Venres 29 Marzo 2024

Isidro Parga Pondal, o creador do primeiro mapa xeolóxico moderno de Galicia

Parece que o potencial ás veces vén de familia. Isidro Parga Pondal, alén de ser o sobriño do prestixioso poeta Eduardo Pondal, é considerado o mellor xeólogo nado na nosa terra. Este especialista chegou a Laxe, A Coruña, no ano 1900 e morreu aos 86 anos. A súa vida está colmada de importantes achegas ao mundo da Xeoloxía. Grazas a el o primeiro mapa xeolóxico moderno de Galicia foi unha realidade. Ademais, foi o fundador do eminente Laboratorio Xeolóxico de Laxe.

Xa dende moi cativo, Isido Parga amosaba especial interese pola investigación. Acudía con frecuencia ao arquivo universitario xunto coa súa familia. En plena adolescencia adoeceu a morte do seu pai e marchou vivir co seu avó materno, Isidro Pondal Abente, daquela director do coñecido balneario de Mondariz. Tal vez estas raíces influíron na súa posterior dedicación á Xeoloxía.

Publicidade

O seu itinerario estudantil ten o seu inicio en Santiago de Compostela. Foi precisamente nesta cidade onde deu en cursar os estudos primarios máis o bacharelato. Xa con dezaoito anos trasladouse a Madrid co gallo de continuar a súa formación. Así, somerxeuse no eido da Xeoquímica na carreira de Ciencias Químicas. Unha vez rematada a licenciatura e iniciado o doutoramento obtivo unha praza de profesor. A partir dese momento, converteuse en Auxiliar de Química Orgánica na nova Facultade de Química de Santiago. Foi nesta etapa onde descubriu as sombras do sistema, que criticará nos seus últimos anos.

O interese de Pondal pola Mineroloxía

A súa paixón pola Xeoquímica medraría tras a lectura de La Géochimie do profesor ruso Vernadsky da Universidade da Sorbona. A isto sumouse o seu ingreso no recente Seminario de Estudos Galegos en 1924. Estes factores espertaron a súa devoción pola Mineraloxía e a Xeoloxía galega. Parga Pondal quería facer un estudo xeoquímico xeral de Galicia, pero para iso precisaba unha maior especialización. Así, o investigador ampliou os seus estudos en Ciencias Xeolóxicas após a obtención dunha bolsa de estudos en 1930 que lle axudou a rematar a súa tese en Suíza.

Isidro Parga Pondal en 1928 Fonte: Wikipedia
Isidro Parga Pondal en 1928 Fonte: Wikipedia

O seu labor de investigación continuaría en Alemaña. En Berlín pescudaría sobre a química dos cementos silicatados. Un ano despois, volvería a Santiago de Compostela, atraído pola creación do Laboratorio de Xeoquímica, pioneiro en toda España. Non tardou en chegar ao cume da súa carreira cando esta institución obtivo financiación de Madrid e puido aplicar a ciencia á industria. Mais este proxecto viuse na obriga de finar coa arribada da Guerra Civil. Pondal foi destituído da docencia polas súas ideas galeguistas e tivo que se refuxiar na súa cidade natal.

Parga Pondal leu a súa tese no ano 1934, da cal obtivo unha calificación de sobresaliente Cum Laude. Levaba por nome Quimismo das manisfestacións magmáticas cenozoicas da Península IbéricaOs seus aportes foron moi significativos para toda a península. Esta pescuda incluía, por primeira vez en España, a utilización dos índices de Niggli para as clasificacións petrográficas. Así, Parga Pondal xa se erixía como unha referencia no campo da Xeoloxía.

As prolíficas achegas de Parga Pondal

As ansias de coñecemento do protagonista desta reportaxe empuxárono á creación dunha empresa en 1938:  Kaolines de Lage S.A. O contacto habitual que mantiña co profesor Hernández Sampelayo, un grande estudoso da Xeoloxía galega, fixo que proseguise co seu traballo de investigación en 1945. Tamén o alentaron as excursións xeográfico-xeolóxicas, impulsadas por persoas como Juan López Suárez, que apoiaban numerosas iniciativas científicas.

Isidro Parga sempre quixo aplicar a ciencia á tecnoloxía e isto materializouse na súa empresa. Algúns trazos desta ambición foron, por exemplo, o índice Xeoquímico de Galicia, unha guía dos nosos recursos xeolóxicos. Asemade, tamén destacou a súa publicación Sobre a presencia de ilmenita nas áreas galegas no Seminario de Estudos Galegos. Este foi o primeiro artigo científico escrito no noso idioma. Emporiso, o xeólogo tamén investigou sobre outros materiais en Galicia como o granito, o iodo ou o wolframio e, en consecuencia, elaborou numerosos traballos de investigación.

Parga Pondal cumpriu uno dos seus soños: a creación do Laboratorio Xeolóxico de Laxe

En 1940, Parga Pondal cumpriu uno dos seus soños: a creación do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Alí, afondou na elaboración dun mapa de Galicia a escala 1:50.000, o berce do que sería o primeiro mapa xeolóxico moderno de GaliciaFíxoo realidade grazas ao convenio co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e ao seu equipo de investigación. En 1963, deu en publicar un mapa Petrográfico-estrutural de Galicia a escala 1:400.000. Para a súa confección, empregou un mapa de Galicia en relevo a escala 1:100.000 que elaborou artesanalmente en escaiola.

Nas dúas décadas seguintes este laboratorio acadou gran sona continental. Científicos de todo o mundo acudían ao Laboratorio Xeolóxico de Laxe e compartían coñecemento con Parga Pondal. Para os xeólogos holandeses, foi chave nas súas investigacións sobre a Cordilleira Cantábrica, que decidiron ampliar a Galicia. En 1965, convocou a Primeira Reunión sobre Xeoloxía de Galicia e Norte de Portugal, que obtivo moito éxito. A súa repercusión deu pé a sucesivas reunións entre grupos de investigación. Esta cooperación resultou na creación de diversos mapas de Galicia, entre os que se atopa a Carte géologique du Nord-ouest de la Péninsule Ibérique.

O certo é que este xeólogo dedicou a meirande parte da súa vida ao coleccionismo. Algúns dos seus exemplares consérvanse no Museo de Historia Natural da USC. As súas contribucións foron case incontables, por iso é unha das grandes figuras da nosa historia. Parga Pondal morreu en Laxe en 1986. Pero sempre tivo unha actitude, máis que de ferro, de diamante. A súa vida non foi fácil. Era un grande xeólogo ao que quixeron silenciar cando o apartaron da universidade. Ademais, tivo que sufrir a repentina morte do seu fillo e da súa muller. Porén, a súa pegada segue presente, con nós, na terra, como el mesmo querería.

6 COMENTÁRIOS

  1. ¿Porque o Sr. Alfonso Alonso ignora, o esquecemento é unha terrible consecuencia moi propia das dictaduras, do que está a facer a Universidade da Coruña, o que fixo ese patriota Isaac Diaz Pardo e tantos outros esquecidos sen nome?. Grazas Sr Alfonso Alonso

  2. O misterio é sabermos porque o Sr. Alfonso Alonso ignora, o esquecemento é unha terrible consecuencia moi propia das dictaduras, do que está a facer a Universidade da Coruña, o que fixo ese patriota Isaac Diaz Pardo e tantos outros esquecidos sen nome. Grazas Sr Alfonso Alonso

  3. ¿Porqué ten amnesia o Sr. Alfonso Alonso?. Un misterio é sabermos como este redactor da noticia sobre Isidro Parga Pondal esquece a etapa do noso xeoquímico primeiro que se desenvolveu en Coruña grazas ao apoio de Sargadelos (Isaac Díaz Pardo) e da Universidade de A Coruña eque cristalizaou no Instituto Universitario de Xeoloxía chamado precisamente Isidro Parga Pondal e que leva funcionando 30 anos con froitos que descoñece o Sr. Alfonso Alonso. O misterio é porqué razons se ignora o

      • En certo modo a vinculación de Isidro Parga Pondal á Universidade de A Coruña está recoñecida implicitamente no artigo, posto que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está hoxe en día incorporado ao Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade de A Coruña, segundo teño entendido a través da Real Academia de Historia.

        Pero estou de acordo en que dita vinculación se podería ter explicitado máis no texto se o que vostede reivindica é certo.

  4. Unha debeda de cada un dos que trabalhamos en prol da minería sostible en Galicia. Toda a miña vida D. Isidro Praga Pondal foi e é un referente esencial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.