Venres 29 Marzo 2024

A intelixencia artificial rescata en 4K a Galicia dos anos 50

O xornalista César Galdo procesa un fragmento de "Un viaje por Galicia" de Manuel Arís que ofrece imaxes de Santiago de Compostela

Entre 1953 e 1958, Manuel Arís, un emigrante de Poio en Montevideo, puido facer o que moitos coma el non podían: regresar a Galicia. El, ademais, ía cunha cámara de 16 mm nas mans, coa que filmou a xente e as paisaxes e, de volta ao Uruguai, montou o documental Un viaje por Galicia. Son 73 minutos nos que o cinema permitiu a galegas e galegos na diáspora camiñar de novo pola terra. É seguro que nas dezaoito semanas nas que o filme se proxectou no Gran Cine Mitre de Buenos Aires moitos panos se encheron de bágoas. E agora a intelixencia artificial e as últimas tecnoloxías aplicadas ao audiovisual acaban de darlle unha nova vida á obra de Arís. O xornalista César Galdo procesou un fragmento do filme, recuperado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), para pasalo a unha resolución de 4K con imaxes de Santiago de Compostela, nas que aparecen escenas da cidade, entre as que se pode ver un dos poucos testemuños audiovisuais de Maruxa e Coralia Fandiño, as dúas Marías.

A idea xurdiulle a Galdo ao ver o traballo dun realizador ruso, Denis Shiryaev, que fascinou a millóns de persoas en todo o mundo nas últimas semanas. Nel pode verse un dos primeiros filmes da historia, A chegada dun tren á estación de La Ciotat, dos irmáns Lumiére, na mesma resolución de 4K a 60 fotogramas por segundo. “Como os programas cos que se fixo este traballo están dispoñibles na rede, calquera persoa cos coñecementos precisos pode intentalo, así que decidín facer a proba”, explica o xornalista.

Publicidade

Hoxe en día, segundo conta Galdo, “os algoritmos de intelixencia artificial aplicados ao tratamento de imaxes fan posible aumentar a resolución de vídeos antigos e mesmo de bobinas de cine”. No caso do filme de Arís, o xornalista procesouno para obter o resultado en 4K a través de dous programas. “En primeiro lugar, despois de descargar o vídeo publicado polo CGAI, escollín un fragmento para aplicarlle o algoritmo de interpolación de fotogramas DAIN“, continúa o editor da peza. “O que fai isto é que colle dous fotogramas consecutivos e ‘constrúe’ un intermedio para completar a información”.

O seguinte paso era o de aumentar a resolución en píxeles. Para isto, Galdo usou o programa Video Enhance AI, deseñado por Topaz Labs, co que se pode pasar dunha resolución relativamente pequena (o arquivo descargado do CGAI tiña 720x580px) a unha moito maior. “O programa analiza bordos, luces e sombras para aumentar o tamaño de cada cadro evitando os posibles problemas que poderían xurdir ao aumentar a resolución”. Ambos sistemas adéstranse continuamente con miles de horas de vídeo para mellorar a súa calidade, e fai que a reprodución sexa moito máis fluída.

Para ver a imaxe coa calidade óptima, é preciso poñela nunha pantalla grande e coa opción de 4k de YouTube activada, pero o resultado tamén é salientable noutros dispositivos.

O traballo de Galdo cinguiuse a un pequeno fragmento da obra debido aos requerimentos técnicos e o tempo precisos para levar a cabo a conversión a 4k. “Tanto o DAIN como o Video Enhance AI requiren ordenadores con tarxeta gráfica CUDA cun mínimo de 6 ou 8 GB dedicados de VRAM”. Así, cunha tarxeta gráfica nvidia Geforce GTX 1060 (de 6 xigas de memoria), foron precisos dous minutos para renderizar cada segundo de vídeo no programa Video Enhance AI e 51 segundos para cada 25 fotogramas de vídeo tratado co DAIN”, salienta o xornalista.

Un viaje por Galicia

O documental de Manuel Arís é unha das pezas audiovisuais que máis marcou ás xeracións de galegos emigrantes na Arxentina e Uruguai nos anos 50 e 60. Outra das súas obras, Tierra de nuestros mayores, tamén percorre varias aldeas e vilas galegas nunha peza que protagonizou a actriz Amalia Sánchez Ariño.

En Un viaje por Galicia (que leva o mesmo título ca o documental de 1929, considerado un dos primeiros audiovisuais que percorre o país), Arís, falecido en 2013, percorre ao son numerosas pezas de música tradicional galega as principais cidades, pero tamén se detén en vilas como Betanzos, Carballo, O Grove ou Verín, e enclaves como o encoro dos Peares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.