Martes 16 Abril 2024

Lobos ou cans abandonados: quen mata o gando en Friol?

A finais de xaneiro de 2017, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia autorizou no municipio de Friol (Lugo) unha batida de lobos para frear os continuos ataques contra os animais domésticos, que seguen provocando importantes perdas económicas aos gandeiros da zona. Porén, aquela batida acabou coa morte dunha cadela; un feito que provocou críticas por parte de entidades ecoloxistas, que pediran a anulación da autorización. Os cazadores non chegaron a dar cos supostos lobos que estaban masacrando ao gando.

A Garda Civil tivo que actuar ante a presenza de 20 cans de gran tamaño, algúns notablemente famentos

Nos últimos días, novas informacións volveron traer ao debate este asunto. Segundo recolleu La Voz de Galicia, a Garda Civil tivo que intervir na parroquia de Xiá, no mesmo municipio de Friol, e preto do lugar onde se autorizou a batida a comezos de 2017, pola presenza de 20 cans de gran tamaño, ceibos por varias parcelas da zona. Moitos deles estaban famentos, e algúns presentaban serios problemas de saúde.

Publicidade

“A relación entre estes dous feitos non é casual“, sinala a Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (Ascel), nun comunicado no que pedía “prudencia” debido á constante atribución que se fai ao lobo sobre estes sucesos. O biólogo ambiental Xabier Vázquez Pumariño, membro da xunta directiva de Ascel, sinala a GCiencia: “Cúlpase automáticamente ao lobo das mortes do gando e de animais silvestres, coma o corzo, cando isto non é para nada exacto“.

Engade Vázquez Pumariño que, no caso de Galicia, “a cantidade de cans que se moven polo monte é bastante elevada; non só os que viven de forma totalmente silvestre, senón tamén os propios cánidos domésticos que hai en moitas casas, e que fan incursións polo monte”, polo que poden gardar relación con este tipo de feitos.

Os cans silvestres e gando

Desde Ascel sinalan que “cando se fala de danos á gandería, está completamente fóra de lugar atribuír os danos unicamente ao lobo. Entendemos que deben ser atribuídos, en todo caso, a cánidos”. Citan neste senso a situación do Reino Unido, “onde non existen lobos desde a Idade Media“, onde “o gasto causado polos ataques de cans ao gando é de 1,3 millóns de libras cada ano”. Citando os datos do All-Party Parliamentary Group for Animal Welfare (APGAW), Ascel engade que só no ano 2016, os cánidos mataron 15.000 ovellas no país.

Un estudo realizado no País Vasco atopou restos de ovella no 36% dos excrementos de can, fronte ao 3% do lobo

Sobre este punto, Xabier Vázquez Pumariño cita tamén os estudos realizados na península Ibérica, como o publicado na revista Animal Conservation por Jorge Echegaray e Carles Vilà, científicos do CSIC, no que se analizou, con datos recollidos no País Vasco, que a presenza de restos de diversos animais en excrementos de lobo e doutros cánidos.

Os resultados amosaron (ver gráfico) que nos excrementos de lobo atopáronse restos de corzo en preto do 60% das mostras. Porén, nas feces de can, había maior presenza de restos de lebre e, sobre todo, de ovella. Os restos de gando ovino estaban presentes no 36% das mostras de excremento de can, mentres que no caso dos lobos só eran o 3%. No caso dos gando vacún e cabalos, as diferenzas eran moito menores, e en ningún caso superaban o 20% de todas as mostras.

Porcentaxe da presenza de restos de diversos animais en excrementos de lobo (en negro) e can (en gris). De esquerda a dereita: corzo, xabarín, teixugo, lebre, gando vacún, cabalos e ovellas. Fonte: Artigo publicado en 'Animal Conservation' por Jorge Echegaray e Carles Vilà.
Porcentaxe da presenza de restos de diversos animais en excrementos de lobo (en negro) e can (en gris). De esquerda a dereita: corzo, xabarín, teixugo, lebre, gando vacún, cabalos e ovellas. Fonte: Artigo publicado en ‘Animal Conservation’ por Jorge Echegaray e Carles Vilà.

Para evitar que o conflito e o problema social persista, desde Ascel avogan por unha maior investigación para determinar xenéticamente, coas ferramentas tecnolóxicas avanzadas de hoxe en día, que tipo de animal é o responsable deste tipo de ataques.

2 COMENTÁRIOS

  1. ¿Quién es el autor de la fotografía del lobo? Me parece fantástica; resume la astucia con la cual el superpredador logra adaptarse a un medio tan “antropomorfizado”, como es el monte gallego.

  2. Sinceramente non tedes nin idea polo que vexo, vos a os vosos intereses coma sempre, Si queredes solucionar o tema pois xa sabedes cartos do voso bolsillo e a mantelos.

    Nos xa perdemos bastante coas vosas chorradas, como esta publicación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas

As autoridades descoñecen os aditivos químicos dos plásticos un mes despois da vertedura

O único dato oficial sobre as bólas é que están feitas de polietileno, o plástico máis común, pero aínda non se sabe que outras substancias conteñen

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo