O Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) renova por cinco anos o seu recoñecemento, acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III, o segundo proceso de reacreditación que supera o centro, e que o sitúa “na primeira liña da ciencia biomédica en Galicia e España”, destaca o centro nun comunicado.
Desde este ano ata 2025, pensando xa na seguinte reacreditación, o IDIS segue marcándose metas. Segundo o seu director José Castillo, “poñémonos unha serie de obxectivos estratéxicos que pasan, fundamentalmente, por manter o incremento de todos dos nosos indicadores de actividade, estabilizar o talento dos nosos investigadores e do persoal técnico e estar máis preto da sociedade”.
Explica Castillo que a folla de ruta ten varias liñas mestras: “os nosos grupos de influencia e o conxunto da sociedade deben percibir a importancia do traballo de investigación e o noso papel de ligazón coa industria e coa medicina asistencial, ese é o camiño da excelencia”, recoñece Castillo. Ademais, o centro avogará por “facer máis efectiva a integración da área sanitaria de Lugo, con máis infraestruturas e colaboracións con centros de referencia e incrementar espazos para favorecer o desenvolvemento de proxectos, son outros dos retos que tamén se marca o IDIS”.
Balance positivo do exercicio 2019
Este mércores tamén se daban a coñecer os datos máis significativos do exercicio 2019 aprobando a súa Memoria Anual de Actividade. Os indicadores, con incrementos en todas as súas áreas, desvelan un aumento dos fondos captados do 10% respecto ao ano anterior, cun total de 32.208.340 euros. Destacan os 92 proxectos activos (57 nacionais, 15 internacionais e 20 rexionais) e un incremento superior ao 50% (56,3%) de fondos destinados ao desenvolvemento destes programas.
No capítulo de Recursos Humanos, o pasado exercicio permitía a contratación de 65 persoas. Súmanse así aos 1.280 profesionais que conforman o Instituto (209 máis que o ano anterior), integrados en 94 grupos organizados en 6 áreas de investigación: oncoloxía, xenética e bioloxía de sistemas, endocrinoloxía, neurociencias, plataformas e metodoloxía e inflamación. A produción científica viuse notablemente incrementada, con 839 artigos publicados en preto de 500 revistas de prestixio internacional e a defensa de 64 tese ao amparo do IDIS.
A transferencia á sociedade a través da industria tivo tamén un resultado positivo con 44 patentes solicitadas e 7 xa concedidas; e 5 empresas spin- off creadas no seo do Instituto.
Cooperación institucional
Tanto o anuncio da reacreditación como a presentación da memoria fixéronse públicas nun acto presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o reitor da USC, Antonio López. Neste sentido, os presentes apuntaron tamén á reactivación do acordo entre a Consellería de Sanidade e Sergas e a USC para regular o funcionamento do IDIS en réxime de colaboración, reforzando os vínculos entre ambos os organismos
Na reunión do mércores tamén se abriu paso ao acordo que regulará a dependencia funcional do IDIS, a partes iguais, do departamento autonómico e a USC. O vínculo, expón o centro compostelán, “pon de manifesto as sinerxías entre ambas as entidades e a aposta conxunta pola investigación sanitaria e o liderado de institutos como o IDIS que contribúen a crear marca Galicia e a proxectala a gran escala”.