Venres 29 Marzo 2024

Lentimed avanza nas lentes de contacto que liberan fármacos

A Fundación Botín apoiará economicamente e con recursos de xestión a actividade de Lentimed Medical Devices, spin-off da USC constituída recentemente que traballa no desenvolvemento dun novo material adecuado para a fabricación de lentes de contacto brandas preparadas para a liberación de compostos na superficie ocular de forma controlada e sostida no tempo. Os novos materiais, as lentes de contacto e o procedemento contan coas súas correspondente patentes para Europa, Estados Unidos e Xapón.

Reunión na USC de Lentimed e Fundación Botín.
Reunión na USC de Lentimed e Fundación Botín.

Para coñecer os detalles desta colaboración entre a USC e a Fundación Botín, o reitor Juan Viaño e o director xeral da Fundación, Íñigo Sáenz de Miera, mantiveron un encontro cos investigadores que lideran este proxecto, os profesores Carmen Álvarez Lorenzo e Ángel Concheiro Nine, e coa administradora da empresa, Beatriz Noya Mariño. Á xuntanza acudiron igualmente o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos Yáñez; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), José Luis Villaverde Acuña; e Susana Torrente Vilasánchez, técnica de AVTE.

Publicidade

Lentimed é un proxecto spin-off da USC que xurde a partir dos resultados de investigación protexidos do grupo I+D Farma. Os promotores da proposta empresarial, socios e responsables de I+D da empresa son os profesores Ángel Concheiro Nine e Carmen Álvarez Lorenzo. A doutora Beatriz Noya Mariño é manager e conselleira delegada dun equipo que se reforzará en breve cun/ha experto/a en desenvolvemento de negocio para dar soporte á xerencia.

As lentes de contacto incorporan ciclodextrinas para descargar medicamentos

Os novos materiais de Lentimed están constituídos por compoñentes comúns a outras lentes de contacto. A innovación é que incorporan ciclodextrinas, compoñente empregado para outras especialidades farmacéuticas, que permiten cargar substancias nunha cantidade suficiente e cedelas en contacto coas lágrimas do ollo nun proceso controlado. O proceso de incorporación destas ciclodextrinas tamén é novidoso e está especialmente deseñado para obter estes materiais.

Os novos materiais xa foron testados en laboratorio e tense comprobado a súa capacidade de cargar medicamentos como diclofenaco (antiflamatorios) e miconazol (antifúnxico) e cedelos no fluído lacrimal artificial de xeito controlado durante 14 días. Ademais, comprobouse que ten a dureza axeitada para soportar o pulido para preparar lentes de contacto brandas. Os especialistas en oftalmoloxía consultados pola empresa opinan que a proposta desta spin-off sería unha solución moi beneficiosa para pacientes de idade avanzada ou dependentes, xa que aseguraría unha correcta administración do medicamento co seu conseguinte beneficio. Non obstante, dende a empresa estiman que o segmento obxectivo de destinatarios son os usuarios habituais de lentes de contacto cunha idade superior a 35-38 anos.

En 2010 a Fundación Botín puxo en marcha o Programa Mind the Gap, unha iniciativa que cubre as necesidades dos proxectos empresariais biotecnolóxicos na súa fase máis temperá. Con esta convocatoria, a Fundación inviste recursos económico e humanos para crear empresas que leven ao mercado produtos e servizos de base tecnolóxica. O feito de que os recursos achegados tomen a forma de participación nas empresas converte a Mind the Gap nun innovador modelo de inversión social tipo ‘impact investment‘.

Actualmente, esta programa conta con seis proxectos activos, dos que cinco son empresas xa constituídas. Estas compañías facturaron en 2015 máis de 750 mil euros e dende o comezo do programa levan captados 8 millóns de euros de capital privado. A través de Mind the Gap, a Fundación Botín achegará ata un máximo de 500.000 euros nos próximos dous anos, sempre que se vaian superando unha serie de obxectivos no desenvolvemento da tecnoloxía que constitúe a razón de ser de Lentimed. Ademais, proporcionará recursos de xestión en forma de supervisión, asesoramento e orientación en aspectos clave do negocio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Un esperanzador fármaco podería reducir as ganas de beber alcol

Achan unha proteína que diminúe a motivación por conseguir esta substancia en contextos asociados ao seu consumo

Un fármaco consegue frear por primeira vez o deterioro do Alzheimer: estes son os riscos

O lecanemab demostrou ter un efecto positivo no tratamento da enfermidade, pero aínda se precisa investigar máis para garantir a súa seguridade e posta en marcha

A segunda vida da talidomida, un fármaco marcado pola traxedia

En 1957 foi comercializado un fármaco antináuseas para embarazadas sen advertir que producía graves malformacións nos seus fillos