Mércores 17 Abril 2024

Ideas de negocio que saen da Universidade

Ter ben definido o proxecto antes de botalo a andar, tentar especializarse nun ámbito específico e afondar nos teus intereses laborais, naquilo que che apaixona. Estes foron algúns dos consellos que trasladaron ao alumnado do campus emprendedores e emprendedoras que antes foron alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría Forestal. Fixérono no arranque das Xornadas do Emprendemento, unha iniciativa enmarcada no Pont-Up Store 2015 que ten por obxecto “que emprendedores potenciais ou en fase inicial poidan aprender da experiencia de outros, dos seus acertos e erros”, como sinala o seu director, o profesor Pedro Figueroa.

Demostración de Geométrica, empresa dedicada á topografía xurdida en Pontevedra.
Demostración de Geométrica, empresa dedicada á topografía xurdida en Pontevedra.

Un total de 16 mesas de debate, coloquios e relatorios, que se desenvolven en diferentes puntos do campus e da cidade integran o programa destas xornadas abertas a toda a cidadanía, que deron comezo na mañá deste martes coa celebración dun coloquio sobre emprendemento cooperativo no sector creativo, organizado pola federación de cooperativas Sinerxia no Edificio Administrativo da Deputación e polas dúas primeiras entregas de Ti tamén podes emprender!, un ciclo de coloquios que achegan aos estudantes o relato de egresados e egresadas que hoxe se atopan á fronte dunha iniciativa empresarial.
“Para min o fundamental é especializarse, ofrecer algo diferente, e máis hoxe en día”, salienta Roberto Cabeceira, egresado da EE Forestal, na que imparte clases como profesor convidado, e responsable de Geométrica, a empresa de enxeñaría xeomática que nesta xornada presentou ao alumnado nun coloquio que posteriormente completou amosando o funcionamento dun dron, un dos seus instrumentos de traballo, as portas deste centro. Con doce anos de traxectoria no mundo da topografía, Cabeceira puxo en marcha hai preto de oito meses Geométrica, “un proxecto no que comecei a pensar hai preto de dous anos” e especializado na elaboración de “modelos tridimensionais moi precisos”, que poden aplicarse a ámbitos como a topografía de edificios, a exploración forestal ou mesmo a inspección de torres eólicas.

Dende Forestais xurdíu Geométrica unha empresa que fai modelos tridimensionais

“Eu animaría a todo aquel que teña unha idea a que intente explorala, xa que o emprendemento é un campo moi interesante”, engadiu neste coloquio Xián Santos, impulsor xunto co tamén ex-alumno da EE Forestal Edgar Fernández de Resfor, unha empresa dedicada á recollida da resina das árbores para o seu posterior aproveitamento en campos como a cosmética, a elaboración de fármacos ou de pinturas. “En Europa prodúcese só o 10% da resina que se consume, o resto é importada, e pensamos que neste terreo Galicia ten un potencial enorme”, salientaron estes emprendedores, que tamén relataron as trabas ás que tiveron que enfrontarse á hora de intentar “diversificar un pouco máis os aproveitamentos forestais”, como sinala Fernández, nun proxecto que puxeron en marcha hai preto dun ano con dúas comunidades de montes de Caldas de Reis.

Presentación nas xornadas dunha empresa de aproveitamento de resinas.
Presentación nas xornadas dunha empresa de aproveitamento de resinas.

“Pensar moi ben o que queres facer e desenvolver ben o teu plan de empresa, centrarse nesa parte previa que moitas veces pensas que non vale para nada, pero que ao final é moi importante”. Este é o consello que a egresada de CCSS e da Comunicación Paula Salgueiro achegou ao alumnado deste centro no coloquio no que relatou a súa experiencia con Elefantes de Cacharrería, a empresa de organización de eventos e xestión de proxectos que o pasado ano puxo en marcha xunto con Iria Viñas. Neste senso, Salgueiro recoñece que unha das claves é “ver como está o mercado e que podes facer para diferenciarte”, algo que no seu caso pasou por facer da organización de eventos “algo non tan exclusivo, senón que se poida adaptar ao orzamento de todo o mundo”.
“Ser autónomo e ser dono dos teus propios proxectos, permíteche estar nunha busca activa dos teus intereses laborais”, engadiu o egresado Rafa Fidalgo, que xunto a Adrián González relatou nesta facultade a experiencia de Hüte Dich, unha empresa especializada en novos medios “como os videos interactivos, a xeración de audiovisuais en tempo real ou o video mapping”, que presentaron como “unha mestura do sector publicitario e das industrias culturais”. De aí que combinen aqueles traballos que son “o sustento da empresa”, con outros proxectos que “son os que che motivan realmente e que non che dan unha rendibilidade, pero si un plus de diferenciación e de prestixio profesional”. Por iso Figalgo incidiu “en que cando tes a convicción de que queres dedicarte a algo que realmente che guste, tes que aventurarte e experimentalo ti mesmo”, xa que, ao seu xuízo, á hora de emprender “o primeiro é buscar unha satisfacción persoal”.

Publicidade

As empresas xorden de Educación, Belas Artes, Forestais, Comunicación e Fisioterapia

Por outra banda, este coloquio contou tamén co relato dun egresado que se atopa precisamente no proceso de posta en marcha dunha iniciativa empresarial propia tras rematar os seus estudos de Comunicación Audiovisual. A elaboración de videoclips ou de vídeos corporativos para empresas ou institucións son algúns dos campos nos que Alfonso Merino pretende orientar a súa experiencia como emprendedor.
Ciencias da Educación e do Deporte o mércores e Belas Artes e Fisioterapia o xoves darán continuidade a esta proposta inserida nunhas xornadas que forman parte do programa do Pont-Up Store, o encontro no que 44 novas empresas presentarán os seus proxectos na carpa que se instalará venres e sábado na Praza de España. “Xunto con estes coloquios, máis orientados a estudantes, haberá tamén outras actividades cun carácter máis transversal ou máis específico”, salienta Figueroa dun programa que combina as actividades organizadas polas facultades, coas promovidas nos seus propios espazos por colectivos como a Cámara de Comercio ou AJE-Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Como xestionar a enerxía eléctrica en vehículos lunares non tripulados? Así o estuda a UVigo

O proxecto busca garantir as demandas eléctricas dos 'rovers' no polo sur lunar, un lugar de interese científico pola posibilidade de que exista auga conxelada