Para moitos, as cidades son o último lugar onde procurar comportamentos espectaculares da fauna salvaxe. Para outros, son un hábitat onde, sabendo axexar e sendo paciente, se pode observar escenas de grande valor biolóxico.
En Ecoloxía Azul diriximos e producimos unha curta documentar que agora presentamos. Nel amósase o comportamento íntimo dunha parella de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) criando a súa prole nos tellados dunha cidade de Galicia, Pontevedra.
Mediante cámaras subxectivas en diferentes ángulos desvelamos o ritual reproductivo da parella, a eclosión dos ovos, a alimentación e o medre das crías ata o seu primeiro voo. Todo isto nun ambiente completamente urbano, porén alonxado das olladas humanas. A seguir deixámosvos a curta “Nos Tellados“:
Créditos: -Idea e Imaxe - Gonzalo Mucientes -Realización - Jaime Olmedo -Música - Longest Year (Scott Holmes) -Produción - Ecoloxía Azul
Fermoso documental. Por si vos interesa documentalo, en Santiago, no polígono das Fontiñas, tamén cría unha parella coido que da mesma especie, desde hai 3 anos. O tellado onde crían non parece tan a xeito como ese de Pontevedra, pois ten forte inclinación. Como dende a miña posición de observador, un 4º piso do edificio de enfrente, non podo ver o seu niño (queda na pendente contraria do tellado), sospeito que o teñen nalgunha estrutura da base de antea parabólica, moi próxima ao cumio. O que si vexo son os vaivens da parella proxenitora desde o mes de abril (o resto do ano non aparecen por aquí), o ir e vir das crías polo tellado e os seus primeiros voos. Tamén se aprecia que na zona próxima ao “non visto” niño, medra de forma sobresaliente con respecto ao resto do tellado, a vexetación herbacea sobre as tellas, pondo de relevo iso da “sucesión ecolóxica primaria”.
Saúdos