Sábado 20 Abril 2024

Encoro de Cecebre: o oasis que baña o bosque animado

Cando Wenceslao Fernández Flórez se inspirou na fraga de Cecebre para escribir El bosque animado, o lugar era moi distinto ao de hoxe. Non existía o encoro, nin estaba rodeado polas dúas grandes vías de comunicación de Galicia: a A-6 e a AP-9. Porén, aínda que os humanos deixaron a súa pegada na contorna, a zona segue preservando un alto valor natural, como espazo protexido e moi acaído para gozar do turismo ornitolóxico e dunha gran variedade de hábitats.

O encoro construíuse a mediados dos anos 70, no marco do rápido crecemento da cidade da Coruña e, por tanto, das súas necesidades de abastecemento de auga. Aproveitáronse as bacías dos ríos Mero e Barcés, que conflúen xusto neste punto, entre os municipios de Abegondo e Cambre. As augas teñen unha profundidade media de máis de 5 metros. O espazo protexido, de case 530 hectáreas, chega tamén aos concellos de Betanzos, Carral e Oza dos Ríos.

Publicidade

Así, que aínda que a construción da presa alterou a paisaxe, a zona non perdeu a súa importancia ecolóxica. Así, máis da súa cuarta parte, sobre todo na parte alta do encoro, conta cun valor de conservación “moi alto”. Hoxe está protexida por varias figuras, como o Lugar de Interese Comunitario (LIC), Zona de Especial Conservación (ZEC) e forma parte tamén da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Rede Natura.

As aves

Punto de observación ornitolóxica, en Crendes, no encoro de Cecebre. Fonte: turismo.gal.
Punto de observación ornitolóxica, en Crendes, no encoro de Cecebre. Fonte: turismo.gal.

Cecebre destaca, sobre todo, pola gran variedade ornitolóxica que se pode observar. Hai rexistros de máis dun cento de especies de todo tipo, desde propiamente acuáticas ata outras máis habituais nos bosques de ribeira. Sobre todo nas épocas de migración, abonda con pararse nos puntos habilitados, como o observatorio de aves de Crendes, para contemplar unha romaría de paxaros sen fin.

Millafres negros, mergullóns cristados, pardais monteses, azores comúns, garzotas grandes, paspallás, paporroibos, lavandeiras reais, cercetas, ou aguias pescadoras móvense buscando alimento e protección nas augas, as veigas e os campos da volta.

E algunhas outras, como o fumarel común (Chlidonias niger), a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), a tartaraña cincenta (Circus pygargusou a aguia peixeira (Pandion haliaetusestán en perigo de extinción ou nunha situación vulnerable.

Hábitats protexidos e especies en perigo

Na área do encoro de Cecebre poden verse tamén hábitats protexidos, entre os que sobresaen os queirogais secos, bosques aluviais de amieiros e freixos e as carballeiras. Nestas zonas aparecen tamén outras especies vulnerables de mamíferos e anfibios, como o morcego rateiro ou o morcego grande de ferradura, a toupa de río ou a salamántiga rabilonga.

Ademais, algunhas especies exóticas invasoras, como o caranguexo de río americano, o visón americano, a perca e a carpa comprometen a supervivencia dalgúns taxóns que levan moito tempo habitando a zona.

1 comentario

  1. Se cadra estaba ben dar un paseo arredor e mencionar que por toda a contorna, en diversos puntos, están tallando fincas e destrozando carreiros para plantar eucalipto ata a beira mesma do encoro, sen que ningunha administración pareza estar facendo nada para protexer o espazo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España