As tecnoloxías CRISPR son unha das grandes esperanzas da xenética. Estas ferramentas poderían permitir alterar a vontade a secuencia de ADN de calquera organismo. Pero a súa aplicación aínda está nunha fase moi inicial. En España, expertos como Francis Mojica ou Lluís Montoliu estudan estas ferramentas. Este luns 14 de maio, Montoliu, investigador do Centro Nacional de Biotecnología do CSIC, falará na Domus da Coruña, nunha charla que levará por título “Editando o noso ADN coas ferramentas CRISPR: realidades e desafíos”. A charla, que será de acceso libre e gratuito, terá lugar na sala Leonardo da Vinci da Domus a partir das 19.30 horas.
Na conferencia, Montoliu explicará que son, de onde veñen e para que serven as ferramentas CRISPR. A través de exemplos sinxelos, ilustrará as súas múltiples aplicacións en edición xenética. Unha tecnoloxía chamada a revolucionar a bioloxía, a biotecnoloxía e a biomedicina. Con todo, a técnica ten tamén limitacións e desafíos que haberá que afrontar para garantir a súa aplicación no mundo real, asuntos que tamén abordará o científico.
Montoliu (Barcelona, 1963) é licenciado en Bioloxía e doutor en Xenética Molecular pola Universitat de Barcelona. É membro do Comité de Dirección do Centro de Investigación Biomédica en Red en Enfermedades Raras (CIBER-ER, ISCIII), e profesor honorario da Universidad Autónoma de Madrid. Leva máis de 20 anos investigando o xenoma e traballa con modelos animais para o estudo de enfermidades raras do ser humano. Entre 2006 e 2014 presidiu a Sociedad Internacional de Tecnologías Transgénicas (ISTT), da que foi fundador, e participa na dirección de sociedades científicas internacionais (IMGS, ESPCR ou IFPCS). Tamén forma parte do Comité de Ética do CSIC e do panel de Ética do European Research Council. Desenvolve tamén unha intensa actividade como divulgador científico.
Tamén podes ler: