Xoves 18 Abril 2024

A Xunta declara a “emerxencia cinexética” polo xabaril, con caza “sen límite” en 198 concellos

As resolucións publicadas este xoves serán vixentes na tempada de caza 2021-2022, por mor dos danos e riscos causados pola proliferación da especie

O impacto causado polas poboacións de xabarís en Galicia nos últimos anos levou á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a declarar a “emerxencia cinexética temporal” fronte á especie. Catro resolucións, unha por provincia, publicadas este xoves no Diario Oficial de Galicia, e que entrarán en vigor este venres 27 de agosto, permitirán “abater ou capturar sen límite de exemplares, xabarís de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas e sub-adultas en todas as súas idades” en 198 concellos galegos de 29 comarcas situadas principalmente na zona central e leste do país, onde a presenza da especie é especialmente abundante. A medida estará en vigor ata o 27 de febreiro de 2022, sempre que non se tome unha resolución para suspendela “no momento en que se constate que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración”.

A Xunta argumenta a decisión en que “as afeccións ocasionadas polas poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia, que obedece en gran medida aos cambios de uso no ambiente e ás características ecolóxicas da especie”. Engádese, ademais, que se constatou que “a especie provoca múltiples danos na agricultura e accidentes de tráfico, e é un problema adicional a presenza cada vez máis habitual de xabarís nas zonas periurbanas”. Alén disto, a Administración autonómica xustifica a decisión en que “unha elevada poboación de xabarís favorecería o risco de dispersión de certas enfermidades, como a peste porcina africana, o que dificultaría a súa erradicación nun momento dado, de ser necesaria”. No referente á caza de crías ou femias seguidas de crías, a normativa contempla a posibilidade de levala a cabo “logo de autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural”, tal e como establece a lei.

Publicidade

Requisitos das cazarías

Así, a pesar de que non haberá límite de exemplares a capturar, a resolución contempla que é preciso solicitar autorización en determinadas condicións e espazos.

En terreos cinexéticos, a caza poderá levarse a cabo “todos os días da semana”, coas excepcións contempladas nas zonas libres de caza, que requirirán “comunicación previa á Xefatura Territorial da CMATV efectuada cunha antelación mínima de dez días naturais” en función destes condicionantes:

Nos terreos en réxime cinexético especial, “as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2021/22 deberán ser comunicadas previamente á correspondente xefatura territorial competente en materia de caza, cunha antelación mínima de dez días naturais”, e nas zonas libres de caza deberá “solicitarse á correspondente xefatura territorial competente en materia de caza cunha antelación mínima de dez días naturais”. Ademais, aclárase que “no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2022, poderanse autorizar cazarías ao xabaril os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos”, e desde o 7 de xaneiro ao 27 de febreiro de 2022, ambos incluídos, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Deste xeito, coa extensión da “emerxencia cinexética” a 198 concellos, preto dun 70% do territorio quedará nesta situación. Tal e como recolle Praza, en 2019 declarouse a mesma medida para 33 concellos das comarcas de Betanzos, Eume, Terra Chá, Viana e Deza. Daquela, segundo lembrou hoxe a Consellería de Medio Ambiente nunha nota de prensa, aquela primeira experiencia deu “bos resultados”, xa que “a efectividade da medida quedou avalada polos datos xa que os avisos nestas comarcas reducíronse un 29,4% respecto á tempada de caza precedente”.

Desta volta, ademais das citadas, veranse afectadas pola medida as comarcas de Arzúa, A Coruña,  Ferrol, Ortegal e Santiago (provincia da Coruña); Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, e Terra de Lemos (Lugo); Allariz–Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, e Verín (Ourense); e Tabeirós-Terra de Montes (Pontevedra).


Máis información, na edición do DOG deste xoves 26 de agosto.

1 comentario

  1. “A caza sen limite” Xa o propio concepto asusta. Un triste exemplo das consecuencias da xestión acientífica das poboacions de fauna de interese cinexético. As evidencias científicas suxiren que este tipo de medidas adoitan agravar os problemas ao potenciar mecanismos compensatorios da mortalidade nas poboacions de xabarin. Unha barbaridade ecolóxica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña