Venres 29 Marzo 2024

De Isabel Zendal a Begoña Vila: as 10 mulleres da ciencia galega que xa fixeron historia

Co gallo do 8M recompilamos os nomes femininos de onte e de hoxe que resoan con máis forza en Galicia

Son moitas, moitísimas máis. A lista podería incluír unha infinidade de nomes femininos estreitamente vinculados a Galicia e á súa ciencia. Mulleres que fixeron historia e romperon estereotipos, superaron obstáculos e convertéronse en referentes. Elas teñen poder e forza os 365 días no ano, pero recordalas no 8M é imprescindible. Dende a oceanografía, a astronomía, as matemáticas, a informática, a bioloxía e a medicina, hai 10 voces imprescindibles da ciencia galega de onte e de hoxe. Se non as coñeces… A que esperas?

Isabel Zendal

Un dos nomes imprescindibles é Isabel Zendal (Ordes, 1773-Puebla, México, n/c). En 1803 partiu da Coruña a expedición Balmis, capitenada polo médico Francisco Balmis, que convencera ao rei Carlos IV para financiar unha idea revolucionaria: infectar nenos orfos coa varíola e utilizalos para levar a vacina a América, onde a enfermidade, levada en 1518 polos primeiros colonos españois, tiña efectos devastadores. A bordo desta expedición ía a enfermeira Isabel Zendal, reitora do Hospital da Caridade da Coruña. Foi a gran protagonista que coidou dos cativos na súa viaxe.

Publicidade

María José Alonso

A catedrática da USC María José Alonso.
A catedrática da USC María José Alonso.

Unha das científicas máis influíntes de Galicia é María José Alonso (Carrizo de la Ribera,León, 1958). Graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC e dirixe o MJ Alonso Lab. En 2014, xunto a Alicia Estévez, foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos. Recibiu numerosos recoñecementos internacionais, alén de asesorar a revistas de alto impacto e ao Goberno español.

María Wonenburger

María Wonenburger, na homenaxe recibida no 2011 no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.
María Wonenburger, na homenaxe recibida no 2011 no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.

A súa vida estivo chea de recoñecementos en Estados Unidos, mentres en Galicia permanecía no anonimato. Esa foi a realidade na que viviu María Josefa Wonenburger (Oleiros, 1927-A Coruña, 2014). Licenciouse en Matemáticas en 1950, na primeira promoción da Universidade Central de Madrid. Foi a primeira española en conseguir unha bolsa Fulbright, o que lle permitiu estudar na universidade de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais. Regresou en 1983 á Coruña pola enfermidade da súa nai, e só nos seus últimos anos chegaron as homenaxes en Galicia. A Xunta de Galicia creou en 2007 o premio que leva o seu nome.

Ángeles Alvariño

A oceanógrafa galega Ángeles Alvariño.
A oceanógrafa galega Ángeles Alvariño.

A ciencia galega non sería o que é hoxe sen a figura de Ángeles Alvariño (Ferrol,1916 – California, 2005). A súa andaina investigadora comezou en Vigo, pero pronto marchou para os Estados Unidos, onde desenvolveu estudos de gran repercusión internacional. Algúns dos seus fitos foron o descubrimento de doce novas especies de quetognatos e nove de sifonóforos, minúsculos depredadores que forman parte do plancton. Tamén describiu unha nova especie de medusa. A súa relevancia queda sobradamente demostrada xa que dende 2012 un dos buques do Instituto Español de Oceanografía leva o seu nome.

Begoña Vila

Begoña Vila, durante a súa visita a Santiago. Crédito: Anxo Iglesias
Begoña Vila, durante a súa visita a Santiago. Crédito: Anxo Iglesias

O telescopio James Webb está a cambiar a nosa forma de ver e entender o universo. E detrás del está un dos nomes galegos de máis sona: a astrofísica Begoña Vila (Vigo, 1963). Comezou a estudar Física na USC e logo especializouse en astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias. Realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde investigou sobre galaxias espirais, e fixo o posdoutoramento na universidade de Cardiff. Máis tarde mudouse a Canadá, desde onde empezou a traballar coa NASA. Comezou como analista, ascendeu a enxeñeira de sistemas e, finalmente, foi designada como encargada técnica do Fine Guidance Sensor, o dispositivo que guía a viaxe do gran telescopio. Foi premio María Wonenburger en 2017.

Marisol Soengas

Marisol Soengas, nas instalacións do CNIO, onde dirixe o grupo de Melanoma desde 2008.
Marisol Soengas, nas instalacións do CNIO, onde dirixe o grupo de Melanoma desde 2008.

É unha autoridade internacional no estudo do melanoma, o cancro de pel máis agresivo. Esa é a mellor definición de Marisol Soengas (Agolada, 1968), acientífica galega dirixe o grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Licenciouse en Bioloxía na Universidade da Coruña, continuou en Bioloxía Molecular na Universidad Autónoma de Madrid e doutorouse ao tempo que tiña a oportunidade de traballar con Margarita Salas no laboratorio do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa.

Amparo Alonso

Amparo Alonso, enxeñeira química especialista en intelixencia artificial.

Unha das máis salientables expertas galegas en intelixencia artificial é Amparo Alonso (Vigo, 1961). Licenciouse en Química co especialidade de Química Industrial e doutorouse en Física na USC. Continuou a súa formación posdoutoral no Medical College de Georgia (Estados Unidos), ámbito no que afondou especialmente na monitorización antenatal. Posteriormente centrou o seu labor científico nas aplicacións da intelixencia artificial en ámbitos tan distintos como o medio ambiente, a saúde e a industria. Foi presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial e actualmente é catedrática da Universidade da Coruña, onde coordina o grupo LIDIA.

Elena Vázquez Cendón

A matemática Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger. Crédito: Santi Alvite / USC
A matemática Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger. Crédito: Santi Alvite / USC

A última premiada co María Josefa Wonenburger, Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966), é licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas pola USC. Desenvolveu contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. Tamén foi investigadora principal e participou en proxectos nacioanis e internacionais. Está comprometida coa divulgación das Matemáticas e preside desde 2021 o Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia).

Olimpia Valencia

Olimpia Valencia.
Olimpia Valencia.

O seu expediente académico foi brillante e iso converteuna nunha das primeiras licenciadas en Medicina de Galicia. Olimpia Valencia (Ourense, 1898-Vigo, 1987) sufriu a discriminación de xénero e viuse obrigada a optar pola xinecoloxía fronte a súa primeira opción, a neumoloxía, xa que estaba mal visto que as mulleres atenderan os homes. Na Segunda República apoiou ao Partido Galeguista, o que lle valeu un arresto en 1937 durante a represión franquista. Despois mantivo a súa consulta no centro de Vigo (onde hoxe ten unha rúa), e foi unha das fundadoras da Alianza Francesa na cidade olívica. Desde 2017 tamén leva o seu nome o edificio Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo.

Sonia Villapol

A investigadora galega Sonia Villapol actualmente en Estados Unidos.
A investigadora galega Sonia Villapol actualmente en Estados Unidos.

A neurocientífica Sonia Villapol naceu na Pastoriza (Lugo) e licenciouse en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Malia que a súa andaina científica comezou na súa Galicia natal, pronto abandonou a terra e xa leva 20 anos emigrada. A súa primeira parada foi a Universidade Autónoma de Barcelona, onde fixo un máster e un doutoramento en Neurociencias. Na súa etapa posdoutoral traballou en París, na Universidade Pierre e Marie Curie VI e no Hospital Robert Debré. No 2010 mudouse aos Estados Unidos e dende o 2018 é xefa de laboratorio e profesora de Neurocirurxía no Instituto Académico de Investigación do Hospital Metodista de Houston (Texas), e profesora de Neurociencia na Facultade de Medicina no Weill Cornell de Nova York.

  • Etiquetas
  • 8M

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra
00:57:23

“En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”

A primeira actividade do ciclo 'Ciencia en feminino' analiza as vocacións científicas e como mantelas pese aos obstáculos por ser muller
00:57:23

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. As vocacións científicas

A bióloga Alicia L. Bruzos, a enxeñeira espacial Uxía García Luis e a paleontóloga Blanca Moncunill Solé falan da súa experiencia como mulleres de ciencia