Xoves 25 Abril 2024

Firepoctep: un territorio máis resiliente fronte ao lume

Un proxecto europeo establece pontes entre científicos da raia para mellorar a prevención de incendios forestais e limitar os danos do cambio climático

Desde hai algo máis de dous anos, enxeñeiros forestais, industriais, de aeronáutica, investigadores, profesionais das Ciencias da Educación e outros expertos traballan en conxunto para fortalecer os sistemas de prevención e extinción de incendios forestais en España e Portugal, en concreto na zona da raia, a fronteira entre os dous países.

Este é o principal obxectivo do proxecto europeo Firepoctec no que participan 21 entidades, organismos e institucións baixo o liderado da Junta de Andalucía. Sobre o terreo, o traballo lévase a cabo en diferentes áreas piloto e O Baixo Miño, en Galicia, xunto co Alto Minho portugués, conforman a chamada zona 4.

Publicidade

Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo), entidade que participa no proxecto, e coordinador das actividades de todos os socios nesta área piloto, subliña algunhas características comúns do territorio no que traballan. “Non é só a mesma paisaxe, a mesma climatoloxía, a mesma densidade de poboación e a súa distribución. É como mirar ao outro lado do espello. Só atopamos diferenzas en como lexislamos, en como administramos. Hai outros puntos que temos en común como a cultura do uso do fogo ou o problema do abandono agrario. Por todo isto, é lóxico que poidamos probar as metodoloxías que desenvolvemos para ser aplicadas aos dous lados da fronteira”, explica Picos.

Preparación dun fogo prescrito na zona protexida de Corno do Bico en Portugal.

Zonas estratéxicas que cortan o camiño aos incendios

O enxeñeiro forestal do Campus de Pontevedra e o seu equipo traballaron nos últimos dous anos na definición de metodoloxías que permitan establecer zonas estratéxicas de xestión. É dicir, zonas coas que minimizar o risco e o impacto dos grandes incendios forestais. Reproducir dixitalmente os bosques coa tecnoloxía LiDAR ou simular incendios para coñecer o comportamento do territorio, foron algunhas das liñas principais de investigación.

“Non podemos xestionar todo o territorio porque non hai nin diñeiro nin recursos suficientes. O que queremos é intentar ver onde son máis eficaces as actuacións e para iso temos que ser capaces de seleccionar esas zonas e poder darlles esa información aos responsables da política sectorial respecto aos incendios e poder así ser máis eficientes á hora de empregar recursos públicos na prevención”, afirma Juan Picos.

Mellorar a protección dos que traballan sobre o terreo

Capacitar e equipar os grupos transfronteirizos de extinción de incendios para mellorar a súa acción e garantirlles unha maior protección, é outro dos obxectivos do proxecto europeo.

Pedro Orgeira e o seu equipo da Escola de Aeronáutica no Club de Aeromodelismo de Ourense.

Para o grupo co que traballa na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo o investigador Pedro Orgeira en Ourense, a prioridade era responder a unha necesidade expresada por aqueles que se encontran sobre o terreo. “Dixéronnos que pola noite os medios áreos non poden operar e quedan a cegas. A única maneira de controlar o lume é desprazándose persoalmente polo monte, nunha zona descoñecida, cunha lanterna, ata o perímetro do incendio. E aí naceu a idea por parte do servizo da Axencia Galega de Emerxencias: dotar os grupos de extinción dun medio aéreo que poida traballar pola noite. Os drons parecéronnos perfectos e nós dotámolos dunha intelixencia que permita ver e inspeccionar o que está pasando debaixo deles”, relata Orgeira, quen engade: “É, dalgunha maneira, como iluminar a noite para que o piloto do dron poida ver perfectamente o que está pasando no incendio”.

Cámaras térmicas que vixían o monte

Na Escola de Enxeñaría Industrial en Vigo, os investigadores do grupo CIMA (Centro de Enxeñaría Mecánica e de Automoción) coordinados por Ángel Fernández Vilán, avanzaron, pola súa banda, co Firepoctep, noutra ferramenta que pode ser esencial na prevención de incendios e axuda á extinción.

Unha vez demostrado o uso de cámaras térmicas para a detección temperá de incendios nun proxecto europeo anterior bautizado FireRS, o equipo traballou no deseño dun programa que permita optimizar a súa instalación no terreo.

“Para nós, Firepoctec significa unha continuación do proxecto FireRS. Pola nosa parte había unha pregunta que é: Cantas cámaras podemos instalar e onde as imos poñer? Fixemos o plan piloto cunha soa e agora queriamos saber onde imos poñer esas cámaras e o número delas para vixiar de xeito óptimo unha zona”, explícanos Ángel Fernández, coordinador para este proxecto das actividades do grupo CIMA que tamén traballa agora para facilitar o uso das cámaras aos que loitan contra o lume en primeira persoa.

Educar, guiar e sensibilizar á poboación rural

O proxecto europeo tamén establece, nesta ocasión, un diálogo coas Ciencias da Educación na UVigo baixo a coordinación de María Isabel Doval, profesora titular e investigadora. O obxectivo desta alianza é responder a un terceiro reto do Firepoctep: educar á poboación rural sobre os riscos dos grandes incendios forestais e guiala nas boas prácticas de prevención e autoprotección.

E para iso, Doval e o seu equipo organizaron en decembro no Concello da Guarda dúas xornadas de sensibilización sobre os grandes incendios ás que asistiron bombeiros, nenos, profesores, familias e curiosos. Unhas xornadas nas que todos os participantes deixaron por escrito a súa opinión, a súa queixa ou as súas experiencias cos incendios forestais e que servirán de modelo para que outros territorios da Área Piloto 4 poidan levalas a cabo.

“O meu rol neste proxecto é poñerme ao servizo das outros equipos de investigación, das enxeñerías, para recoller os seus produtos científicos e innovadores e traducilos a un idioma que os centros educativos, as familias, o profesorado e os estudantes entendan para que os compartan, os valoren, os aprecien e contribúan na súa posta en valor e o seu emprego”, remata Doval.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións