Despois de meses de traballo, a comisión de expertos para o estudo da reforma da hora oficial (entre os que estaba o catedrático da USC Jorge Mira) entregou ao Goberno español as súas conclusións, segundo anunciou este venres a voceira Isabel Celáa no Consello de Ministros. E os resultados da deliberación ofrecen dúas liñas principais: por unha banda, aconséllase manter o fuso horario actual en España, correspondente á hora central europea; e por outra, mantense provisionalmente o cambio de hora estacional en marzo e outono, polo menos ata o 2021, debido a que a opinión dos expertos “non é unánime nin concluínte”, segundo a información facilitada polo Executivo.
Sobre o fuso horario
En primeiro lugar, o Goberno explica que os expertos non contemplan cambiar o fuso (hai voces que avogan por adoptar o de Portugal, Reino Unido e Canarias, sobre todo polas circunstancias de Galicia); conclúen que “tras manter o actual durante 80 anos, a poboación española desenvolviu unha adecuación a ese horario e non hai suficientes razóns para modificalo”. Así, a proposta da Comisión recomenda “non producir ningún cambio precipitado nos fusos horarios mentres non exista un consenso compartido e unha difusión práctica á nosa cidadanía dos riscos e oportunidades que comporta”.
Sobre o cambio de hora
A este respecto, a situación tamén continuará como ata agora, polo menos ata 2021, debido ás diverxencias no seo da comisión. Unha parte preferiría manter o cambio de hora tal e como se vén realizando ata a data. Mais outra parte da comisión propoñía adoptar un horario fixo de inverno atendendo, principalmente, a criterios de saúde e uso de horas de sol; e tamén hai expertos favorables a manter fixo o horario de verán, tendo en conta un previsible impacto negativo no sector turístico, que representa ao redor dun 12% do PIB do Estado.
Rui Jorge Agostinho: “Ficar no horario de verán sería a peor decisión posible”
Así, dado que as institucións europeas ampliaron o prazo da Proposta de Directiva para suprimir os cambios de hora estacionais na UE ata o 1 de abril de 2021 e existindo discrepancias expostas polos países veciños, como Portugal, nesta materia, o Comité afirma que “o prudente por parte do Goberno sería manter o cambio estacional tal e como se veu realizando nos últimos 45 anos, ata 2021, e ir nutríndonos ao longo destes dous anos de argumentación suficientemente consolidada e compartida que nos faga optar por unha das vías”.
Segundo lembrou o Goberno, o traballo da Comisión avaliou os custos das modificacións horarias, particularmente os que inciden na eficiencia enerxética e na repercusión económica das distintas actividades produtivas, así como os beneficios, especialmente os posibles impactos positivos sobre a saúde das persoas.