Sábado 20 Abril 2024

Un equipo de Estados Unidos anuncia a primeira curación dunha muller con VIH

Consegue quedar libre do virus grazas a un transplante de sangue de cordón umbilical, posto que tamén padecía un tipo de leucemia

Hai unha década, unha muller estadounidense foi diagnosticada con VIH. Como tantas outras persoas que teñen a enfermidade, a paciente comezou a recibir terapias antiretrovirais para evitar que o virus destruíra o seu sistema inmunolóxico. Tan só uns anos despois, en 2017, diagnosticáronlle leucemia. Tivo que someterse a uns transplante de sangue de cordón umbilical. E meses despois, o VIH xa desaparecera por completo do seu corpo. Os resultados deste achado acaban de ser presentados por un equipo de científicos estadounidenses nunha conferencia de retrovirus que se celebrou onte en Denver. É todo un fito científico, pois é a primeira muller —da que non trascenderon datos persoais— en quedar libre do virus.

Dous pacientes máis

Con todo, non é a primeira persoa na que se consegue unha remisión total do VIH. Os outros dous foron homes que tamén presentaban cancro de sangue. O primeiro, máis coñecido como “paciente de Berlín”, segundo o portal ScienceAlert, conseguiu estar libre do virus durante unha década, ata que faleceu en 2020 a causa do cancro. O outro home que logrou a remisión do VIH xa leva así máis de dous anos. A esta nómina súmase agora unha muller, a primeira en logralo. Con todo, a terapia que lle aplicaron non foi a mesma á que estiveron sometidos os dous primeiros curados.

Publicidade

A diferenza dos anteriores, a muller recibiu un transplante de sangue de cordón umbilical, que non require dunha compatibilidade inmunolóxica tan potente como un transplante de médula ósea de doantes adultos. Un dos trazos característicos deste tipo de intervención é que o tratamento tarda semanas en asentarse e en xerar suficientes glóbulos brancos. Por iso foi preciso combinalo con transfusións de sangue dun pariente compatible. Esa foi a maneira de asegurar unha defensa temporal mentres se xeraba unha protección máis potente co tempo.

Mutación do xene CCR5

A maiores, o seu doante tiña unha mutación no xene CCR5, que dá maior resistencia ante a infección por VIH. Polo tanto, se o virus non ten un acceso fácil aos glóbulos brancos, é máis complicado que entre e poida destruílos. Meses despois do transplante, e segundo se recolle no portal ScienceAlert, todos os glóbulos brancos T e as células mieloides da paciente derivaban das células nai do cordón umbilical, o que permitiu que se bloqueara o VIH para sempre. Algo que tamén derivou en que a muller deixase de tomar os tratamentos antiretrovirais.

Con todo, e malia o fito científico que supón esta nova, é preciso manter a cautela. Este avance non implica que a terapia vaia estar dispoñible para todos os doentes de VIH. En todo caso, é unha opción para aqueles que tamén presentan cancro de sangue. Polo tanto, e malia que abre un raio de esperanza para moitos pacientes, hai que seguir esperando aos próximos pasos que dea a ciencia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os 10 termos que debes evitar ao falar do VIH

A científica Eva Poveda presenta un "dicionario inclusivo" para desestigmatizar as persoas co virus da inmunodeficiencia humana

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento

Describen por primeira vez como se forma e evoluciona a leucemia

Un equipo revela os mecanismos de regulación xenética que favorecen o desenvolvemento da enfermidade

Pódese transplantar o cerebro?

Considerado “o obxecto máis complexo do universo”, este órgano establece millóns de conexións que controlan todas as funcións do noso corpo