Xoves 25 Abril 2024

Un galego dirixe un estudo para detectar o SARS-CoV-2 en menos dunha hora

O científico Luís Blanco recibe financiamento para incrementar a capacidade de diagnóstico do virus cunha técnica "in situ"

Nos anos 80, con menos de 30 anos, o científico Luis Blanco Dávila (A Coruña, 1958), xa traballaba man a man cunha das científicas españolas máis relevantes das últimas décadas, Margarita Salas, finada en novembro de 2019. En 1984 descubriron o fago Phi29, un dos fitos da carreira de Salas, e que aínda hoxe é a patente máis rendible da historia do CSIC. Case 40 anos despois do achado, e tras múltiples aplicacións deste fago en técnicas de bioloxía molecular, pode converterse tamén nunha ferramenta fronte á epidemia do coronavirus SARS-CoV-2. Luis Blanco, que segue en activo como investigador do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa (CBMSO), estará á fronte dun equipo do CSIC e o Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) que intentará usar o Phi29 para desenvolver un método rápido para detectar o coronavirus, en menos dunha hora, máis sinxelo e coa posibilidade de facelo “in situ”. Ata o de agora, a técnica molecular de referencia, a PCR, dura un mínimo de dúas horas, moitas veces máis.

O traballo que dirixe Blanco xunto a Felipe Cortés, xefe do grupo de Topoloxía e Roturas de ADN do CNIO, é un tres dos novos proxectos financiados polo Fondo Covid-19 do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), unha liña de investimento activada para facer fronte á epidemia, e que xa apoiou investigacións como a liderada desde Galicia por José Martínez Costas, do CiQUS. Segundo explica Blanco en declaracións recollidas polo CSIC, a diferenza das técnicas RT-PCR, o principal método de diagnóstico molecular do virus, o mecanismo de amplificación da enzima Phi29pol funciona a temperatura ambiente e permite multiplicar por miles ou millóns de veces unha pequena mostraxe de material xenético do virus. “Esta característica foi tamén clave para desenvolver o proxecto, xa que permite que podamos detectar o virus a temperatura ambiente sen necesidade de utilizar equipamento especializado ou persoal técnico”, engade Blanco.

Publicidade

A detección masiva de contaxios mediante a técnica podería poñer freo a posibles rebrotes

O obxectivo é desenvolver un dispositivo portátil (similar a unha proba de embarazo) que permita diagnosticar a enfermidade de forma sinxela, rápida e fiable, mesmo en casa. Así mesmo, poderase adaptar esta metodoloxía para detectar a presenza do virus no ambiente e en superficies. Cortés e Blanco avanzan que no outono poderían obterse os primeiros resultados, o que axudaría á detección masiva de contaxios, incluído os asintomáticos, o que facilitaría poñer freo a posibles rebrotes.

A capacidade da Phi29 para amplificar material xenético partindo de moi pouca mostraxe, mesmo danada, “dános a pista de que pode ser un método extremadamente sensible para detectar a presenza do material xenético do virus, e polo tanto confirmar a infección, mesmo naqueles casos cunha carga viral pequena como poidan ser os pacientes asintomáticos”, afirma Cortés, outro dos líderes da investigación.

De conseguir adaptar a técnica á detección do SARS-CoV-2, sería posible “diagnosticar a pé de rúa, mesmo nos propios centros de atención primaria, residencias de anciáns ou outros lugares especialmente sensibles, evitando así o envío de mostraxes aos laboratorios capacitados, facilitando a loxística e evitando novos contaxios”, declaran os investigadores.

Este método de diagnóstico da doenza de Covid-19 baséase nunha mellora da encima Phi29pol, desenvolvida por Miguel de Vega, investigador do CSIC no CBMSO, e que participará tamén no proxecto xunto coa empresa spin-off do CSIC 4basebio, que posúe a licenza de explotación da encima mellorada.

“Os expertos mundiais nesta tecnoloxía e a súa propiedade intelectual témolos na casa, o que, se os nosos ensaios funcionan como esperamos, facilitará a súa produción e posterior subministración a nivel nacional”, sosteñen Cortés e Blanco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais