Venres 19 Abril 2024

Hábitos e rutinas: unha guía paso a paso para a volta das vacacións

A investigadora da UVigo Martina Ares fala sobre a recuperación dos horarios de sono e a concentración en rapaces e persoas adultas

Coa inminente chegada de setembro moitas persoas, pequenas e adultas, comezan a sentir a presión pola volta das rutinas escolares e de traballo, botando de menos as vacacións que están a piques de rematar. Para axudar a facer unha mellor transición e lograr unha mellor incorporación ao día a día, Martina Ares Ferreirós, profesora e investigadora na área de Psicoloxía Evolutiva e Educación da Universidade de Vigo (UVigo) ofrece algúns consellos.

Evitar a frustración

Os seres humanos precisan hábitos, que adoitan desaparecer durante as vacacións, polo que á hora de volver ao traballo ou á escola cómpre recuperalos, un proceso que non é rápido nin sinxelo. “Aínda que a moitos non lles guste a rutina, o noso cerebro necesita enfrontarse a cousas novas, pero para poder facer iso require ter automatizados outros procesos. É a súa forma de aforrar enerxía e recursos“, explica Ares.

Publicidade

O exemplo máis claro: a condución. Un piloto novel precisa de toda a súa atención para estar na estrada, puidendo distraerse con facilidade, mentres que co tempo e a experiencia o seu cerebro comezará a automatizar algunhas accións e poderá estar mantendo unha conversa ou pensando no seguinte que vai facer.

Romper as rutinas pode provocar ansiedade e activar mecanismos de defensa no organismo

Cando non existen os hábitos, o cerebro comeza a fixarse na tarefa que estás facendo: “Se estás acostumado a erguerte ás sete da mañá e no verán comezaches a facelo ás dez, cando teñas que volver á rutina poden aparecer a ansiedade e os pensamentos sobre o mal ou o pouco que vas durmir ou inclusive sobre se vai soar ou non a alarma. Ao romper a rutina, actívase o sistema de defensa, porque o noso organismo non sabe o que pode pasar“, manifesta a investigadora.

Por isto, ter claros os conceptos e ir recuperando os hábitos antigos pouco a pouco pode axudar a evitar a frustración e a ansiedade que provoca pasar dun extremo ao outro. Con todo, Ares tamén sinala que isto non é igual para todas as persoas: “Por exemplo, aquelas con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) non son quen de adquirir rutinas, pero aínda así precisan de alguén que estea ao seu carón para podelas establecer e ter algo de orde”.

Recuperar horarios de sono

O horario de sono é un dos primeiros hábitos que se perden coa chegada do verán, mais tamén un dos máis importantes á hora de pensar en recuperalos. De feito, Ares afirma que o ideal sería non romper nunca con este, pero tamén recoñece que é algo imposible de levar a cabo: “Se unha persoa ten fillos, o normal é deitalos entre as oito e as nove, pero no verán ata as once da noite aínda é de día. Non tería sentido mantelo”.

Con todo, a investigadora tamén é partidaria de comezar a recuperar o horario algunhas semanas antes de volver á rutina, adiantando cada día un pouco máis a hora de durmir e, polo tanto, a de espertar. Outro recurso para poder recuperar este hábito é o de erguerse cun obxectivo: “Non é cuestión de que os rapaces se levanten para estar dúas horas almorzando e logo ir ver a tele, senón de levantalos para ir facer un recado, ir ao parque ou quedar coas amizades”, explica Ares, algo que tamén é aplicable no caso das persoas adultas.

Isto pode supoñer unha dificultade para aqueles pais e nais que deben acudir ao seu posto de traballo e non teñen tempo polas mañás aínda que os seus fillos estean de vacacións. Neste sentido, Ares pon en valor os campamentos, tanto urbanos como os que tamén inclúen aloxamento: “Axudan a que os rapaces fagan actividades de lecer e cousas máis creativas. Non teñen exactamente os mesmos horarios que no colexio, pero si teñen un motivo polo cal levantarse”.

Crear rutinas flexibles

A pesar de que o cerebro humano precisa de rutinas, estas deben ser flexibles para poder adaptarse á vida diaria e tamén para estimular o cerebro. Así, mentres se manteñen uns horarios de traballo, estudo e inclusive exercicio, hai outros aspectos que poden, e deben, ir mudando. “Por exemplo, se sempre imos traballar polo mesmo camiño, convén mudalo de vez en cando porque fai que o cerebro se manteña activo, pero son modificacións das rutinas en pequenas doses. O mesmo ocorre coas actividades de ocio e tempo libre, onde está moi ben facer cousas novas“, explica a investigadora.

As quendas laborais rotativas dificultan manter horarios óptimos para a concentración

No caso do sono ou das tarefas que requiran un esforzo cognitivo ou físico, segundo as palabras de Ares, as rutinas fixas son as que mellor funcionan: “As horas de levantarse deben estar moi reguladas porque se alteramos iso non durmimos ben e o cerebro acaba véndose afectado. Para que o cerebro se concentre é importante que fagamos os esforzos de estudo ou traballo á mesma hora, igual que respectar os descansos, e o mesmo ocorre co tema de ir ao ximnasio. No caso das persoas que traballan unha semana de mañá e outra de tarde, especialmente cando é unha profesión máis cognitiva, é difícil porque o cerebro tarda máis en chegar ao punto óptimo de concentración”.

Aceptar que vai ser complicado

Se ben as estratexias de adaptación como a creación de rutinas ou a recuperación dos hábitos de sono son necesarias, tamén é imprescindible aceptar que a volta á escola ou ao traballo vai ser complicada. En primeiro lugar, “a todos nos afecta o cambio de rutina, pero os rapaces e sobre todo aquelas con necesidades educativas especiais, que é nas que me centro eu, teñen menos estratexias que as persoas adultas porque aínda as están adquirindo”, explica Ares.

Aínda así, tal e como sinala a investigadora, as persoas adultas tampouco se quedan atrás, especialmente pola cuestión horaria: “Normalmente os rapaces teñen unha hora de entrada e outra de saída, sabes que van ir de mañá e igual algúns pola tarde, pero sempre é o mesmo patrón. No mundo laboral depende do tipo de xornada, porque non é o mesmo para as persoas que traballan de noite que as que non nin é igual para as que teñen sempre o mesmo horario que para as que teñen quendas rotativas. E ocorre o mesmo se é un traballo máis físico ou máis cognitivo. Depende moito”.

Outro punto en contra para os adultos e que é imprescindible ter en conta para aceptar as dificultades que pode supoñer a volta ao traballo é a autonomía. No caso dos rapaces, dependen dos seus titores e dos hábitos que estes decidan marcarlles, mentres que os adultos “son responsables de si mesmos e en moitos casos dos seus fillos”, sinala Ares.

Cando non hai tempo de desconexión

Alén dos consellos para volver á rutina e facilitar á incorporación ao traballo ou á escola, Ares tamén subliña a importancia dos tempos de desconexión que, en non poucas ocasións, parecen ser escasos aínda no tempo de vacacións.

En primeiro lugar, no caso dos adultos, as vacacións non son tan longas comparadas coas dos rapaces, o que dificulta esquecerse das actividades do día a día. Este é un punto a favor no sentido de que non se chegan a romper totalmente os hábitos incorporados, pero “ao teu cerebro non lle dá tempo a desconectar. A recomendación cando son tempos curtos, por exemplo unha quincena, é facer unha desconexión total na primeira semana, ben sexa cunha viaxe ou con algo da túa contorna que che permita esquecerte do traballo. Cando vai chegando o día de volver o ideal é ir pouco a pouco retomando a rutina de sono”, manifesta a investigadora.

“Os cadernos de verán perpetúan a presión sobre os rapaces, que xa teñen durante o curso escolar”

MARTINA ARES, profesora e investigadora

No caso dos rapaces, esta dificultade para desconectar non é tanto polo tempo das vacacións, senón polas actividades impostas, habitualmente en formas de cadernos que Ares prefire non recomendar: “Non me gustan nada, quizais porque eu de nena facía un montón, pero tamén porque vexo que se crea unha rutina de estar toda a mañá facendo actividades neles presionados polos pais e ao final o único que se consegue é perpetuar esa presión que xa teñen durante o curso escolar, que non é pouca. Evidentemente algo teñen que facer, pero eu prefiro que se os pais poden estar cos rapaces fagan xogos educativos ou actividades de campo. Ir ao parque, por exemplo, mellora as capacidades motoras, que á súa vez axuda a mellorar os procesos cognitivos. Considero que son mellores estas cousas para o desenvolvemento dos rapaces e que ademais poden mellorar as relacións familiares e a comunicación“.

Cando non hai rutinas

No extremo contrario a non poder desconectar está a situación da falta de rutinas, ben sexa por estar desempregado ou ben porque precisamente as vacacións deixan ás persoas sen nada que facer. No primeiro caso, pode resultar especialmente complicado manter unha actitude proactiva e motivada, tal e como explica Ares: “É certo que os pais e nais desempregados téñeno máis fácil porque poden adaptarse ás rutinas dos rapaces e ademais venlles ben. No caso dos adultos que non teñen traballo e que ademais non teñen persoas preto que manteñan uns horarios, isto depende en gran medida da súa personalidade. Hai algunhas que se levantarán pola mañá para ir ao ximnasio ou para levar a cabo unha planificación para buscar traballo ou conseguir determinado obxectivo, pero outras caerán en dinámicas de non ter horarios para levantarse nin para deitarse”.

Para a investigadora, esta situación pode ser a causa dunha sensación de tristura constante, puidendo chegar inclusive á depresión, e dificultar o proceso de acceder a un emprego, polo que anima a colaborar con iniciativas sociais ou comunidades de veciños, algo que pode axudar a crear un hábito e manter a sensación de proactividade e motivación.

Por outra banda, é habitual que as crianzas que están de vacacións cheguen a momentos de aburrimento, algo que as persoas adultas adoitan evitarlles, pero que Ares considera fundamental para o seu desenvolvemento: “É algo que debemos aprender de nenos. Se como adultos non somos capaces de aburrirnos, imos tarde. Ter a capacidade de pensar e de imaxinar que podemos facer é importantísimo e vai xerar adultos máis eficaces e proactivos. É algo que intentamos subliñar moito ultimamente porque é habitual que os adultos intenten solucionar o aburrimento cando as crianzas se queixan. O que hai que facer é deixar que se aburran e que pensen que lles apetece facer, dentro das cousas que teñen ao seu alcance e que sexa factible”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres consellos para que a volta á rutina laboral non sexa tan dura

A aterraxe no traballo tras unhas longas vacacións adoita ser accidentada e desmotivadora, pero hai varias estratexias para suavizala

Como aproveitar as vacacións? A ciencia dáche a clave para liberarte do estrés

Os días de descanso poden resultar beneficiosos incluso antes de desfrutalos, dado que a espera pode ser máis gratificante que a propia recompensa

O mito da ‘depresión postvacacional’: cando a tristeza agocha un caso de abuso laboral

A psiquiatra Iria Veiga incide en que se as reaccións emocionais son graves e continuadas no tempo hai que actuar

Por que o teu gato sempre te esperta de madrugada?

A fame, a falta dunha rutina ou a necesidade de queimar enerxía son os motivos máis comúns polos que o felino non te deixa descansar