Martes 16 Abril 2024

Juan Portela Seijo, o galego que inventou o mellor altofalante do mundo

Moita xente non o sabe, pero nun negocio da rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, naceu a mediados do século pasado o que hoxe en día aínda se considera o altofalante máis natural xamais creado: o Organ Sound. Alí, os irmáns Portela Seijo, Juan e José, rebordantes de enxeño, traballo e paixón pola electrónica deseñaron un aparellos formidables. Entre eles, o altofalante que, por diversas razóns, hoxe aínda é un descoñecido para moitos. Os que o escoitaron din que ningún sistema de son pode igualar a calidade e a naturalidade daquel aparello.

A historia dos Portela Seijo é para sentarse a escoitala. Conta Yago Portela, fillo de Juan (1913-1989) e actual responsable do negocio familiar, que o seu pai e o seu tío quedaron orfos de pai sendo uns nenos. Grazas ás bolsas da fundación Ventura Figueroa, cuxa estatua observa o Campus Sur da USC desde a Alameda, puideron estudar ao ser descendentes do filántropo. Formáronse en Vigo, onde aprenderon todo o que puideron sobre un novo mundo que estaba nacendo: a electrónica. En 1939, Juan e a súa dona, María Gómez, abriron a súa primeira tenda de electrónica e electricidade na rúa do Vilar. En 1954 cambiaríanse ao Hórreo.

Publicidade

Inventaron tamén un sistema para reducir o dano dos impactos frontais de coches

Apaixonado pola música e o son de alta fidelidade, Juan, que tamén foi mestre de formación profesional durante decenios, decidiu compartir cos composteláns unha tecnoloxía da que non todos os fogares podían disfrutar. Así, creou unha sala de audición na que se escoitaba a Tchaikovksi ou a Beethoven. Despois veu a televisión: moitos picheleiros aínda lembran hoxe a fascinación que causou o aparello no escaparate da rúa do Hórreo, onde se agolpaban ducias de persoas para ver aquela caixa máxica.

No 1942, en plena posguerra, os irmáns foron quen de fabricar o primeiro magnetófono de fío que se coñece no mundo, a pesar de que a maior parte das pezas que empregaban eran case imposibles de conseguir. Tamén desenvolveron numerosas patentes que levantaron o interese de marcas como Phillips, que enviou a executivos a Santiago para intentar comprarllas e poder fabricar aqueles inventos en Holanda. Mais os Portela Seijo apostaron por seguir fabricándoas en Galicia. Tamén idearon, tal e como lembra Yago, un altofalante orientable.

Mais non se limitaron ao son. Deseñaron tamén un sistema para evitar os choques frontais de coches, grazas a un cilindro que facía escorregar a parte frontal e mitigar a dureza do impacto. E fixeron algo semellante cos trens, con outro sistema que era capaz de previr os impactos entre dúas locomotoras en sentido contrario.

Non en tanto, o invento máis celebre chegaría a finais dos anos 60 co Organ Sound, un altofalante creado por Juan e inspirado nos órganos da catedral de Santiago. Segundo os que o escoitaron, o son que sae del é tan natural que ningún aparello de son feito no mundo pode igualalo. Yago conta que cando se comezou a comercializar, o Organ Sound foi un éxito. “Debéronse de vender máis de 300“, lembra.

O Organ Sound consta de numerosos tubos de diferente grosor, para que poidan circular a través del todo tipo de frecuencias de son. Deste xeito conséguese un efecto envolvente, separando cada matiz sen perdelo, e sen xerar ningún tipo de ruído.

Local familiar dos Portela Seijo, na rúa do Hórreo.
Local familiar dos Portela Seijo, na rúa do Hórreo.

No negocio familiar aínda se conserva algún destes aparellos. Pero precisamente, esta semana, no Tek-Fest, o festival tecnolóxico que se celebra en Pontevedra, os asistentes terán a oportunidade de escoitar este venres 29, no Museo de Pontevedra,un redeseño do Organ Sound, realizado polo artista Miguel Espada; e ademais haberá unha sesión de escoita de este altofalante co DJ Viktor Flores. Ao día seguinte, o sábado 30, o pianista Daniel Ruiz-Cecconello interpretará un repertorio baseado nas composicións de Bach nas Ruínas de San Domingos, que tamén se poderá escoitar co Organ Sound.

Neste último ano, a figura dos Portela Seijo está sendo rescatada do esquecemento. A comezos de setembro, no festival WOS, Yago Portela participou xunto a Miguel Espada e Toño Cabanelas, enxeñeiro de son que colaborou con Espada no redeseño do Organ Sound, nunha charla na que destacaron a relevancia do invento creado en Compostela hai agora medio século.

“Hoxe en día, moita xente perdeu o interese por escoitar música. Óese música, si, pero de calquera maneira, cos altofalantes do móbil, que son todo ruído. É un pouco como a comida rápida, como se nos estivésemos limitando a saciar unha necesidade básica. Pérdense sabores, matices, que enriquecen moito”, reflexiona Yago Portela. Ilumínaselle a voz cando a súa cabeza lembra como escoitaba, sendo un cativo, aquel formidable son.

2 COMENTÁRIOS

    • Menudo sinsentido. Se alguen ten un conservao. Os da tenda dueños de moitos e da patente son quenes os teñen que donar ‍♂️

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os taboleiros barrocos de Santiago: únicos en Europa, pero sen protección

Son máis de 200 e están repartidos por diversos puntos da cidade, algúns foron cimentados ou substituídos por outras pedras

Á procura do escudo do Reino de Galicia

De Compostela a Londres, Héitor Picallo debuxa o mapa dos lugares onde podemos admirar os emblemas que xurdiron na Galicia medieval.

Guía para non perder a G-Night: un cento de actividades en sete cidades

Charlas, obradoiros, visitas guiadas e feiras científicas conforman a ampla oferta da Noite das Persoas Investigadoras en Galicia

Estas son as xoias xacobeas do galeón naufragado nas Bahamas

O 'Maravillas' afundiuse en 1656 debido a un erro de navegación mentres transportaba valiosos colgantes pertencentes á Orde de Santiago