Venres 29 Marzo 2024

“O nivel de carga dos parques eólicos xa non é asumible no espazo natural”

O Consello da Cultura Galega esixe a paralización das 275 instalacións en trámite ata a revisión do plan eólico

Un informe do Consello da Cultura Galega (CCG) titulado Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia, critica a forma na que se está desenvolvendo a implantación de parques eólicos en Galicia e insta a salvagardar os lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica. Aínda que a Xunta de Galicia vén de anunciar a moratoria de dezaoito meses para solicitar a instalación de novos parques eólicos, o CCG considera que esta moratoria tamén se debería extender aos parques en trámite.

Por iso, o informe pide en primeira instancia a revisión do actual Plan sectorial eólico de Galicia (creado en 1997) para que se someta a unha avaliación ambiental estratéxica que teña en conta: as Directrices da paisaxe, a protección de valores culturais do territorio e atenda aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.

Publicidade

Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora do informe, sinala que “estamos chegando a un nivel de carga no espazo natural que xa non é asumible”. O Consello de Europa marcou para cada país un desenvolvemento de plans de enerxías renovables, e “no caso galego, nós xa alcanzamos a cantidade de enerxía renovable que deberíamos producir. Estamos moi por riba da que se produce no estado español, e aínda así temos 275 parques máis en trámite”.

Galicia conta con 176 parques eólicos cunha potencia de 3.867 megavatios situados en 121 dos 313 concellos galegos

A concesión de permisos para a construcción dos 275 parques que están en trámite suporía sumar 7.200 megavatios á cifra anterior, así como aumentar a presenza de aeroxeneradores a 189 municipios. Esta posibilidade suscitou un gran debate social polo impacto que tería no patrimonio e na paisaxe, o que motivou que o Consello da Cultura Galega crease unha comisión de seis expertos, coordinados por Rebeca Blanco-Rotea, e integrada polo xurista Carlos Amoedo Souto, o arqueólogo David Barreiro Martínez, a arquitecta Teresa Nieto Freire, o xeógrafo Augusto Pérez Alberti, o economista Xavier Simón e o arqueólogo Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez.

As súas peticións susténtanse en dous principios ambientais que deben ser sinalados como xustificación xurídica desta proposta: o principio de precaución, é dicir, o perigo de dano grave ou irreversible sobre os espazos; e o principio de non regresión ambiental, que implica unha rebaixa dos niveis de protección ambiental existentes.

Rede Natura, paralizada dende 2011

Entre as medidas destacadas que solicita o informe do CCG está a necesidade de ampliar e definir con precisión o espazo relativo á Rede Natura. Só o 12% do territorio galego está recoñecido como Rede Natura, moi por debaixo da media de España, que se sitúa no 27% do territorio. “A pesar de que nas áreas incluídas en Rede Natura non se poden situar parques eólicos, nunha análise de 2009 os parques eólicos tiñan presenza en 107 mil hectáreas das 320 mil que conforman a Rede Natura. Outra cousa que chama a atención é que non se incluíran novos espazos protexidos nesta rede dende 2011”, sinala Blanco-Rotea.

A salvagarda dos valores do territorio ante o desenvolvemento eólico actual require, segundo o informe, unha actuación proactiva da Administración na identificación, inventario e protección dos valores naturais que non está a ser todo o ampla e eficaz que sería necesario. Así o evidencian a paralización da ampliación da Rede Natura citada, mais tamén a caracterización das paisaxes, que dende o CCG consideran insuficiente e ata incorrecta na identificación, valoración e protección dos bens do patrimonio cultural aos que afectan estas instalacións, afectando especialmente aos valores culturais do territorio, do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e do patrimonio inmaterial.

“Hai que mudar a visión que se ten do territorio: non todo o que non ten un rendemento económico carece de valor. Ten valor per se. No momento no que se destrúen lugares singulares como a Capelada, como Estaca de Bares ou o Xistral é que xa hai un colapso ambiental. A nosa descendencia tamén terá dereito a ver algún espazo protexido”, sinala o xeógrafo Augusto Pérez Alberti.

Parques eólicos xa instalados e novas propostas. Elaboración de Augusto Pérez Alberti.
Parques eólicos xa instalados e novas propostas.
Elaboración de Augusto
Pérez Alberti.

Liberalización da enerxía eólica

O informe tamén explica que o crecemento actual das solicitudes para a instalación de parques eólicos se produce a partir do 2018 por cambios no ámbito regulatorio. O primeiro deles foi a lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que apuntou o camiño da liberalización do sistema de tramitación destas peticións.

O segundo foi a Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece excepción ás áreas incluídas no Plan sectorial eólico. Iso implicou, segundo o informe, “que desde ese momento todas as terras rústicas de Galicia sobre as que non exista figura de protección ambiental poderán albergar parques eólicos”. Esa lei só tivo en conta a idoneidade das localizacións desde o punto de vista eólico e non as de carácter paisaxístico nin os valores relacionados co patrimonio cultural e natural.

Problemática social

No 2019 creouse a primeira rede galega contra os parques eólicos mal planificados, integrada por sete plataformas veciñais que representan a un total de dez localidades galegas: a Asociación de Veciños 3 maio de Campolongo (Negreira), a Asociación de Veciños Vila do Monte de Outes, o colectivo Non eólicos de Ordes, a Plataforma Non Máis Eólicos Campelo-Bustelo-Toural, a Plataforma Veciñal Non Eólicos de Mazaricos, a Plataforma Veciñal Contra os Eólicos de Ponteceso e Salvemos O Iribio. O seu obxectivo é evitar que os proxectos eólicos e as liñas de alta tensión se convirtan nun problema para a economía e o medio ambiente das zonas onde se instalen.

“Os parques eólicos están ocupando espazos que pertencen á comunidade. Cada vez estanse achegando máis a zonas residenciais e plantacións agrícolas, entón é normal que a cidadanía queira reivindicar os espazos onde se move. Tanto o Convenio Europeo da Paisaxe como o Consello de Europa, están pedindo unha gobernanza participativa do patrimonio, polo que as administracións deberían escoitar á cidadanía”, sinala Blanco-Rotea.

O informe pide, por tanto, ter en conta os efectos que este despregamento eólico tería sobre o territorio galego a todos os niveis. Como sinala Augusto Pérez, “Galicia non pode ser simplemente un terreo de explotación. É máis fácil cuantificar o valor económico dun muíño eólico que o valor dunha paisaxe, pero cal é máis importante?”.

1 comentario

  1. Moi bo o traballo titulado “Enerxía eólica e paisaxe cultural” que divulga o Consello da Cultura e o que fai GCiencia, asinado por Xiana Meda. Parabéns a todas e todos, eólicas así… non!!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O primeiro informe experimental dos granulados revela novas substancias

O grupo de investigación de Química Analítica Aplicada da UDC confirma a presenza maioritaria de Tinuvin, un estabilizante de luz ultravioleta

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Como captar enerxía das ondas do mar e sobrevivir no intento

A enerxía que se extrae das ondas é unha das grandes apostas con respecto á investigación de enerxías renovables en Galicia, mais os dispositivos utilizados deben superar varias dificultades

Sete accións que poderían salvar mil millóns de vidas de aquí a 2100

Segundo un estudo recente, é probable que mil millóns de persoas morran de maneira prematura a finais de século a causa do cambio climático