Xoves 28 Marzo 2024

Laxe dos Bolos: un petróglifo “fóra de serie” no noroeste peninsular

Presentan os resultados dun estudo promovido polo Concello de Caldas de Reis en colaboración co Incipit, que pon en valor a singularidade deste gravado rupestre

Alá no alto do Monte Xiabre hai unha xoia. Un tesouro capaz de sobrevivir o lume, o vento e o inexorable paso do tempo. Permanece alí, como un recordo inalterable dos nosos devanceiros. Aqueles que, hai miles de anos, sentaban ao pé dunha rocha para deixarse levar pola arte. Legáronnos multitude de gravados rupestres que, aínda hoxe, espertan interese. Un deles, o incomparable Laxe dos Bolos. Probablemente, o petróglifo de maior riqueza iconográfica do noroeste peninsular. Así o conclúe o estudo promovido polo Concello de Caldas de Reis en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) e a empresa Tictura.

“Laxe dos Bolos é un gravado moi singular pola variada iconografía que contén. Ten, como mínimo, dezaseis tipos de motivos diferentes, aínda que podería haber máis“, explica a directora da investigación e arqueóloga do Incipit, Elena Cabrejas. Segundo explica, algúns dos gravados son propios da arte atlántica, como a combinación de círculos concéntricos e cervos. Outros dos motivos son excepcionais, posto que só aparecen de maneira moi puntual noutros sitios de Galicia. E, incluso, en Laxe dos Bolos hai representadas figuras únicas nunca antes documentadas das que non se pode identificar o obxecto real que referencian. “Dos coñecidos, Laxe dos Bolos é un petróglifo fóra de serie”, di a arqueóloga.

Publicidade

Gravado de maneira continuada

“É probable que este petróglifo tivera máis riqueza iconográfica porque hai sucos que non fomos capaces de precisar: ben porque estaban moi desgastados ou porque existe solapamento de figuras hoxe incompletas“, continúa explicando Cabrejas. Isto último pode entrar en conexión con outra das grandes particularidades de Laxe dos Bolos: é un petróglifo que se gravou, de maneira continua, ao longo de máis de 2.000 anos. “É posible que comezara a utilizarse ao final do Neolítico, que se continuase ao longo de toda a Idade de Bronce e, tamén, a comezos da Idade de Ferro”, apunta a arqueóloga.

Fotografan a iconografía do gravado.
Fotografan a iconografía do gravado.

É dicir, se xa Laxe dos Bolos conta cunha iconografía espectacular, sobre todo pola cantidade de motivos que presenta, aínda é máis significativo o uso deste petróglifo ao longo de tanto tempo. “Xa non dicimos que Laxe dos Bolos teña as condicións óptimas para ser gravada reiteradamente, senón que diferentes tipos de culturas prehistóricas e protohistóricas lle deron o mesmo aprecio e valor ao sitio“, aclara a directora da investigación. Isto tamén entra en relación co significado deste enclave. Segundo o estudo, o máis probable é que fose un santuario.

“Diferentes tipos de culturas prehistóricas déronlle o mesmo aprecio e valor a este sitio”

Barallan a hipótese de que a contorna de Laxe dos Bolos estivera relacionada con rituais vinculados a eventos astronómicos. De feito, dende alí vese perfectamente a saída do sol, especialmente a do solsticio de verán. Amais disto, o petróglifo situaríase no eixo dunha ruta de comunicación que atravesaría o Xiabre e comunicaría o val de Caldas coa desembocadura do río Ulla. “Parece, incluso, que Laxe dos Bolos é o punto de chegada de distintas rutas”, engade Cabrejas, que tamén salienta a localización do petróglifo, cunha “visibilidade amplísima” de toda a depresión meridiana.

Sen comparación

“Polas súas dimensións, riqueza iconográfica, condicións de visibilidade, relacións arqueoastronómicas e uso ao longo do tempo, Laxe dos Bolos non ten comparación”, indica a investigadora, en atención aos posibles paralelismos deste petróglifo con outros gravados galegos. Apunta que en Rianxo, Corme ou Mondariz aparecen outros con motivos excepcionais e semellantes, de igual maneira que en Tomiño hai un que tamén salienta pola rica e variada iconografía. Malia todo iso, Laxe dos Bolos segue a destacar sobre os demais.

De todas formas, este petroglifo xa era un vello coñecido en Caldas de Reis. Os veciños da parroquia de Saiar, onde se sitúa, foron os seus verdadeiros descubridores. Nos anos 80 deron aviso desta laxe tan singular e xa se comezou a estudar a partir dese momento. A primeira publicación na que o gravado se dá a coñecer no mundo académico sae en 2001 da man de Antonio de la Peña e Manuel Rey. “Dérono a coñecer pero o calco que recreaban era incompleto. Faltaba a parte superior e non se incluía ningún tipo de valoración da iconografía”, afirma Cabrejas.

En Rianxo, Corme e Mondariz hai petróglifos con motivos excepcionais e semellantes

En 2007 Laxe dos Bolos volveu suscitar interese. Nesta ocasión por iniciativa da Xunta de Galicia, que fixo unha delimitación dos bens de interese cultural dunha serie de petróglifos da provincia de Pontevedra. “Pouco máis. Por iso fixemos este estudo, porque había unha débeda pendente con Laxe dos Bolos”, di a investigadora. “En decembro de 2020 o Concelo de Caldas, como promotor, púxose en contacto co Incipit para facer a posta en valor deste gravado. Pero a súa aposta foi máis arriscada, porque en realidade acometeron un proxecto de investigación integral“, continúa indicando Cabrejas. É dicir, o estudo máis completo que se fixo nunca sobre Laxe dos Bolos.

As distintas fases

A súa investigación comezou en xuño deste ano e agora saen á luz os resultados. Primeiro fíxose unha prospección arqueolóxica superficial da contorna, posto que este tipo de gravados adoitan formar parte dun conxunto. De feito, o equipo de arqueólogos atopou máis rochas gravadas agrupadas en tres petróglifos. “Algúns estaban moi tocados polo lume pero outros son moi bonitos e están ben conservados”, apunta a directora do proxecto.

Traballos en Laxe dos Bolos.
Traballos en Laxe dos Bolos.

O seguinte paso foi a realización dun calco completo do petróglifo. Para iso, axudáronse de tecnoloxías como a fotogrametría —grazas a un dron con cámara multiespectral— e a unha cámara de alta resolución con precisión milimétrica. O seu obxectivo era o de obter unha reprodución tridimensional de Laxe dos Bolos. Finalmente, a última fase —e tamén a máis complexa— foi a análise da iconografía. “O resultado da fotogrametría foi tan espectacular que procesar toda esa información levounos varios meses”, indicou Cabrejas.

Posta en valor

Co traballo xa feito, só queda dalo a coñecer. O pasado venres fixéronse eco dos resultados da investigación en Caldas. A directora do proxecto estivo acompañada dos tamén arqueólogos e participantes na investigación Manuel Santos Estévez e Roberto Aboal, este último de Tictura, a empresa que coordina a posta en valor. Ademais disto, elaboraranse fichas didácticas para os colexios de Primaria, lanzarase un vídeo promocional e a Rúa Real de Caldas xa leva decorada, dende agosto, con carteis que dan a coñecer o petroglifo. “Tamén actualizaremos o panel que hai ao lado de Laxe dos Bolos. Poñeremos unha ligazón para que se poida descargar información e, a través dunha plataforma, poderase acceder ao calco e navegar: facer zoom, xiralo, moverse sobre el…”, adianta Cabrejas.

“A través dunha plataforma poderase acceder ao calco de Laxe dos Bolos e navegar sobre el”

“Como ten un acceso complexo pensamos que o máis apropiado, máis alá de facer alí unha intervención, era levar Laxe dos Bolos ao pobo, baixalo ao val e acercalo á cidadanía“, di a directora do proxecto, en relación ao novo panel e ao uso das novas tecnoloxías para coñecer mellor o petróglifo. Coa esperanza posta en novos descubrimentos e publicacións sobre Laxe dos Bolos, este singular grupo de gravados rupestres permanece inmutable alá no alto do Monte Xiabre. Todos os veráns, dende hai miles e miles de anos, segue observando a saída do sol. Talvez recordando os seus tempos de santuario. Cando as mans dos devanceiros se pousaban sobre el, marcando para sempre o futuro dunha laxe xa inesquecible.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal compartían no Paleolítico un corpus artístico que revela nexos culturais

Dúas investigacións descobren os paralelismos existentes entre representacións de máis de 9.000 anos de antigüidade en Cova Eirós e o val do Côa

Laxe dos Bolos, un petróglifo referente da arte rupestre en Galicia

Un libro recolle o traballo arqueolóxico coordinado por Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...