Venres 19 Abril 2024

A familia Jáudenes certifica: o 80% do lixo dos areais da ría de Pontevedra é plástico

Alejandra, de 9 anos, presenta en Pontenciencia unha investigación desenvolvida en seis praias da zona e contrastada en outros tantos países

A investigación Lixo mariño desenvolvida por Alejandra Jáudenes Rodríguez, man a man coa súa nai Emma, afianza o seu interese pola ciencia e a súa concienciación ambiental. Con só 9 anos presenta por segunda vez un proxecto na sección Ciencia en Familia da Feira da Miniciencia-Pontenciencia 2022, que estará aberta ao público os días 27 e 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.

Tras documentarse sobre o lixo mariño  —segundo a UNEP, “calquera sólido persistente de orixe non natural (manufacturado) que fose refugado, depositado ou abandonado en ambientes mariños e/ou costeiros”— , a familia Jáudenes Rodríguez formulou non unha, senón dúas hipóteses: o 80% do lixo mariño é plástico e o 50% deste plástico ten a súa orixe na pesca. 

Publicidade

Así que ao choio. Recolleron o lixo atopado en seis areais da ría de Pontevedra e clasificárono para obter datos cuantitativos dos obxectos e materiais localizados (botellas de plásticos, bricks, vidro, téxtiles, papel, redes, pelotas, un bidón…) En concreto, peitearon as praias de Lapamán e Banda do Río (Concello de Bueu), Aguete (Marín), Lourido e Cabeceira (Poio) e A Lanzada (Sanxenxo-O Grove).

Peitearon seis praias: Lapamán, Banda do Río, Aguete, Lourido, Cabeceira e A Lanzada

Mais conscientes de que a contaminación mariña é un problema global, Alejandra e Emma pediron a amigos da familia que viven noutros países que acudisen a praias da súa contorna e recollesen o lixo tirado alí e que lles informasen do atopado para cotexalo coa realidade local á hora de verificar (ou non) a primeira das súas hipóteses: o 80% do lixo mariño é plástico. Obtiveron datos chegados desde Reino Unido, Panamá, Alemaña, Australia, Indonesia e Vietnam.

Problemática xeral

Esta recompilación de datos permitiulles acreditar que o lixo mariño é unha problemática que afecta a todo o mundo e que o que ocorre nos areais pontevedreses é semellante ao que sucede noutros países. “A primeira hipótese era certa: nós tiñamos o 82% de plásticos e eles o 81%, case o mesmo”, explica Alejandra.  

A que non puideron validar foi a segunda hipótese exposta, centrada no ámbito local, que aludía a que o 50% dos plásticos tiña a súa orixe na actividade pesqueira. O volume deste tipo de lixo quedou moi afastado da porcentaxe de referencia.

Alejandra está lista para expoñer diante do xurado e explicar ao público interesado a investigación Lixo Mariño. O seu é un dos catro traballos presentados a Pontenciencia, na sección Ciencia en Familia. Será na mañá do sábado 28 de maio, segunda xornada de Feira da Miniciencia.

Emma Rodríguez non dubida en cualificar de “moi interesante e positivas” iniciativas como  Pontenciencia que anima a nenas e nenos, no colexio ou coa familia, a traballar seguindo o método científico, “aprenden a facer unha investigación coma se fose un xogo”.

Pontenciencia 2022: Que o coñecemento non pare! está organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración dá Fundación Española para a Ciencia e a  Tecnoloxía-Fecyt,  ademais da Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e a FANPA Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Estas son as mellores fotografías científicas de 2023

O corte transversal dunha casca de ovo, a simetría do brócoli e un nobelo de anisakis, entre as imaxes gañadores de FOTCIENCIA