”, como conclúe este investigador, que alerta na súa tese dese “escenario con maior recorrencia dos lumes de copa”. Un escenario que vén motivado polo “empeoramento da meteoroloxía”, ao que se suman factores como o proceso de abandono do rural, “coa conseguinte acumulación de combustibles forestais”, é dicir, de vexetación susceptible de arder e provocar lumes en masas forestais como os piñeirais, que “nesta comunidade supoñen un prezado ben económico, ambiental e social”.
A instalación dunha serie de “dispositivos experimentais” para recoller información destes lumes, permitiu a Fernández comprobar a eficacia dos tratamentos preventivos. Concretamente, o traballo realizado de “roza do mato que medra baixos os piñeiros, corta das árbores máis pequenas e poda dos exemplares máis grandes, seguido dun triturado dos restos” rematou amosándose como “unha medida eficaz para previr este tipo de lumes”, xa que as masas forestais nas que se levou a cabo amosaron unha “mellor resistencia a un incendio”, relata.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso