Xoves 18 Abril 2024

Así se forman no litoral galego as néboas que frustran os días de praia

O fenómeno prodúcese cando unha masa de aire cálido e húmido pasa sobre unha superficie de menor temperatura, como o mar

Botas unha ollada pola ventá e pechas rapidamente os ollos. Un sol radiante cega a túa visión do exterior. Volves abrilos, paseniño, e decátaste de que non hai unha soa nube que tinga o ceo. A temperatura é agradable e asumes que non hai mellor opción que pasar o día na praia. Non obstante, cando chegas alí, abafado e cargado co parasol, as toallas e as raquetas, tes que dar volta. Non só sentes un frío húmido que te obriga a poñer a chaqueta e renunciar ao bañador, senón que unha espesa néboa colorea a costa. Un fenómeno xa coñecido polos galegos que, este verán, especialmente no mes de agosto, renunciaron unha e outra vez aos días de praia a causa da néboa instalada no litoral. “Isto prodúcese cando unha masa de aire cálido e húmido pasa sobre unha superficie de menor temperatura”, explican dende Meteogalicia, e matizan que este fenómeno se coñece como “néboa de advección”.

Son típicas do mes de agosto?

Segundo continúan aclarando dende o centro meteorolóxico, a súa formación non está relacionada co día nin coa noite, polo que poden aparecer en calquera momento da xornada. De feito, Meteogalicia desmente unha das crenzas máis estendidas sobre este tipo de néboas, que defende que son típicas do mes de agosto. “Prodúcense en calquera época do ano. Habitualmente relaciónanse as néboas cunha perda de calor, pero non é o caso. Nas de advección, o aire cálido e húmido vén dende o mar, que está máis frío”, apuntan dende a institución galega. Outro dos motivos que puideron alimentar esta crenza é que durante o verán préstaselle máis atención ao tempo que vai nas praias. “Este fenómeno non é propio do interior nesta época do ano. Alí pode estar o ceo despexado, pero desprázaste ao litoral e atopas néboa”, engaden.

Publicidade

Dende Meteogalicia continúan aclarando que durante o inverno son habituais as néboas xeneralizadas, pero ninguén pensa en ir á praia. E malia que na estación máis fría é frecuente que se produzan no interior, ocorre todo o contrario durante os meses de verán. “Apenas existen no interior e, se as hai, só van ser puntuais. É dicir, teñen unha curta duración porque a temperatura sobe rapidamente”, apuntan. No litoral acontece todo o contrario: pode haber néboas durante o verán que duren moito, posto que non están producidas por un arrefriamento, senón polo contacto entre unha masa de aire cálido e unha superficie máis fría que, neste caso, é o mar. “Ademais, as néboas de advección son bastante caprichosas. Poden darse nunha ría e non noutra, ou mesmo separarse moito cara ao mar. Dependen moito das condicións locais”, engaden dende Meteogalicia.

Son propias das Rías Baixas?

Outra das ideas máis estendidas sobre as néboas mariñas é que afectan unicamente as Rías Baixas. De novo, esta afirmación non é de todo certa, posto que este fenómeno podería darse en todos os puntos do litoral galego. “Pode que o motivo polo que se asume esta crenza é que, ás veces, estas néboas non afectan de xeito puntual, senón que é habitual que cheguen a Galicia dende a costa portuguesa. É evidente que o primeiro sitio ao que afectan son as Rías Baixas, por proximidade”, matizan dende Meteogalicia. Polo tanto, é infrecuente que as néboas sexan capaces de subir tanto como para chegar ás Rías Altas. “Por iso é máis probable que se produzan na zona sur”, conclúen dende o centro meteorolóxico.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores

Un tren de borrascas regará Galicia durante toda a semana

As precipitacións de principios de abril virán acompañadas dun importante ascenso térmico a partir do mércores