Mércores 24 Abril 2024

Inmunoterapia contra o cancro máis letal: na busca de estratexias innovadoras

Santiago acollerá un congreso científico internacional que busca aplicar a nanotecnoloxía para o tratamento dos tumores cerebrais

Este xoves 27 e venres 28 de abril, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acollerá o primer Workshop de radio e nano-oncoloxía, que ten o obxectivo de abordar a aplicación da tecnoloxía, nanotecnoloxía e materiais para o tratamento de cancro cerebral. Será un encontro internacional que se enmarca no proxecto europeo Nichos inmoduladores activados por radioterapia (RAIN). O coordinador da cita, o investigador Marcos García-Fuentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), explica que se abordarán aspectos sobre inmunodulación, radioterapia e translación clínica e industrial, para así coñecer os últimos avances en terapias de tumores como o gliobastoma, un cancro sen cura.

O proxecto RAIN parte da base de que a radioterapia, empregada no tratamento de primeira liña do glioblastoma, ten un efecto inmunolóxico directo causado pola liberación de antíxenos no microentorno tumoral por parte das células moribundas. “Pretendemos aproveitar o efecto inmunolóxico que ten a radioterapia. Cada vez hai más probas da súa eficacia”, explica García-Fuentes. O cancro ten diversos mecanismos para impedir que as células inmunes lle ataquen, “por iso o efecto inmune que ten a radioterapia é bastante limitado”, comenta o investigador da USC. O equipo de RAIN pretende desensolver unha serie de tecnoloxías que lles permiten potenciar a resposta inmune, de maneira que ao cancro lle sexa moito máis difícil evadir as células inmunes para que estas o combatan.

Publicidade

O investigador explica que a intención destas terapias é inhibir os efectos de supresión á vez que se aportan moléculas que permiten estimular o efecto. “Son moi potentes, pero están baseadas en terapias de ARN, que introduce pequenas pezas que se adxuntan directamente ás proteínas para alterar as súas funcións. En concreto, a terapia ARN de interferencia axúdanos a suprimir a resposta evasiva, e a ARN mensaxeiros, similiar ás que se empregan nas vacinas de COVID, xenera o efecto inmunoestimulador“, indica Marcos García. Da mesma manera, indica que este tipo de moléculas teñen moita dificultade para xerar un efecto, ademais de ser bastante tardío. É por iso polo que pretenden xerar ferramentas nanotecnolóxicas que axuden a levar o ARN dentro das células, e ademais, introducilo nun sistema de implantación que permita depositalo dentro da cavidade intracraneal no momento no que se opera o tumor. Isto tería un efeito moito máis prolongado, indica o investigador.

O equipo RAIN pretende xerar ferramentas nanotecnolóxicas que axuden a levar o ARN dentro das células

Na actualidade, as opcións de tratamento para o glioblastoma son a cirurxía de extracción do tumor; a radioterapia, que emprega a enerxía que provén de raios X e os protóns; e a quimioterapia, que usa medicamentos fortes para destruir as células. Neste último enmárcase un fármaco que ten a habilidade de atravesar a barreira entre o sangue e o cerebro. Chámase Temolozomida, pero é unha terapia con certo nivel de efectos secundarios. A previsión de supervivencia con este fármaco é de alrededor de 15 meses, alega o investigador. En xeral a supervivencia a longo prazo non pasa do 5% nos pacientes. “Non se pode dicir que sexa efectiva, prolonga un pouco a supervivencia pero nada máis. Existen algúns ensaios clínicos con anticorpos de última xeración, pero os resultados non están sendo demasiado concluíntes”, comenta.

Neste senso, a inmunoterapia pode ser unha gran oportunidade para lograr un verdadeiro avance no tratamento do gliobastoma. O gliobastoma é un tipo de cancro pouco inmunoxénico e posúe un entorno inmunosupresor, de forma que a inmunoterapia non é eficaz neste caso. De aí a urxencia de buscar terapias innovadoras para poder tratar os tumores cerebrais máis frecuentes en adultos. O proxecto RAIN defende que a radioterapia ten un efecto inmunolóxico directo causado pola liberación de antíxenos tumorais no microentorno tumoral por parte das células moribundas. O equipo procura descubrir os protocolos de radioterapia con fotóns que xeran respostas inmunitarias e deseñar ao mesmo tempo nanomedicinas para a activación inmunitaria. Neste senso, os investigadores estudan o efecto antitumoral dos prototipos en combinación coa radioterapia, e co “inhibidor do punto de control inmunitario en diferentes niveis de glioblastoma, nun esforzo por impulsar estas nanomedicinas cara unha traslación clínica”, indican dende a USC.

O congreso terá lugar ao longo da mañá do xoves e do venres. Marcos García explica que o evento constituíse aproveitando a reunión que terá lugar en Santiago do proxecto europeo RAIN, que traerá ao país científicos de varios países. Por exemplo, a Alessio Malfanti, da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica); Hsieh-Chih Tsai, da Universidade Nacional de Taiwán da Ciencia e Tecnoloxía; Yolanda Prezado, do Instituto Curie; Long-Sheng Lu, da Universidade Médica de Taipei (Taiwán); Diana M. Hernández Palomino, da Universidade de Padua (Italia). Participan tamén a biofarmacéutica da USC María J. Alonso; Noémi Csaba e Pablo Hervella, do Instituto de Investigación Científicas de Santiago; e Rosana Simon, especialista en nanomedicina da Universidade de Vigo (UVigo). O encontro retransmitirase a través do zoom da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica. “É unha actividade pública de difusión que atraerá a xente do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Pola tarde, os membros do consorcio reunirémonos para analizar o proxecto, ver en que punto estamos e definir que temos que facer nos próximos anos”, apunta Marcos García-Fuentes.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor