Venres 29 Marzo 2024

Un estudo galego, pioneiro en constatar o dano da velutina na polinización

Dúas investigadoras da UVigo ofrecen "a primeira evidencia científica mundial" do impacto da vespa nos insectos que contribúen á reprodución das plantas

Hai xa máis dunha década que a Vespa velutina chegou accidentalmente a Europa procedente do sudeste asiático. A súa expansión foi rápida e efectiva en países como Francia, España e Portugal, os máis afectados por esta especie invasora no continente. Actualmente pódese atopar en case todas as rexións da área atlántica e representa unha ameaza para a biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros animais encargados da polinización. Precisamente neste último aspecto céntrase un estudo asinado polas investigadoras Sandra Rojas e María Calviño, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, que acaba de ser publicado pola revista científica de alto impacto Biological Invasions.

Este estudo desenvolveuse no marco do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela para o Estudo do Comportamento, Hábitat e Impacto nos Ecosistemas de Vespa velutina para a Mellora dos Métodos de Control Existentes. Os obxectivos desta investigación pasaban por estudar o impacto da Vespa velutina como predador de abellas e outros insectos polinizadores e o seu consecuente efecto sobre a polinización das plantas. A investigación conclúe que a velutina ten un impacto negativo sobre os servizos de polinización en áreas invadidas como consecuencia da caza de polinizadores nas flores.

Publicidade

A científica Sandra Rojas, durante o traballo de campo. Foto: Duvi.
A científica Sandra Rojas, durante o traballo de campo. Foto: Duvi.

Para contextualizar o seu estudo, Sandra Rojas e María Calviño lembran que a polinización mediada por animais é esencial para a reprodución das plantas, motivo polo cal é indispensable para o mantemento da biodiversidade, o funcionamento dos ecosistemas e a produción de alimentos para as persoas. “Os polinizadores afrontan actualmente unha crise global moi grave”, remarcan, con múltiples causas, entre elas “a presión causada por especies invasoras”, como a Vespa velutina, ou tártago de patas amarelas. E é que a velutina é un eficaz depredador de insectos, “que constitúen a base proteica para alimentar ás larvas” e engaden as investigadoras que se sabe que “unha parte importante da súa dieta son as abellas da mel, polos intensos ataques que sofren as alvarizas”.

A través desta investigación, as científicas propuxéronse confirmar o impacto da invasión da velutina no comportamento dos insectos polinizadores e a polinización das plantas en áreas invadidas, centrando o estudo nos insectos da contorna da Mentha suaveolens. Para isto, explican as autoras, “estudamos o comportamento de caza de V. velutina na contorna das flores, o efecto da caza de V. velutina no comportamento de visitas florais dos insectos polinizadores e seu impacto na cantidade de pole específico depositado nos estigmas de Mentha suaveolens, unha herba nativa e común do sur e oeste de Europa.

Rojas e Calviño avanzan que detectaron cambios no comportamento de busca de alimento de varios grupos de polinizadores. “Por exemplo, en flores onde Vespa velutina caza, a taxa de visitas ás flores polas abellas do mel europeas (Apis mellifera) son menores”. Tamén observaron unha diminución das visitas ás flores por parte de outras especies de abellas solitarias e tamén o tempo que tardan os abellóns (Bombus sp.) visitando as flores. “Como consecuencia, a cantidade de pole que se deposita sobre os estigmas das flores é menor en aqueles manchas de plantas coa presenza do predador Vespa velutina”.

Unha base no estudo do impacto na polinización

As investigadoras explican que este traballo é a base para unha liña de investigacións relacionadas con aspectos ecolóxicos e funcionais relacionados coa invasión por himenópteros sociais. Neste sentido, remarcan que ademais dos impactos evidentes sobre a apicultura e a saúde das persoas polo incremento das picaduras, “a Vespa velutina é un insecto con importante potencial para afectar á dinámica ecolóxica nas áreas invadidas”. Por isto consideran necesario continuar avanzando no coñecemento da bioloxía e na busca de métodos específicos para reducir eses impactos. De feito, o Grupo de Bioloxía Ambiental (BA2) do que forma parte Sandra Rojas, está actualmente traballando no proxecto europeo Atlantic-Positive, “co cal agardamos facer contribucións relevantes nestas áreas”.

Por outra banda, Rojas tamén está implicada activamente con investigadores de todo o mundo nun grupo de traballo da asociación COLOSS, para o estudo e a protección das abellas. Actualmente están elaborando varios documentos que, segundo sinala, “serán de axuda para sintetizar a información existente sobre Vespa velutina, o proceso de invasión e os esforzos para o seu control”.


Referencia: The invasive hornet Vespa velutina affects pollination of a wild plant through changes in abundance and behaviour of floral visitor (Publicado en Biological Invasions).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

A chegada do mosquito tigre a Galicia, unha visita que a comunidade científica esperaba

O aumento das temperaturas favorece a proliferación deste tipo de especies que pode criar nas contornas das casas

Insectos fronte a plantas: unha ‘guerra’ de hai 100 millóns de anos

Un investigador da UVigo é o primeiro autor dun estudo que analiza como eran as interaccións entre fósiles achados en Teruel

Unha avespa usa o seu pene con espiñas para librarse dos depredadores

As Anterhynchium gibbifrons macho non teñen veleno, pero aínda así poden apuñalar aos depredadores cos seus xenitais