Venres 29 Marzo 2024

Eficiencia enerxética: a diana dos novos fogares

A Xunta triplica o orzamento destinado á rehabilitación en edificios de tipo residencial, co que prevé intervir sobre 6.800 vivendas

A eficiencia enerxética é un concepto relativo á optimización dos resultados obtidos con respecto á enerxía consumida para chegar a eles. No que se refire aos fogares é unha cuestión fundamental, non só para reducir os gastos das persoas que viven neles e mellorar a súa economía, senón tamén para reducir a pegada medioambiental que se produce á hora de acender a calefacción ou de utilizar a electricidade para os numerosos aparellos tecnolóxicos que hoxe están presentes nas vivendas.

Este ano, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) acolle un total de 24 liñas de axudas e programas de apoio, 11 das cales teñen actualmente o prazo de solicitude aberto e 6 aínda están pendentes de convocarse. A dotación global prevista para estas iniciativas ronda os 140 millóns de euros e precisamente moitas delas teñen como diana ou requisito indispensable a eficiencia enerxética.

Publicidade

Orzamento triplicado

Unha das convocatorias máis demandadas o pasado ano foi precisamente a liña de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios de tipo residencial que convocou, por primeira vez, a Xunta. Así, coa execución total dos 22,8 millóns de euros dispoñibles en 2022, mellorouse a eficiencia de 2.334 vivendas de toda a comunidade.

Tendo en conta a elevada demanda así como a necesidade de poñer en marcha cada vez máis iniciativas para loitar contra o cambio climático, as axudas actuais dispoñen dun orzamento de 66,4 millóns de euros. En concreto, esta convocatoria do IGVS “está destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 na execución de diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares —como a renovación de fachadas e cubertas—, así como á substitución de equipos de calefacción e auga quente por outros que non utilicen enerxía fósil para lograr reducir os consumos en, como mínimo, un 30%“, sinalan desde a Xunta.

Coñecendo os datos da convocatoria anterior, a institución prevé que nesta ocasión poderán beneficiarse arredor de 6.800 vivendas. Con todo, lembran, este programa a nivel de edificio non é o único convocado pola Xunta co obxectivo de mitigar os consumos, senón que existen outras dúas liñas de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética de vivendas e para a elaboración do libro do edificio e redacción de proxectos de rehabilitación. Estas tres convocatorias estarán abertas ata o 2 de outubro e prevén ser quen de intervir sobre un total de 15.800 vivendas galegas.

Programas novidosos

Ademais das axudas específicas para mellorar a eficiencia enerxética, esta tamén supón un requisito indispensable para outros programas, convocados por primeira vez este ano, como o relativo á promoción de aloxamentos temporais, modelos de cohousing e vivendas interxeracionais ou o dirixido tanto a concellos como a empresas e promotoras privadas para construír vivendas destinadas ao alugueiro social.

No que respecta ao primeiro, este conta cun orzamento total de 6,8 millóns de euros para as anualidades desde 2023 ata 2026 e estará aberto o prazo ata o 2 de novembro, salvo esgotamento do crédito dispoñible. Ademais, esta subvención poderá destinarse tanto a inmobles de nova construción como á rehabilitación doutros xa existentes, en ambos casos baixo a obriga de que sexan edificios accesibles e que dispoñan dunha calificación enerxética A, como mínimo.

Precisamente porque ten o obxectivo de promover o aloxamento temporal, as vivendas beneficiadas desta axuda deberá dedicarse a alugueiro durante un prazo mínimo de 20 anos e o prezo deste, por metro cadrado, non poderá superar o das vivendas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea a residencia.

As vivendas destinadas a alugueiro que se beneficien das axudas deberán construírse en edificios con eficiencia enerxética

Por outra banda, no que respecta ao alugueiro social, este ano a Xunta destina 8,4 millóns de euros a axudas para a construción deste tipo de vivendas en edificios enerxeticamente eficientes. O prazo de solicitude remata o 6 de outubro. Ademais, esta liña, convocada por primeira vez, está financiada con fondos europeos do Next Generation, dos cales a metade está destinada a concellos e a outra a promotores privados que constrúan vivendas en terreos de titularidade pública.

Neste caso, as vivendas resultantes deberán destinarse a alugueiro durante un período mínimo de 50 anos e as rendas estarán limitadas polo prezo de renda por metro cadrado das vivendas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea situada a residencia. Alén, as vivendas promovidas por empresas privadas pasarán a ser de titularidade pública cando remate o período de concesión do solo.

Axudas para a compra

Alén da loita contra o cambio climático, outro dos retos deste século, especialmente para Galicia, é o demográfico. Por este motivo a Xunta tamén puxo en marcha diversas convocatorias que teñen como diana a promoción da compra de vivendas.

Por unha banda, para abordar as dificultades da xente nova para independizarse así como para adquirir unha vivenda propia, o IGVS conta con dúas axudas para menores de 35 anos. A primeira delas consiste na concesión de avais hipotecarios que poderán chegar ata o 20% do prezo de adquisición do inmoble co obxectivo de facilitar a compra naqueles casos onde as persoas contan con recursos suficientes para asumir a hipoteca, mais carecen de aforros para dar unha entrada. Esta convocatoria conta cun orzamento de 5 millóns de euros e ten aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de novembro.

A segunda, tamén orientada a facilitar a compra da primeira vivenda para as persoas novas, ten un requisito a maiores: esta debe estar situada nun concello de menos de 10.000 habitantes. Neste caso, a partida orzamentaria é de 1,55 millóns de euros e espérase que teña unha alta demanda posto que, segundo a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, “o ano pasado a Xunta concedeu máis de 360 axudas a mozos para facilitarlles a adquisición da súa vivenda neste tipo de concellos, máis que nas dúas convocatorias anteriores xuntas”. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes para poder beneficiarse desta convocatoria ata o 31 de outubro.

A maior parte de axudas pendentes de convocatoria oriéntanse á rehabilitación de vivendas xa existentes

Por outra banda, co obxectivo de promover a recuperación do patrimonio xa construído ao tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda, a Xunta tamén ten convocadas axudas para comprar vivendas en centros históricos, ás cales destina un orzamento inicial de 500.000 euros. Para esta, o prazo de presentación de solicitudes remata o 2 de outubro.

Alén das mencionadas, tamén hai varias liñas de axudas pendentes de convocatoria, cinco das cales pertencen ao eido da rehabilitación, dúas ao alugueiro e unha para a adquisición ou promoción de vivendas de alugueiro social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Escumas de  poliurea para mellorar a eficiencia enerxética

Unha empresa de Bande idea e  ensambla a súa propia maquinaria para proxectar poliuretanos e  poliureas con infinidade de aplicacións en construción

Unha proposta baseada na teoría de xogos cooperativos para mellorar a xestión enerxética

O investigador Javier B. Cabrera presenta na UVigo unha tese que analiza o consumo dos usuarios e posibles solucións de aforro e diminuír perdas de potencia

Deseñan en Vigo un prototipo para reducir a contaminación das caldeiras de biomasa

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da UVigo colabora na proxecto Sirep, liderado pola empresa Dinak, para levar ao mercado este prototipo

Galicia prevé que en 2020 o 85% do consumo veña de enerxías renovables

As Directrices Enerxéticas 2018-2020, aprobadas este ano, contemplan investir 1.300 millóns en fontes limpas