Venres 29 Marzo 2024

A extinción das plantas desde 1900 é 500 veces máis rápida do esperado

Unha investigación analiza por primeira vez a escala global as taxas de extinción modernas de numerosas especies de plantas

En 1753, Carl Linneo publicou Species plantarum, o punto de partida da nomenclatura botánica, con preto de 6.000 especies vexetais. Eran unha moi pequena parte de todas as plantas do planeta, xa que hoxe se coñecen centos de miles de taxóns distintos. Na actualidade, arredor de 570 das 6.000 especies que nomeou Linneo están extintas. É unha das evidencias da acelerada desaparición que están padecendo as plantas no planeta, e que constata un novo estudo que acaba de ser publicado na revista Nature Ecology and Evolution.

Este estudo supón a máis extensa análise global sobre as taxas de extinción modernas que inclúe plantas e, debido á falta de datos, os investigadores están bastante seguros de que se subestimou a realidade neste tempo. A velocidade de desaparición das especies vexetais é, segundo estes datos, dunhas 500 veces máis rápida do que se esperaba de xeito natural desde 1900, e supón o dobre do número total de extincións observadas en anfibios, mamíferos e aves xuntas. Outro dato a reseñar é que desde 1900, unha media de tres especies desapareceron cada ano.

Publicidade

Desde 1900, unha media de tres especies de plantas desapareceron cada ano

Estamos cegos ante o que lle pasa ás plantas”, exemplifica en declaracións a The Guardian a bióloga María Vorontsova, unha das autoras da investigación. “Os animais son importantes, pero estou sorprendida de que non haxa un nivel semellante de preocupación sobre as plantas. Damos por sentado que seguen igual e creo que non deberiamos”, expón Vorontsova.

No seu traballo, os autores do artigo, que pertencen ao Royal Botanics Gardens de Kew (Inglaterra) e a Universidade de Estocolmo, analizan as extincións reais e compáranas coas estimadas. E así descobren que menos da metade de todas as extincións coñecidas son realmente precisas.

Un destes indicadores é a Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Porén, das 122 especies declaradas extintas, os autores atoparon que alomenos 50 foron redescubertas ou precisan dunha reclasificación. Non en tanto, a peor noticia é que faltan 491 extincións nesta listaxe.

Mapa de extincións de plantas desde 1900. Fonte: Humphreys et al.
Mapa de extincións de plantas desde 1900. Fonte: Humphreys et al.

Estes resultados baséanse nunha base de datos desenvolvida pola institución de Kew, que incorpora trinta anos de revisións de literatura e traballo de campo. Estes datos suxiren que só o 0,2% das plantas se extinguiron, en comparación co 5% das aves e os mamíferos. Porén, falta un marco axeitado: cómpre subliñar que o tempo medio de extinción das plantas é moito máis longo, o que significa que tardan máis tempo en desaparecer completamente.

“Isto cadra con que o 89% das especies que foron redescubertas teñan un alto risco de extinción, con moi poucos individuos que resisten”, explican os autores. “Deste xeito, a nosa estimación da taxa de extincións, aínda que elevada, todavía é probable que demostre unha subestimación do que está pasando coas plantas”.

Este patrón é moi semellante ao dos animais, aínda que non parece estar baseado en causas evolutivas. Así, a conclusión é que hoxe en día a maioría das extincións estanse producindo nos ‘puntos quentes’ da biodiversidade, nos trópicos e no Mediterráneo e en lugares como Australia, India ou Hawai.

Unha das evidencias deste risco acelerado é que de todas as especies de plantas desaparecidas analizadas neste traballo, a metade estaban nunha illa, e o 18% estaban no Pacífico. “Isto probablemente reflicte a alta proporción de especies endémicas nos ecosistemas insulares e a súa vulnerabilidade ante as invasións biolóxicas”, suxiren os autores.

Neste senso, o artigo advirte de que a recuperación das especies insulares, tanto daquelas que están en perigo como as que se cren extintas, é menos probable ca nos continentes. Alén disto, subliñan que, na situación actual, hai un risco real de que a lista de extincións se acelere nos vindeiros anos debido á perda de hábitat, o cambio climático e a actividade humana. Mesmo algunhas poderían desaparecer antes de que se descubra a súa existencia, expoñen desde Kew Gardens, xa que nos últimos 30 anos engadiron aproximadamente 300.000 especies de plantas á súa base de datos.

Referencia: Global dataset shows geography and life form predict modern plant extinction and rediscovery (Publicado en Nature Ecology and Evolution).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Intelixencia artificial ante o cambio climático: ameaza ou aliada?

Os algoritmos que fan a vida máis sinxela teñen unha gran pegada de carbono. Esta tecnoloxía tamén axuda a resolver problemas ambientais