Martes 19 Marzo 2024

As farmacias auguran que a demanda de Ozempic tras o Nadal agrave o desabastecemento

Os establecementos afrontan cun stock insuficiente as chamadas diarias de consumidores que demandan o producto para adelgazar

A semaglutida é un medicamento diabético popularizado baixo o seu nome comercial, Ozempic. O fármaco emprégase para tratar a enfermidade da diabetes tipo 2 e ten como efectos secundarios a supresión do apetito. É por iso que, no último ano, estendeuse o seu uso entre a población mundial para perder peso. O consumo do medicamento por parte de estrelas de Hollywood e diversas personalidades provocou que a súa demanda non fixese máis que aumentar dende 2023. Agora, tralas festas de Nadal, as farmacias alertan dun posible repunte, aínda que non teñen stock e reciben chamadas continuas. “Agora mesmo é difícil determinar se hai un aumento na demanda, porque non hai existencias”, afirman dende unha farmacia luguesa. Paula Briones, vogal de Alimentación do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC), incide no seu uso indebido: “Non é un medicamento cosmético”.

Ozempic é un farmaco inxectable suxeito a prescrición médica que pertence ao grupo de medicamentos análogos do receptor GLP-1. Neste grupo atópanse fármacos “autorizados para mellorar o control glucémico no tratamento de adultos con diabete mellitus tipo 2 (DM2) non suficientemente controlada con dieta e exercicio”, destaca dende a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AMPS). A pesar de ter un uso tan específico, a AMPS ten constancia dun aumento na demanda dalgúns medicamentos incluídos neste grupo e polo tanto, anuncian “problemas de suministro se non se axustan as súas prescricións”. Nas farmacias de España pódese adquirir con receita médica e para os diabéticos conta con financiamento, quen obteñen catro doses por 4,24 euros.

Publicidade

Briones alerta do aumento da demanda deste medicamento nos últimos meses, mentres na maioría de farmacias espérase un aumento da demana tras os excesos alimenticios do Nadal. En EE UU xa o emprega o 15 % da poboación e en España estase estendendo como método para adelgazar. Neste sentido, a vogal de alimentación do COFC espera que a xente non confunda este fármaco cun “medicamento milagre para perder os quilos que nos sobran”. Neste sentido destaca o labor dende as farmacias, redes sociais e prensa para frear este consumo inapropiado. Ademais, destaca que aínda que nun primeiro momento si que pode axudar a perder peso e controlar o apetito, é un medicamento que non pode utilizar a poboación que non ten un cadro clínico específico, xa que pode ter contraindicacións con outras doenzas.

Ozempic non se pode dispensar sen receita médica. Aínda así, existen vías polas que se pode acceder a el. Briones afirma que no caso de suministrar este medicamento sen consentimento médico “se estaría cometendo unha mala praxe“. Ten unha serie de efectos adversos que poden “supoñer un problema de saúde grave para suxeitos sans que o consomen”, destacan dende o COFC. Actúa sobre uns focos do organismo concretos que, se non eres susceptible de tomalo, poden ter efectos nocivos no páncreas, no sistema dixestivo, no corazón ou no cerebro.

Dende o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra (COFPO) afirman que “o furor espertado por este medicamento —e outros similares— para a pérdida de peso supuxo un aumento na demanda, o que se traduce en problemas de suministro que afecta aos pacientes de DM2″. É unha opinión que comparten dende o COFC: “Temos que ser conscientes como sociedade de que hai unha falta de suministro deste medicamento”, apunta Briones. É un fármaco que en España está indicado para combater a diabete mellitus tipo 2 en pacientes que, aínda cunha monoterapia, dieta e exercicio, non controlan a súa enfermidade. Adicionalmente, tamén pode ser indicado para persoas con obesidade cun cadro clínico concreto. Pacientes con factores de risco como hipertensión ou problemas respiratorios tamén poden ter prescrito Ozempic.

“Chamadas diarias” nas farmacias

Na farmacia Laura González González, en Vigo, aseguran recibir “chamadas diarias” preguntando por el. “Non podemos asegurar un aumento de demanda porque hai falta de suministro, pero sempre que chega se vende”, aseguran os farmacéuticos. Esta ademais é unha resposta xeralizada nas diferentes cidades galegas. Na farmacia Gutiérrez del Olmo, en Santiago de Compostela, tamén o confirman. “Agora comezamos a recibir outra vez, pero son unidades moi limitadas“, declaran. O mesmo na Coruña, na farmacia Castro apuntan que moitas persoas con receita preguntan polo fármaco pero “dende hai dous meses hai falta de suministro”.

Debido ao problema de abastecemento procúrase buscar outras solucións que poidan substituír este fármaco. Neste sentido, dende o COFC confirman que “as persoas que teñen que facer o cambio pódeno ir solucionando”. Con todo, aseguran que non é nada sinxelo. Hai que volver a axustar a dose e comprobar que funcione, ademais as persoas que tiñan pautado Ozempic e vían beneficios “poden ser máis reticentes a cambiar de tratamento“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fármaco da diabetes que adelgaza como ningún outro: estudan usar Ozempic na obesidade

A comunidade médica valora a incorporación deste medicamento ás consultas, o que podería converterlo nun tratamento financiado pola seguridade social

Adelgazar 10 quilos en dúas semanas? Estes son os perigos das ‘dietas milagre’

A investigadora Ana Crujeiras sinala a desnutrición, a deshidratación e os fallos en diversos órganos como principais efectos prexudiciais

Un artigo de GCiencia gaña o Premio Xornalístico Albarelo

A reportaxe ‘Laboratorio Orzán: pioneiros da farmacia en Galicia’, de Eduardo Rolland, aborda a historia da compañía galega

Humor acedo contra as enfermidades venéreas

O humorista David Perdomo protagoniza unha campaña do Colexio de Farmacéuticos da Coruña para previr estas doenzas