Xoves 28 Marzo 2024

Experimentos e obradoiros para espertar vocacións científico-tecnolóxicas nas rapazas

Investigadoras e profesoras da Universidade de Vigo apostan por celebrar este día con centros de secundaria de Galicia

A pesar do contexto de pandemia e as restricións establecidas con motivo da mesma, a Universidade de Vigo fixo unha aposta en firme por tentar manter o espírito das actividades que anualmente se organizan con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que se celebra tal día como hoxe, 11 de febreiro. Así, os obradoiros de Elas Fan CienTec pasan a celebrarse virtualmente, ao igual que as iniciativas do Centro de Investigación Mariña (CIM).

As actividades, organizadas por investigadoras e profesoras da institución educativa, buscan dar visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no campo da ciencia e a enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.

Publicidade

A este respecto, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, destaca que “ao igual que estamos facendo coa docencia, desde a Universidade de Vigo estamos tentando que esta situación desfavorable non produza efectos moi negativos nas actividades que se desenvolven para seguir cumprindo cos obxectivos que nos marcamos”. “Contamos coas ferramentas axeitadas como o Campus Remoto para ofrecer ao noso persoal e lograr acadar o éxito neste empeño de fomentar a introdución da muller no ámbito STEAM”, engade.

Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, acentúa a necesidade de manter este tipo de iniciativas e explica que “na ciencia e na academia existe unha segregación vertical e horizontal por razón de sexo, que abonda no feito de que, por exemplo, as titulacións STEAM, as que son claves nos empregos do futuro, son as mais remuneradas e posúen un alto estatus social, carecen dunha presenza feminina ampla, o que vai redundar a medio prazo, no incremento do empobrecemento das mulleres”.

Elas Fan CienTec

A quinta edición de Elas Fan CienTec, un programa de obradoiros para rapazas de secundaria, realízase hoxe de xeito online con 80 nenas de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Val Miñor, IES Rosais 2, Colexio Plurilingüe Alborada e IES A Cañiza). Así, as  docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade, organizaron diversas actividades para conmemorar esta data. Concretamente, o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) ofrece ás rapazas a posibilidade de formar parte de exercicios interactivos, vídeos sobre experimentos ou charlas mediante a súa participación en diferentes obradoiros.

No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación as alumnas afondarán na programación web, na programación dun videoxogo con Schatch e realizarán unha actividade lúdica en liña. A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ofrece un obradoiro a través do que se intentará achegar os fundamentos dos procesos de combustión ás nenas, mediante a realización de experimentos virtuais e unha parte máis interactiva cunha xincana virtual. Por último, no caso da Escola de Enxeñería Industrial as alumnas coñecerán da man de tituladas recentes o que é a enxeñaría industrial e tamén lles explicarán a súa experiencia. Ademais, intercalarán as intervencións con vídeos demostrativos de experimentos de aplicación das materias que se imparten na titulación.

11F no CIM

Por outro lado, ao longo do día 12 de febreiro, alumnado de secundaria de diferentes centros educativos de toda Galicia participará en actividades en liña organizadas polo Centro de Investigación Mariña (CIM). Serán dúas videoconferencias, dunha banda, coa Asociación Faraxa, na que se fará unha reflexión sobre a necesidade do 11 F, cunhas breves nocións de igualdade de xénero, unha revisión histórica do papel da muller na ciencia e a súa exemplificación con casos de  científicas que foron invisibilizadas; e, por outra, coa directora da Área de Investigación da UVigo, Ana Bernabeu, na que presentará os indicadores de igualdade na institución educativa e no CIM e explicará a súa experiencia persoal. Ademais, o estudantado participante poderá facer unha visita virtual ao CIM e participarán en debates sobre todo o aprendido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%