Venres 29 Marzo 2024

Un estudo calcula que o confinamento salvou 450.000 vidas en España

A revista "Nature" publica dúas investigacións que analizan os resultados das "intervencións non farmacolóxicas" en Europa e outros países afectados

Case tres meses despois de que a OMS declarara a Covid-19 como pandemia mundial, o coronavirus infectou máis de sete millóns de persoas e causou máis de 400.000 mortes, aínda que é moi probable que as cifras sexan maiores tendo en conta os resultados dalgúns estudos de prevalencia. Ante a falta dunha vacina e de medicamentos efectivos contra a doenza, o confinamento e a distancia social, con diferentes graos de aplicación nos distintos países do mundo, foron as principais medidas para evitar unha maior propagación da enfermidade. Unha vez superada a primeira onda en Europa, comezan a xurdir balances de como estas restricións frearon unha maior gravidade da pandemia. Dous estudos que acaba de publicar Nature analizan os efectos das denominadas “intervencións non farmacolóxicas”. Un deles estima que estas actuacións salvaron a vida duns 3 millóns de persoas en Europa, e 450.000 delas en España, onde se produciron ata o momento, segundo os datos do Ministerio de Sanidad, unhas 27.000 mortes pola Covid-19.

“O confinamento tivo un efecto moi significativo, e fixo caer o R0, (ou número reprodutivo básico, o indicador que mide a capacidade de infección dunha persoa a outras) por debaixo de 1 en todos os países analizados”, explica un dos coautores do estudo, Samir Bhatt, segundo recolle a Agencia SINC. Os modelos, desenvolvidos polo Imperial College de Londres, están baseados, entre outros factores, no número de mortes observadas en 11 países de Europa, e teñen unha pequena marxe de erro debido aos diferentes criterios seguidos en cada un dos países, aínda que en todo caso as estimacións de óbitos en España oscilan entre 360.000 e 540.000 en caso de non decretar o peche do país.

Publicidade

As estimacións tamén calculan que entre 12 e 15 millóns de persoas se infectarían en Europa, o que casa coa prevalencia de entre un 3 e un 4% no continente. Cos datos na man, os investigadores poñen o acento en que a pouca circulación do virus obriga a manter a alerta e determinadas medidas en vigor, ante as posibilidades de que poida haber unha segunda onda de infeccións. “Estamos ao comezo da pandemia e moi lonxe da inmunidade de grupo”, expuxo Samir Bhatt.

O outro traballo analizou, pola súa banda, a efectividade das distintas medidas de confinamento e os seus respectivos graos, para observar cales foron máis ou menos acertadas. Esta investigación, que analizou as restricións decretadas na China, Corea do Sur, Italia, Irán, Francia e Estados Unidos, afondou na evolución das infeccións diarias e as distintas accións que se tomaron en cada un destes países. Con estes datos, calcularon que a taxa de crecemento de contaxios sería dun 38% cada día, o que provocaría unha duplicación de casos cada dous días, ata xerar nestes países uns 62 millóns de casos confirmados, que trasladados ás cifras totais apuntaría cara a uns 530 millóns de infeccións, entre as confirmadas e as non detectadas nas cifras oficiais.


Referencias:

The effect of large-scale anti-contagion policies on the COVID-19 pandemic.

Estimating the effects of non-pharmaceutical interventions on COVID-19 in Europe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes