Filtros de luz azul: nin coidan a vista nin axudan a descansar

    Ao contrario do que sosteñen moitas compañías de teléfonos móbiles, a evidencia sobre os beneficios da luz azul fronte a outras é inexistente

    Moitos fabricantes recomendan o uso de filtros de luz azul para evitar danos na vista derivados da excesiva exposición ás pantallas. Foto: Pixabay.
    Moitos fabricantes recomendan o uso de filtros de luz azul para evitar danos na vista derivados da excesiva exposición ás pantallas. Foto: Pixabay.

    * Un artigo de 

    Somos constantemente bombardeados con mensaxes que alertan de que estamos a facer un uso excesivo das pantallas que afecta directamente á nosa visión. Son moitos os anuncios publicitarios que nos instan a usar filtros para bloquear a luz azul destas pantallas antes de que sexa demasiado tarde. “Mellorará o seu descanso”, “Diminuirá o cansazo visual provocado polos dispositivos electrónicos”, “Pode previr enfermidades oculares”, son algunhas das súas promesas.

    Publicidade

    Ata que punto é certo? Canto dano fan realmente as pantallas dixitais? E sobre todo, é verdade que estamos a danar nosa vista e o noso descanso coa luz azul que emiten?

    Entender a luz azul

    A iluminación artificial foi unha bendición para o ser humano, porque nos permitiu estender a duración dos días e realizar moitas máis actividades con ela. Ultimamente, gran parte dese “tempo extra” dedicámolo a mirar pantallas de dispositivos electrónicos, que se sabe que teñen un compoñente de luz azul importante, máis fría ca das clásicas lámpadas de tungsteno ou os fluorescentes.

    Concretando, coñécese como luz azul ao rango do espectro de luz visible que ten unha lonxitude de onda entre 400-495 nanómetros. É un tipo de luz de alta enerxía como o son o violeta e o índigo. Este tipo de luz prodúcese de forma natural polo sol, que tamén contén, de forma proporcional, outras formas de luz visible e invisible para o ollo humano, como as radiacións ultravioleta e infravermellas.

    Ten algunha implicación fisiolóxica que a luz que usemos de forma máis frecuente de día e de noite sexa de cor azul? Para responder, hai que ter en conta que a luz do sol é un dos diversos factores que axuda a regular o noso reloxo biolóxico central, o ciclo circadiano. Cando a luz chega á nosa retina interacciona cos fotorreceptores, que son os que nos permiten ver, pero tamén con outras células fotosensibles da nosa retina. Referímonos a un grupo de células ganglionares que conteñen melanopsina, que permiten regular este ciclo circadiano.

    O sinal da luz azul impide que segreguen melatonina, a hormona do sono (aínda que non se descarta que toda a luz que chega á retina inflúa neste proceso). En contraposición, cando non chega luz azul á retina, o noso organismo secreta melatonina, facilitando a somnolencia. De aí pode deducirse que se durante ese período no que nos preparamos para descansar nos expoñemos á luz azul, estaremos a bloquear esa secreción de melatonina e producindo unha desregulación do ciclo.

    Con todo, a maioría dos traballos realizados en humanos neste campo non foron representativos da forma en que a persoa media está exposta á luz azul. É dicir, a maioría das condicións experimentais non se corresponden co día a día dunha persoa media. E mesmo nestes experimentos producíronse cambios mínimos na calidade do sono (diferenzas de 10 minutos á hora de quedar durmido). Ademais, en xeral son estudos cun baixo número de participantes, na maioría dos casos menos de 20 e case sempre homes novos.

    En calquera caso son os filtros a solución ao problema? Investigacións recentes indican que bloquear a luz azul con filtros non garante unha mellor calidade do sono. Hai que recoñecer que resulta sinxelo buscar un culpable, a luz azul, poñerlle un remedio, un filtro e convencernos de que estamos a facer o mellor para o noso descanso mentres seguimos utilizando os nosos dispositivos electrónicos. Pero o que temos que facer é apagalos e durmir.

    Á fin e ao cabo, o que nos impide conciliar o sono non é tanto o exceso de luz azul (que segundo todos os organismos acreditados non é o suficientemente potente para causar unha alteración importante do noso ciclo circadiano) como o que estamos a facer co dispositivo electrónico.

    Anuncios enganosos

    Pero aínda hai máis. Se nos fixamos nas indicacións de para que son necesarios estes filtros, resulta que moitos fabricantes afirman que son precisos todo o que facemos no noso día a día. Mesmo hai filtros que alertan de que a luz azul dana a nosa retina e contribúe ao desenvolvemento da dexeneración macular asociada á idade, polo que deberiamos evitala do todo e todo o tempo. Pero a realidade é que non hai evidencias científicas que demostren esa afirmación. Todo o contrario, os estudos indican que bloquear a luz azul non impide nin atrasa o desenvolvemento destas patoloxías).

    Tanta é a desinformación que recibimos que a Sociedade Española de Oftalmoloxía manifestouse varias veces contra estes anuncios enganosos, publicando na súa páxina web diversos comunicados para informar de que a luz azul non dana as nosas retinas).

    Convén, igualmente, ter en conta que a maioría dos traballos que relacionan a luz azul con danos na retina (ou mesmo as neuronas do cerebro) realizáronse ben en células en cultivo ou ben usando animais de experimentación como as moscas da froita. Estas condicións e modelos experimentais non se asemellan ás características e protección dos ollos humanos.

    Ademais, a intensidade lumínica ou o tempo de exposición utilizados neles son moi diferentes e superiores aos que teñen os nosos dispositivos electrónicos. Por tanto, hai que ter coidado coa extrapolación deste tipo de resultados á fisioloxía humana. E, sobre todo, evitar os titulares sensacionalistas.

    Os filtros poden chegar a ser contraproducentes

    A pesar de todo o que contamos, moitas empresas seguen alertando da exposición á luz azul das nosas pantallas sen fundamento, aproveitándose do medo infundado para tratar de vender dispositivos e filtros. O cal non só é innecesario senón contraproducente, xa que durante o día necesitamos percibir a luz azul para regular o noso ciclo circadiano. Tanto que para tratar de paliar a desregulación deste ciclo por falta de luz diúrna, cal é o mellor tratamento? Exacto: exposición á luz.

    Usando filtros, a información que recibe o cerebro é confusa. Por unha banda, os estímulos externos dinlle ao noso reloxo biolóxico que aínda hai que estar espertos. Pero ao eliminar por completo a información da luz azul, o ciclo da melatonina actívase coma se estivésemos durmidos. E iso si pode trastornar o noso ritmo circadiano. Ademais, eliminar a información da luz azul sen necesitalo empobrece a nosa visión.

    Conclusión: se alguén anda preocupado pola calidade do seu sono, o mellor que pode facer é deixar a un lado o móbil, a tableta ou o computador un tempo antes de durmir. A luz azul non ten a culpa do noso insomnio.


    * Conchi Lillo é profesora titular da Facultade de Bioloxía e investigadora de patoloxías visuais na Universidade de Salamanca.

    Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.