Venres 29 Marzo 2024

Festa astronómica no ceo de xullo: isto é o que poderás ver

Mercurio no amencer, conxuncións de Venus, Marte, Saturno ou Xúpiter, chuvias de estrelas e moito máis durante as vindeiras semanas

As mellores condicións atmosféricas para a observación do ceo animan a moita xente a desfrutar mirando cara a arriba nas noites de verán. A menor nubosidade, unha temperatura máis agradable e os períodos vacacionais permiten que poidamos pasar máis tempo ao aire libre, afastarnos da contaminación luminosa das cidades e contemplar as estrelas, astros e meteoros que nos alumean cunha luz que se emitiu, nalgúns casos, tempo antes de que chegaramos ao mundo.

Así, moita xente marca no calendario acontecementos como as Perseidas, ou bágoas de San Lourenzo, que reúnen a moitos afeccionados a espreitar estrelas fugaces. Aínda que saiamos na segunda semana de agosto a buscar esta choiva de estrelas, xullo ofrecerá igualmente numerosos atractivos que che amosamos aquí:

Publicidade

Mercurio ao amencer

O planeta máis cercano ao Sol adoita estar moi preto del no ceo, polo que resulta case sempre difícil de albiscar. Porén, nesta primeira quincena de xullo, se estamos dispostos a madrugar, poderemos gozar da súa presenza a simple vista xusto antes do amencer. Mirando cara ao leste-nordeste poderemos atopalo. Ademais, nestes días, estará acompañado no noso campo de visión, na constelación de Tauro, pola Lúa, en cuarto menguante, apenas un fío antes de chegar á fase nova o día 10. Se temos uns prismáticos ou telescopio, o espectáculo será aínda máis cativador. Explícannolo desde o Real Observatorio de Madrid.

Conxunción da Lúa con Venus e Marte

O vindeiro luns 12, nun breve lapso de tempo despois do ocaso, poderemos deleitarnos con outro acontecemento astronómico pouco habitual. As órbitas de cada planeta vanse desprazando polo ceo que vemos desde a Terra, e este baile producirá un encontro entre Venus e Marte, os máis inmediatos compañeiros terráqueos. Venus brillará con moita máis forza, pero Marte verase bastante máis pequeno. E xunto a eles, a Lúa que comeza o seu cuarto crecente. Haberá que mirar cara ao oeste moi preto de onde se pon o Sol. E ten en conta (como se pode ver nesta captura de Stellarium) que non haxa ningún obstáculo visual: a conxunción estará bastante baixa no horizonte. Unha boa opción, xa que a nosa mirada orientarase cara ao oeste, é achegarse á beiramar orientada a este punto cardinal para gozar do espectáculo sobre as ondas.

Fonte: Stellarium.
Fonte: Stellarium.

A Lúa chea con Xúpiter e Saturno

Durante os meses de xullo e agosto poderemos ver claramente os dous maiores planetas do sistema solar no ceo. Hai que dirixir a nosa mirada ao leste e, segundo pasen as noites, ir movéndonos cara ao sur. Moi preto, se temos sorte de achegarnos a ceos suficientemente limpos, poderemos contemplar a marabilla da Vía Láctea.

A Xúpiter e Saturno vaise unir unha compañeira na fin de semana do 25 de xullo desde uns minutos antes da medianoite. A Lúa chea conformará unha conxunción moi fermosa (xa que a percepción óptica fará que a vexamos máis grande do que parece), a medio camiño entre as constelacións do Augadeiro e Capricornio. Igualmente, aínda que a postal é cativadora a simple vista, uns prismáticos axudarannos a gozar da mesma. E cun bo telescopio ata poderemos ver os aneis de Saturno.

Conxunción da Lúa, Xúpiter e Saturno na medianoite do 25 de xullo. Fonte: Stellarium.
Conxunción da Lúa, Xúpiter e Saturno na medianoite do 25 de xullo. Fonte: Stellarium.

Delta Acuáridas (non é o mellor ano)

O mes de xullo finalizará con outro acontecemento astronómico no ceo, aínda que 2021 non vai ser o mellor ano. Falamos das Delta Acuáridas, un episodio que acontece entre o 12 de xullo e o 23 de agosto, co máximo a finais do sétimo mes.

Esta choiva de estrelas vese mellor desde o hemisferio sur, xa que nesta época do ano o radiante está máis alto no ceo austral. Ademais, ao producirse moi pouco despois da Lúa chea, o brillo do satélite dificultará a súa visión. Porén, na metade norte do planeta tamén hai opcións de velas. Con todo, se queremos intentalo, debemos situarnos baixo un ceo limpo e dirixirnos cara á constelación do Augadeiro, o radiante destes meteoros, aínda que poden observarse en calquera parte do ceo.

Si haberá máis sorte este ano coa choiva que tomará o testemuño das Delta Acuáridas. As Perseidas, co máximo arredor do 12 de agosto, terán a súa maior intensidade días despois da Lúa nova, polo que o ceo estará máis escuro e, en contraste, os meteoros chamarán máis a atención.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo demostra a viabilidade de ir a Marte con propulsión solar

Investigadores do campus de Ourense presentan o deseño preliminar dun satélite e proban a superiorade deste novo sistema

Unha paisaxe invernal en Marte? Esta imaxe demostra que non todo é o que parece

A misión espacial Mars Express ofrece unha espectacular fotografía do cráter Korolev para conmemorar os quince anos en órbita no planeta vermello

A Lúa non ten ceo

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de “E se estivésemos equivocados? E se a Terra...

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito