Venres 29 Marzo 2024

Guardesiña, unha nova vida salvada pola Cemma

O pasado 14 de xaneiro apareceu no porto da Guarda unha femia de lobo mariño moi esgotada, con síntomas de desnutrición e deshidratación e problemas respiratorios. Como tantas outras veces antes, tras recibir o aviso, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), acudiu a recollela para trasladala ao seu centro veterinario de Nigrán. Como é costume, foi bautizada co nome do lugar onde apareceu. Así que lle quedou o nome de Guardesiña. Medía 85 centímetros e pesaba 14 quilos.

A situación nas primeiras horas era bastante complicada. Os veterinarios que a atenderon cualificaron o seu estado de “moi reservado“. Foi diagnosticada dunha afección pulmonar grave e desnutrición. Por fortuna, grazas aos coidados do equipo que a atendeu, a evolución foi positiva.

Publicidade

A Xunta e a Cemma manteñen un convenio para o rescate de mamíferos e réptiles mariños

Este venres, Guardesiña foi visitada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, no marco do convenio de colaboración entre a Cemma e a Consellería de Medio Ambiente. Segundo expuxeron os veterinarios, a situación de saúde segue sendo delicada, pero xa está fora de perigo e está comezando a recuperar a capacidade de alimentarse por si mesma. Segundo sinalan desde a Cemma, é un factor determinante para devolvela ao medio mariño. Unha vez se repoña, será liberada en alta mar con axuda dun barco pesqueiro, como adoita facerse nestes casos.

Guardesiña foi o único lobo mariño rescatado pola Cemma que sobreviviu no que vai de 2018. O primeiro exemplar foi rexistrado en Malpica, pero volveu ao mar pola súa conta tras chegar á praia. Outros dous animais que vararon en Valdoviño e O Vicedo non puideron sobrevivir.

Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, cada ano varan nas costas galegas unha media de 280 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, como Guardesiña. A través do acordo coa Cemma é posible recoller a estes animais, trasladalos ao centro de recuperación e devolvelos ao medio mariño cando estean repostos.

A tartaruga ‘Antares’

No mes de decembro, unha embarcación que faenaba preto do Vicedo atopou unha tartaruga común a 20 metros de profundidada, enredada nun aparello de pesca. Tras ser recollida con vida, trasladouse a Nigrán, sendo a tartaruga máis grande que entrou nunca no centro. Déronlle o nome de Antares.

Despois dos primeiros coidados e probas, comprobouse que só tiña feridas leves debidas ao seu rescate. Dadas as súas características e medidas (71 centímetros e 24 quilos), o equipo da Cemma decidiu trasladala ao Oceanogràfic de Valencia, onde se recuperou ata que a devolveron ao mar, o pasado 18 de xaneiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

Así é como unha cría de polbo trata de camuflarse nas profundidades das Cíes

O biólogo mariño Jorge Urcera captura a imaxe dun individuo que levanta dous dos seus tentáculos para facerse pasar por unha alga

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela