Venres 26 Abril 2024

Ladeira xa navega cara a súa nova vida en liberdade

Este mércores comezou unha nova vida para Ladeira, a tartaruga que fora recuperada o pasado 31 de marzo no areal que lle deu nome,situado en Corrubedo (Ribeira). A bordo do Punta Roncadoira, barco de Gardacostas de Galicia, partiu do porto do Grove para ser liberada 10 millas mar adentro. Unha vez en liberdade, continuará o seu camiño cara ás augas do Caribe, onde se moven as colonías de cría, nunha viaxe que durará varios lustros a merced da corrente do Golfo.

Foi a segunda tartaruga máis pequena rescatada en Galicia ata o momento

O pasado 31 de marzo, un particular deu aviso sobre a presenza dunha tartaruga inmóbil na praia de Ladeira. O animal foi rescatado por Protección Civil de Ribeira, que o entregou a unidade  móbil da Rede de Varamentos que se desprazou ao lugar. Foi entón trasladada á UCI que a Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) ten en Nigrán, onde Ladeira comezou a súa rehabilitación. No momento de ingresar, foi a segunda tartaruga máis pequena rescatada ata ese momento en Galicia. Pesaba 499 gramos e medía 21 centímetros.

Publicidade

“O principal problema era o da alimentación, porque era moi pequena e non tiñamos a man os alimentos que adoitan comer nesa idade”, sinala Alfredo López, biólogo da Cemma. Non en tanto, Ladeira acabouse acostumando. “Comezou a comer peixes, luras e camaróns, así que xa deu un paso adiante na recuperación”.

Ladeira, durante a súa recuperación no Acuario do Grove.
Ladeira, durante a súa recuperación no Acuario do Grove.

Ladeira superou os primeiros días, que adoitan ser os máis complicados, e a partir de aí foi mellorando.Tras completar a primeira fase do proceso, saiu da UCI de Nigrán e foi conducida no mes de xullo ao Acuario do Grove, colaborador da Cemma. Alí, a tartaruga compartiu espazo con outras especies mariñas nun medio máis semellante ao seu hábitat natural, para ir adaptándose á súa futura vida en liberdade. Gañou peso, mobilidade e capacidade de mergullo.

A recuperación culminou este mércores coa subida ao Punta Roncadoira, desde onde viaxará cara unha nova vida en liberdade. Na saída estiveron presentes José Antonio Martínez, presidente da Cemma, xunto a responsables do Colectivo Ecoloxista do Salnés e estudantes do BDRI do Grove.

Outra tartaruga, Beo, continúa a súa recuperación no Grove

O lugar de Ladeira no acuario do Grove será ocupado agora por Beo, outra tartaruga rescatada en febreiro no areal malpicán do mesmo nome. “É un caso moi complexo, porque sufriu a amputación dunha aleta e cando a atopamos nin sequera podía comer”, explica Alfredo. A súa recuperación é moi lenta, pero positiva. Na Cemma agardan que poida seguir o camiño de Ladeira e volver nadar en liberdade. “Cada tartaruga que salvemos hoxe pode significar moito dentro duns decenios, porque a situación das colonias de cría é moi crítica. É un legado que lle deixamos aos nosos fillos e netos”, conclúe Alfredo López.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela