Xoves 25 Abril 2024

A imaxe da agonía da lagoa de Baldaio

O atoamento da canle que comunica a marisma co mar provoca que os peixes morran e fai medrar día a día o nivel da auga, provocando inundacións

Á espera do comezo das obras anunciadas pola Xunta de Galicia despois de varios meses de reclamacións por parte do Concello de Carballo, mariscadores e demais afectados pola situación da lagoa de Baldaio, o nivel da auga continúa medrando e acada niveis nunca antes vistos na zona. Ademais dos veciños cuxas propiedades comezan a asolagarse, o atoamento da canle está xerando xa un notable impacto na fauna da lagoa. É o caso dos muxes e as robalizas que adoitan moverse entre a auga da marisma e o mar, e que se atopan sen saída desde hai tempo.

A imaxe sobre estas liñas corresponde á tarde deste martes 25, cun exemplar de muxe xa descomposto que evidencia a mortandade destes peixes no lugar. Tal e como xa amosaran en días previos medios como Que pasa na costa, a turbidez da auga e a perda de salinidade está a afectar ao ecosistema.

Publicidade

Baldaio: último capítulo dunha historia de desfeitas

A lagoa permanece desde finais de 2019 nunha situación delicada debido ao atoamento da canle pola que habitualmente entraba e saía a auga do mar en función das mareas e a rotura dunha duna e o conseguinte arrastre de area cara ao interior da marisma. Desde entón, o nivel da auga foi medrando pouco a pouco debido ás achegas dos regatos que desembocan no lugar e, ao tempo, a perda de achegas de auga salgada alterou a súa composición.

Apertura “urxente” da lagoa

Está previsto que esta semana comecen os traballos de “carácter urxente” para abrir a canle da lagoa, “co obxectivo de evitar futuros asolagamentos nas inmediacións deste espazo natural e que poidan afectar tamén á explotación marisqueira que se fai na zona”, segundo expuxo hai uns días a Consellería de Medio Ambiente a través dun comunicado de prensa.

A decisión tomouse despois dunha reunión na que tomaron parte as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar para “buscar posibles solucións, a curto e tamén a longo prazo”. No marco destas actuacións, visitaron a lagoa de Baldaio nestes días técnicos da Xunta e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago para analizar o estado da lagoa e informar sobre as medidas inmediatas máis axeitadas para paliar a situación.

Despois desta visita acordouse acometer a apertura da lagoa “co fin de que poida desaugar”, debido á “imposibilidade de que este proceso se produza nestes momentos de forma natural”.

Alén disto, as Administracións implicadas tamén traballan na redacción dun plan “que permita conxugar os intereses medioambientais da lagoa cos do sector marisqueiro”, polo que está previsto que un equipo de investigadores da USC se encarguen de elaborar unha estratexia de actuación integral e estable no tempo que garanta a conservación dos valores naturais da lagoa de Baldaio e lle devolva o seu equilibrio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

A UVigo axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

Este proxecto europeo basearase na maricultura para apoiar as necesidades de plantas e sementes para a súa reintrodución

Un equipo da UVigo avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Os investigadores galegos aseguran que a técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie e reduciría a temperatura