Sábado 20 Abril 2024

Emprendedores do mar

O mar leva sendo fonte riqueza para Galicia dende hai séculos a través da pesca, o marisqueo, o sector naval e mesmo o turismo. Unha inxente cantidade de oportunidades empresariais e de negocio se se ten a idea axeitada e o apoio preciso para levala á práctica. Para respaldar aos futuros empresarios, o Campus do Mar desenvolve a segunda edición da súa Escola de Emprendedores, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar o crecemento económico, o emprego e a internacionalización en Galicia e no norte de Portugal, centrándose nun sector tradicional e esencial para a eurorrexión como é o mar. En total forman parte deste iniciativa 20 estudantes das tres universidades galegas, que ata o mes de xuño combinarán sesións formativas de carácter eminentemente práctico, como obradoiros e visitas a empresas,con outras relacinadas coa experiencia como sesións de outdoor training, de diálogo con antigos alumnos e manexo de simuladores de empresa, segundo informa o Duvi.

Tras as sesións formativas iniciais na Coruña, a escola trasladouse a pasada semana a Vigo, con sesións sobre competencias profesionais e marca persoal. Este mércores foi o momento de compartir experiencias con algúns dos participantes na primeira edición deste programa. É o caso de Ramón Castro, que está á fronte de West Surf School, unha escola de surf que vai un paso máis aló desta idea tradional de negocio. Como el mesmo explica, “a idea nace dunha paixón pero vin un nicho de mercado co auxe nos últimos anos deste deporte”. A diferencia está mercada pola especialización.

Publicidade

As propostas que se estudan son alternativas as tradicionais da pesca, o naval e o turismo

Ata agora, coa axuda da súa parella e do seu irmán, todos eles monitores de surf, tiña no Salnés a súa base de operacións, especialmente as praias da Lanzada e Foxos. Pero ofrecen tamén un servizo itinerante, desprazándose a impartir as clases a onde o cliente o solicite. Tras este primeiro ano buscando algo que os distinga, optaron por un servizo integral e personalizado, que procure tamén aloxamento, transporte ou manutención aos grupos de clientes. “Identificamos oportunidades nas reunións de directivos e empresarios, que adoitan ter actividades de ocio paralelas, e tamén nas despedidas de solteiro ou solteira, etcétera, que nos poden permitir abrir o noso mercado”, destaca Ramón Castro. Agora que comezan esta segunda fase de expansión valoran moi positivamente a experiencia que naceu da primeira edición da Escola de Emprendedores: “Xa temos amortizada a inversión e agardamos poder seguir adiante”.

O surf é tamén o protagonista doutra as empresas nadas na primeira edición, SurfIn, unha guía de turismo enfocada ao surf en Galicia ideada por Diego Santos. ViajerosLowCost foi outro dos casos de éxito, unha empresa de organización de viaxes e eventos económicos para público novo, creada por Javier Ramón, que xa tivo presenza en FITUR. Saborplace.com é froito tamén da primeira edición da escola e convertérono en realidade Fátima Andrade e Arantxa Fernández. Trátase dunha plataforma de difusión e venta online de produtos naturais, ecolóxicos e gourmet que chegan directamente do produtor ao consumidor. Tres exemplo de como converter unha idea nun proxectos empresarial real.

Algúns dos participantes da segunda edición da Escola de Emprendedores chegaron coas ideas máis ou menos claras. Outros non tiñan aínda un proxecto na cabeza, pero entre todos deben sacar adiante cinco proxectos emprendedores. Organizados en grupo interdisciplinares, comezan xa a madurar as ideas previas e a desenvolver algunhas novas. David Torres, María Castro, Melania Pérez e Miguel Gómez proceden de titulacións tan dispares como Ciencias do Mar, Arquitectura, Mestrado en Banca e Finanzas ou Máquinas Navais.

Nas sesións, participantes de pasada edición compartiron experiencias cos alumnos

Aínda que a idea leva dando voltas na cabeza de David Torres hai tempo, agora converteuse no proxecto de todos: a creación dun espazo físico de divulgación onde poñer en valor diversos aspectos relacionados co mar. De feito, Torres estivo colaborando co Campus do Mar e coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, con sede no campus de Vigo, neste mesmo eido. “O obxectivo é dinamizar a contorna, valorizar o territorio e para iso pensamos que sexa un espazo aberto a toda a cidadanía, aínda que probablemente durante boa parte do ano a meirande parte dos visitantes serían centros educativos e asociacións”. Agora avanzan no plan de empresa e na estratexia de mercado e, aínda que xa teñen en mente mesmo o lugar onde se podería situar este espazo divulgativo, non o queren revelar. Por diante quedaríalles establecer contactos co sector da pesca, do marisqueo e cos grupos de acción costeira para facer esta idea unha realidade.

É un caso semellante ao do grupo do que forma parte María Mar Arias Raposo. Pero os catro estudantes (un de administración e dirección de empresas, dous de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e un titulado Enxeñaría Técnica en Topografía) chegaron a esta Escola de Emprendedores sen unha idea. Non obstante, nestas primeiras semanas de formación xa o teñen claro: unha plataforma flotante para a restauración, o deporte e o ocio nocturno. “No se trataría dun barco como os que ofrecen festas polas rías, senón unha plataforma fixa fondeada nunha zona protexida das mareas, libre, diáfana e que teña o mar como horizonte”, explica Raposo. Polo momento é un proxecto a medio prazo, agora toca adquirir coñecementos, avaliar a viabilidade real da idea e as condicións legais para levala a cabo.

En total, nesta segunda edición da Escola de Emprendedores participan 20 estudantes e titulados das tres universidades galegas, 14 deles da Coruña, catro de Santiago e dous de Vigo. As súas titulacións de orixe abranguen case todos os eidos do coñecemento, cunha destacada presenza de estudantes ou licenciados en Administración e Dirección e Empresas e Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. Pero neste grupo tamén hai titulados en Turismo, Informática, Ciencias do Mar, Bioloxía, Química, Relacións Laborais ou Arquitectura entre outros. Os seus proxectos empresariais presentaranse na Coruña o vindeiro 13 de xuño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que non hai máis laboratorios en Galicia facendo as probas PCR?

As análises para detectar o SARS-CoV-2 limítanse a hospitais e un centro privado a pesar do ofrecemento de universidades, centros públicos e empresas

As tres universidades galegas suspenden a actividade docente presencial

As institucións académicas respaldan as directrices da Xunta e ofrecen aos membros da comunidade universitaria información nos seus webs

Tribuna: por que pechar colexios e universidades para frear a COVID-19?

O autor salienta que as medidas destinadas a evitar aglomeracións son efectivas para atrasar a propagación da epidemia

Os tres reitores galegos rexeitan nun comunicado a creación dunha universidade privada

Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa expoñen nun comunicado que “non existe a necesidade de novas universidades en Galicia“