Venres 29 Marzo 2024

O LHC, simulado con computación cuántica; unha proposta desde o IGFAE

O físico da USC João Barata é o primeiro autor dun artigo que propón unha estratexia nova para simular a dispersión de partículas de alta enerxía

O doutorando João Barata, que traballa no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), publicou recentemente un artigo no que propón unha estratexia nova para simular a dispersión de partículas de alta enerxía, motivada fisicamente polo modelo de partóns de Feynman. Nese modelo, cando os protóns coliden a alta enerxía, poden verse como un conxunto de partículas fundamentais menos enerxéticas. Así, en lugar de describir os campos dos protóns en termos de bits cuánticos, é máis sinxelo asignar directamente as partículas aos graos de liberdade dispoñibles no computador cuántico. Por tanto, mentres o número de partículas sexa pequeno, espérase que este enfoque sexa o natural para describir as colisións producidas no LHC, un dos experimentos do gran acelerador de partículas do CERN, situado entre Francia e Suíza, preto da cidade de Xenebra.

Tal e como explican desde o IGFAE, o Modelo Estándar (SM) de Física de Partículas é a teoría máis exitosa e aceptada para describir as partículas elementais que compoñen o universo e a forma na que interaccionan a través da forza nuclear forte, débil e electromagnética. Na linguaxe do Modelo Estándar, a natureza descríbese en termos de campos fundamentais que se estenden polo universo. Un campo pode entenderse como a distribución da temperatura dentro dunha habitación ‒o universo‒, con lugares onde esta é moi alta ou baixa, que corresponden no SM a puntos do Universo onde se atopa unha partícula. Este modelo foi e segue sendo amplamente probado en varios experimentos distribuídos por todo o mundo. Quizá o máis famoso sexa o Gran Colisor de Hadróns (LHC, polas súas siglas en inglés) do CERN, en Xenebra, onde en 2012 observouse por primeira vez a última peza do Modelo Estándar que faltaba por verificar: o bosón de Higgs.

Publicidade

Completar as medicións do LHC

O LHC pon a proba o SM acelerando protóns a unha velocidade próxima á da luz nun anel de 27 km para facelos colidir despois. Dado que os protóns están compostos por outras partículas elementais, rompen tras chocar e producen unha plétora de estados finais ‒coma se golpeásemos bólas de billar a gran velocidade‒ que os detectores do LHC miden e compáranse con simulacións teóricas. Esta práctica foi moi exitosa, pero cando se aumenta a precisión dos datos experimentais, por exemplo, para buscar nova física máis aló do Modelo Estándar, as capacidades computacionais dos ordenadores actuais son limitadas.

Con todo, como se sinalou por primeira vez no traballo fundacional de Jordan, Lee e Preskill (JLP), estas dificultades técnicas poden superarse, en principio, representando os campos asociados ás partículas do Modelo Estándar en termos de bits cuánticos (qubits) e simulando as súas interaccións mediante un ordenador cuántico. Aínda que este enfoque é, en teoría, exponencialmente máis rápido que o mellor algoritmo de simulación clásico coñecido, a cantidade de qubits necesarios supera de sobra o número previsto que estará dispoñible nos computadores cuánticos a curto prazo, o que impide a súa aplicación nos próximos anos. Por iso, é moi interesante considerar outros algoritmos cuánticos para simular os procesos do LHC nun futuro próximo.

“Aínda que a súa posta en práctica require de máis recursos que os dispoñibles nos ordenadores cuánticos actuais, ofrece nalgúns aspectos importantes unha vantaxe directa sobre a proposta de JLP para simular a dispersión de alta enerxía”, explica João Barata, quen está realizando a súa tese doutoral no IGFAE grazas a unha bolsa INPhINIT da Fundación la Caixa. “Por exemplo, utilizando esta ’imaxe de partículas’, o cálculo nun computador cuántico é notablemente similar aos protocolos de medición utilizados nos detectores do LHC. Ademais, este algoritmo pode aplicarse directamente aos cálculos teóricos máis estándar dos procesos que rexen o Modelo Estándar, polo que esperamos que poida atopar moitas máis aplicacións máis aló deste traballo”.

As aplicacións de computación cuántica a análise de datos experimentais e cálculos teóricos en Física de Altas Enerxías, Astrofísica e Física Nuclear é un campo emerxente en todo o mundo, de crecemento exponencialmente rápido e con grande interese no IGFAE, onde investigadores están a dirixir os seus esforzos cara aos retos da segunda revolución cuántica.

O traballo sae publicado na revista Physical Review A e nel tamén participan Niklas Mueller (Universidade de Maryland), Andrey Tarasov (Universidade do Estado de Ohio e Centro para as Fronteiras da Ciencia Nuclear na Universidade de Stony Brook) e Raju Venugopalan (Laboratorio Nacional de Brookhaven).


Referencia: Single-particle digitization strategy for quantum computation of a ϕ4 scalar field theory (Publicado en Physical Review A). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC contribúe nunha nova técnica para estudar reaccións nucleares en explosións estelares

O investigador Yassid Ayyad desenvolveu parte da análise neste traballo internacional que se publica na revista ‘Physical Review Letters’

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

O Shazam das ondas gravitacionais ten acento galego

Un traballo liderado por Juan Calderón "dálle a volta á tortilla" aos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías